YouVersion Logo
Search Icon

Daniel 6

6
1Darío, o medo, tomou o mando do reino á idade de sesenta e dous anos.
Daniel na cova dos leóns
2Tivo a ben Darío nomear cento vinte sátrapas para que gobernasen todo o seu reino, 3baixo o mando de tres ministros, a quen debían render contas os sátrapas, a fin de que non resultase prexudicado o rei. Un deles era Daniel.
4Daniel sobresaía entre os ministros e os sátrapas, porque tiña un talento extraordinario, de xeito que o rei xa concibira o proxecto de o pór á cabeza de todo o reino. 5Entón os ministros e mais os sátrapas trataron de encontrar algo de que acusar a Daniel no tocante ós asuntos do reino, pero non daban encontrado ningún motivo de acusación nin culpa ningunha, pois el era home leal, e non se achou nel ningún erro nin descoido. 6Dixeron entón aqueles homes: Nisto non imos dar encontrado materia de acusación contra Daniel, trataremos de buscala no tocante á Lei do seu Deus. 7Foron, pois, a toda présa os ministros e mais os sátrapas onda o rei, e dixéronlle:
Que viva eternamente o rei Darío! 8Todos os ministros do reino, os prefectos, os sátrapas, os conselleiros e mais os gobernadores aconsellan de común acordo que sexa promulgado un edicto real para impor a seguinte veda: quenquera que no prazo de trinta días lle rece a calquera deus ou home a non seres ti, rei será botado á cova dos leóns. 9Polo tanto, maxestade, promulga o decreto e sela o documento para que non se modifique, de acordo coa lei dos medos e persas, que é irrevogable. 10E, así, o rei Darío asinou o documento coa prohibición.
11Tan axiña como soubo Daniel que fora firmado o edicto, entrou na súa casa, que tiña as ventás do sobrado orientadas cara a Xerusalén. Tres veces a diario poñíase de xeonllos e rezaba dando grazas ó seu Deus, tal como viña facendo antes. 12Viñeron de contado aqueles homes e sorprenderon a Daniel que estaba a rezar e a pregar ó seu Deus. 13Entón foron onda o rei e faláronlle da prohibición real:
Maxestade, non asinaches ti unha prohibición segundo a cal todo aquel que nun espazo de trinta días lle rece a calquera que sexa, deus ou home, salvo a ti, rei, será botado na cova dos leóns?
Respondeu o rei:
Así está decretado como lei de medos e persas, que é irrevogable. 14Entón replicaron eles en presenza do rei:
Pois, Daniel, un dos deportados de Xudea, non che fai caso a ti, maxestade, nin á prohibición que asinaches: el fai oración tres veces por día.
15En oíndo estas palabras, o rei ficou moi contristado e propúxose salvar a Daniel. Estivo ata o solpor tratando de salvalo. 16Pero aqueles homes precipitáronse na casa do rei, e dixéronlle:
Maxestade, ben sabes que, segundo a lei dos medos e persas, ningunha prohibición ou edicto confirmado polo rei pode ser modificado.
17Entón o rei mandou que trouxesen a Daniel e que o botasen na cova dos leóns. Tomou a palabra o rei e díxolle a Daniel:
Que te salve o teu Deus, a quen serves con tanta constancia.
18Trouxeron unha lousa e colocárona na entrada da cova, e o rei selouna co seu anel e mais co dos seus dignitarios, para que non se puidese cambiar a sorte de Daniel. 19Despois o rei volveu para o seu pazo, e pasou a noite en xaxún. Non permitiu que lle trouxesen concubinas nin puido durmir. 20Pola mañá cediño, ó raiar a aurora, ergueuse o rei e dirixiuse de contado á cova dos leóns. 21Estando xa próximo á cova, púxose a gritarlle a Daniel con voz angustiada:
Daniel, servo de Deus vivo! O teu Deus, a quen serves con tanta fidelidade, deute salvado dos leóns?
22Contestoulle Daniel:
Que viva para sempre o rei! 23O meu Deus mandou o seu anxo a pechar a boca dos leóns, e non me fixeron ningún mal, porque fun atopado inocente ante El. Tampouco cometín falta ningunha contra ti, maxestade.
24O rei alegrouse moito e mandou sacar a Daniel da cova. Sacaron a Daniel da cova, e non lle encontraron ningunha ferida, porque tivera confianza no seu Deus. 25Despois o rei mandou traer a aqueles homes que calumniaran a Daniel e que fosen botados na cova dos leóns, non só eles, senón tamén as súas mulleres e mais os seus fillos. Aínda ben non chegaran ó fondo da cova, cando os leóns xa os tiñan agarrados e trituráronlles todos os ósos.
Darío recoñece a gloria do verdadeiro Deus
26Entón o rei Darío escribiu a todos os pobos, nacións e linguas que moraban sobre toda a terra: "Que a vosa paz sexa grande! 27Eu dou orde de que en todos os dominios do meu reino se tema e se respecte o Deus de Daniel, pois El é o Deus que subsiste por sempre. O seu reino endexamais non será destruído, o seu imperio durará sen fin. 28El salva e libra, obra prodixios e marabillas no ceo e mais na terra; El foi quen librou a Daniel do poder dos leóns".
29Así foi prosperando este Daniel durante o reinado de Darío e tamén durante o reinado de Ciro de Persia.

Currently Selected:

Daniel 6: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in