Daniel 8
8
A visión do carneiro e do macho cabrún
1No ano terceiro do reinado do rei Baltasar, eu, Daniel, tiven unha visión, despois da que tivera ó principio. 2Observei durante a visión, e parecíame que estaba en Xuxán, a fortaleza situada na provincia de Elam; na visión decateime de que me atopaba á beira do río Ulai.
3Alcei a vista e ollei: había un carneiro ergueito a carón do río. Tiña dous cornos, os dous eran altos, pero un era máis có outro, o máis alto nacera máis tarde. 4Observei que o carneiro acometía contra o poñente, contra o norte e contra o sur; ningún animal lle podía facer cara, ningún se libraba da súa furia; facía canto lle viña en gana e andaba oufanándose. 5Mentres eu estaba cavilando, apareceu un macho cabrún que viña de occidente, percorrendo a terra enteira sen tocar o chan. Este macho cabrún tiña un corno ben visible entre os ollos. 6Aproximouse ó carneiro dos dous cornos, que eu vira ergueito a carón do río, e botou a correr cara a el con toda a súa furia. 7Vino chegar á beira do carneiro e revirarse contra el; turrou contra o carneiro e rompeulle os dous cornos. O carneiro non tivo forzas para resistir ante el; botouno por terra e tripouno coas patas. Non houbo quen puidese librar o carneiro do seu poder. 8O macho cabrún fíxose moi grande, pero cando estaba na plenitude do seu poder, rompeulle o gran corno, e no sitio del saíronlle outros catro cornos ben visibles e orientados cara ós catro ventos do ceo. 9Dun deles saíu ademais un corno pequeno que creceu moito, apuntando cara ó sur, cara ó oriente e cara ó País do Esplendor. 10Fíxose grande incluso respecto do exército do ceo, pois botou por terra parte do mesmo e parte das estrelas, ás que pisou coas patas. 11Levantouse contra o mesmo xefe do exército, suprimiulle o sacrificio cotián e derrubou o lugar do seu santuario. 12O exército foille entregado, así coma o sacrificio expiatorio; a verdade foi tirada por terra; actuou así, e deulle resultado. 13Oín entón a dous santos que estaban a falar entre si. Preguntaba un deles:
Ata cando vai durar iso da visión: o sacrificio cotián e mais o expiatorio abolidos, a desolación do santuario e o exército esmagado cos pés?
14Contestoulle o outro:
Dúas mil trescentas tardes e mañás. Despois o santuario será reivindicado.
Explicación da visión
15Mentres eu, Daniel, observaba a visión e trataba de comprendela, apareceu de pé, diante de min, unha figura humana. 16Oín tamén unha voz de home na beira do Ulai, que berrou: Gabriel, explícalle a visión a este.
17Veu el cara a onde estaba eu e, en canto se me acercou, eu fiquei abraiado e caín sobre o meu rostro; pero el díxome:
Home, debes comprender que a visión fai referencia ó tempo final.
18Mentres el me falaba, eu perdín o coñecemento, e seguín co rostro na terra; pero el agarroume e púxome de pé. 19Despois díxome:
Heiche explicar o que vai acontecer no tempo final da ira; porque o prazo derradeiro está fixado. 20O carneiro de dous cornos que viches, representa os reis de Media e Persia; 21o macho cabrún é o rei de Grecia, e o corno grande que tiña entre os seus ollos é o primeiro rei. 22O que rompeu e mais os catro cornos que saíron no seu lugar son catro reinos que xurdirán desta nación, pero non terán a súa forza. 23O remate dos seus reinados, cando teñan chegado ata o colmo as súas atrocidades, xurdirá un rei insolente, experimentado en astucias. 24Chegará a ter moito poder, aínda que non pola súa forza: causará ruínas nunca oídas e prosperará nas súas empresas. Destruirá os poderosos e o pobo dos santos. 25Pola súa habilidade, o fraude triunfará nas súas mans e cubrirase de soberbia o seu corazón; arruinará a moitos con sangue frío. Mesmo se alzará contra o Príncipe dos príncipes, pero será destruído sen intervención humana ningunha. 26A visión referente ás tardes e ás mañás é verdadeira; pero ti mantén secreta a visión, porque se refire a días afastados.
27Eu, Daniel, desfalecín e caín enfermo por algúns días. En canto me erguín, púxenme a atender os asuntos do rei, pero seguía alarmado por causa da visión, sen podela comprender.
Currently Selected:
Daniel 8: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT