Deuteronomio 27
27
As pedras caleadas para escribir a Lei e o altar dos sacrificios en Xequem
1Moisés e mais os anciáns de Israel ordenáronlle ao pobo nestes termos:
—"Gardade todos os mandamentos que eu vos mando hoxe. 2O día que crucedes o Xordán camiño do país que o Señor, o teu Deus, che vai dar, erguerás pedras grandes e encalaralas con cal, 3e logo escribirás sobre elas todas as formulacións desta lei, ao cruzares para entrares no país que o Señor, o teu Deus, che vai dar, país que deita leite e mel, tal como cho dixo o Señor, Deus de teus pais.
4Cando crucedes o Xordán, ergueredes no monte Ebal esas pedras que eu vos diga e encalarédelas con cal. 5Construirás alí un altar en honra do Señor, o teu Deus, un altar de pedras que non labrarás co cicel. 6Pedras enteiras construirán o altar do Señor, o teu Deus, sobre o que lle ofrendarás holocaustos ao Señor, o teu Deus. 7Sacrificarás sobre el o sacrificio de comuñón e ti comerás alí e alegraraste na presenza do Señor, o teu Deus. 8Sobre as pedras escribirás todas as formulacións desta lei, escribiralas clara e esteticamente".
9Moisés e mais os sacerdotes levitas faláronlle a todo Israel nestes termos:
—"Garda silencio e escoita, Israel: No día de hoxe quedaches convertido nun pobo para o Señor, o teu Deus. 10Por isto has de escoitar a voz do Señor, o teu Deus, e has de pór en práctica os seus mandamentos e mais os seus preceptos, que eu che mando hoxe".
As maldicións
11Ese día Moisés mandoulle ao pobo isto:
12—"Estes son os que han de estar de pé no monte Garizim, para bendicir o pobo, cando crucedes o Xordán: Simeón, Leví, Xudá, Isacar, Xosé e Benxamín. 13Estes son os que han de estar de pé no monte Ebal, por mor da maldición: Rubén, Gad, Axer, Zebulón, Dan e Naftalí.
14Os levitas collerán a palabra e diranlles a todos os homes de Israel en voz alta:
15Maldito sexa o home que faga un ídolo e unha imaxe de fundición —abominación para o Señor, obra das mans dun artista— e o poña en lugar escondido. E todo o pobo collerá a palabra e dirá: Amén.
16Maldito sexa quen desprece a seu pai e a súa nai. E todo o pobo dirá: Amén.
17Maldito sexa quen lle dea para atrás ao marco do seu veciño. E todo o pobo dirá: Amén.
18Maldito sexa quen faga desviarse a un cego do seu camiño. E todo o pobo dirá: Amén.
19Maldito sexa quen torza o dereito de emigrante, do orfo e da viúva. E todo o pobo dirá: Amén.
20Maldito sexa quen se deite coa muller de seu pai, pois destapou un lenzo do mantón de seu pai. E todo o pobo dirá: Amén.
21Maldito sexa quen se deite cun animal calquera. E todo o pobo dirá: Amén.
22Maldito sexa quen se deite coa súa media irmá, filla do pai ou da nai. E todo o pobo dirá: Amén.
23Maldito sexa quen se deite coa súa sogra. E todo o pobo dirá: Amén.
24Maldito sexa quen mate o seu veciño en secreto. E todo o pobo dirá: Amén.
25Maldito sexa quen colla un regalo para matar a aspiración dunha vida inocente. E todo o pobo dirá: Amén.
26Maldito sexa quen non manteña as formulacións desta lei para pólas por obra. E todo o pobo dirá: Amén.
Currently Selected:
Deuteronomio 27: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT