YouVersion Logo
Search Icon

Daniel 7

7
AS VISIÓNS DE DANIEL (cc. 7-12)
Visión dos catro animais simbólicos
1No ano primeiro de Baltasar, rei de Babilonia, Daniel tivo un soño —visións da súa cabeza— mentres estaba na cama. Despois escribiu o soño nas súas liñas esenciais. 2Daniel tomou a palabra e dixo:
Eu estiven vendo as miñas visións durante a noite. Vin que os catro ventos do ceo axitaban o mar grande, 3e catro animais enormes, distintos uns dos outros, saíron do mar. 4O primeiro era coma un león, e tiña ás de aguia. Estíveno ollando ata que lle arrincaron as ás, erguérono do chan, puxérono dereito sobre os seus pés coma un home, e déronlle un corazón de home. 5Nisto apareceu un segundo animal, semellante a un oso; estaba ergueito dun lado e tiña tres costelas na boca, entre os dentes. Dixéronlle: "Érguete e come carne abondo".
6Despois disto, eu seguín mirando e vin outro animal, coma un leopardo con catro ás de ave no lombo. O animal tiña catro cabezas e foille dado o dominio.
7Máis tarde continuei a ollar as miñas visións nocturnas, e vin un cuarto animal, terrible, abraiante e extraordinariamente forte; tiña uns dentes de ferro enormes, comía e trituraba, o que lle sobraba esmagábao coas patas; era diferente dos animais anteriores e tiña dez cornos. 8Eu púxenme a observar os cornos, e vin xurdir outro corno pequeno no medio deles, e tres dos cornos precedentes foron arrincados en fronte deste. Aquel corno tiña ollos que semellaban os dun home, e unha boca que dicía insolencias.
A visión do ancián e mais a do fillo de home
9Eu estaba fitando, cando se colocaron uns tronos e un ancián tomou asento. O seu vestido era branco coma a neve, e os cabelos da súa cabeza coma pura lá; o seu trono eran labaradas de lume; as súas rodas, lume ardente. 10Un río de lume corría e derramábase por diante del; miles de milleiros servíano, e dez mil miríades estaban de pé diante del. O tribunal abriu a sesión, e abríronse os libros.
11Seguín mirando, atraído polas insolencias que profería o corno; estiven observando ata que mataron o animal e esnaquizaron o seu corpo e despois botárono ó lume. 12Os outros animais foilles quitado o poder, pero concedéuselles vida por un certo tempo.
13Proseguín ollando as visións nocturnas, e, velaquí, sobre as nubes do ceo viña alguén semellante a un fillo de home, que se dirixiu cara ó ancián e presentouse diante del. 14Foille outorgado poder, maxestade e imperio, e servírono todos os pobos, nacións e linguas. O seu poder é un poder eterno, que non pasará nunca, e o seu reino endexamais non será destruído.
Explicación da visión
15En canto a min, Daniel, o meu espírito quedou profundamente turbado por este motivo; aterrábanme as visións da miña cabeza. 16Aproximeime a un dos que estaban alí de pé e pedinlle que me explicase todo aquilo. El respondeume e deume a coñecer a interpretación destas cousas:
17Estes catro animais enormes representan catro reis que xurdirán sobre a terra; 18pero os santos do Altísimo recibirán o reino e conservarano no seu poder por todos os séculos, eternamente.
19Entón quixen saber tamén a verdade acerca do cuarto animal, que era diferente de todos os demais: extraordinariamente terrible, con dentes de ferro e gadoupas de bronce, que devoraba e trituraba e esmagaba coas patas o sobrante; 20e acerca dos dez cornos da súa cabeza, e mais o outro corno que lle saíra e fixera caer outros tres cornos; este corno tiña ollos e unha boca que dicía insolencias, e o seu aspecto figuraba máis grande cós outros. 21Eu tiña observado como este corno loitaba contra os santos e os vencía. 22Ata que veu o ancián para impór xustiza en favor dos santos do Altísimo, e chegou o tempo en que os santos tomaron posesión do reino.
23Despois díxome así:
O cuarto animal será un cuarto reino que vai haber na terra, diferente de todos os reinos; devorará toda a terra, mallará nela e trituraraa. 24Os dez cornos son dez reis que xurdirán deste reino. Despois deles alzarase outro, que será diferente dos precedentes e abaterá a tres reis; 25pronunciará palabras contra o Altísimo, tratará de exterminar os seus santos e pretenderá cambiar o calendario e mais a Lei. Eles serán entregados nas súas mans por un tempo, dous tempos e medio tempo. 26Pero cando o tribunal decida, seralles quitado o imperio para ser destruído e exterminado para sempre. 27O imperio, a soberanía e mais a grandeza dos reinos todos que existen debaixo do ceo serán entregados ó pobo dos santos do Altísimo. Será un reino eterno e todas as soberanías lle mostrarán respecto e submisión.
28Aquí remata o informe. No tocante a min, Daniel, eu quedei moi asustado polos meus pensamentos; mesmo cambiou de cor o meu rostro; pero gardei o asunto no meu corazón.

Currently Selected:

Daniel 7: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in