YouVersion Logo
Search Icon

Daniel 5

5
O convite de Baltasar
1O rei Baltasar ofreceu un gran banquete ós seus mil dignitarios, e púxose a beber viño en compaña de todos eles. 2Despois de probar o viño, Baltasar mandou traer os vasos de ouro e prata que seu pai, Nabucodonosor, collera do templo de Xerusalén, para que bebesen neles o rei e mais os seus dignitarios, as súas mulleres e as súas concubinas. 3Tan pronto como trouxeron os vasos de ouro e prata, levados do santuario do templo de Deus en Xerusalén, brindaron con eles o rei e mais os seus dignitarios, as súas mulleres e mais as concubinas. 4Beberon viño e loaron os seus deuses de ouro, prata, bronce, ferro, madeira e pedra.
O escrito misterioso
5De repente apareceron os dedos dunha man de home, que, por detrás do candeeiro, se puxeron a escribir no cal da parede do pazo real. O rei así que viu a palma da man que escribía, 6virou de cor e os seus pensamentos conturbárono, afrouxáronselle os músculos dos riles e os seus xeonllos batían un contra o outro. 7O rei pediu a berros que fixesen vir ós astrólogos, meigos e adiviños. Tomando a palabra, díxolles ós sabios de Babilonia:
O que lea este escrito e me mostre a súa interpretación, será vestido de púrpura, poñeráselle ó pescozo un colar de ouro e será o terceiro no goberno do meu reino.
8Acudiron todos os sabios do reino, pero non foron capaces de ler o escrito nin de lle explicar ó rei o seu significado. 9Entón o rei Baltasar ficou moi alarmado e virou de cor; tamén os seus dignitarios se sentiron desconcertados. 10A raíña, informada das palabras do rei e dos dignitarios, entrou na sala do banquete, tomou a palabra e dixo:
Viva o rei eternamente! Non te turben os teus pensamentos nin perdas a cor. 11Hai no teu reino un home en quen mora o espírito dos deuses santos. Xa en tempos de teu pai se achou nel unha mente lúcida e unha sabedoría semellante á dos deuses; tanto que o rei Nabucodonosor, teu pai, nomeouno xefe dos meigos, astrólogos, agoireiros e adiviños. 12Xa que Daniel, a quen o rei chamaba Baltasar, deu probas de ter un espírito extraordinario de ciencia e intelixencia, capacidade para interpretar os soños, descifrar enigmas e resolver problemas, que se chame a Daniel, pois el indicará a interpretación. 13Trouxeron de seguida a Daniel ante o monarca. Este, tomando a palabra, preguntoulle a Daniel:
Es ti Daniel, un daqueles desterrados que trouxo o rei, meu pai, de Xudá? 14Teño oído contar que mora en ti o espírito dos deuses, e que en ti se descubriu unha intelixencia despexada e unha sabedoría extraordinaria. 15Pois ben, acaban de ser introducidos ante a miña presenza os sabios e mais os meigos para que lesen este escrito e me desen a saber a súa interpretación, pero non foron capaces de me explicar o seu significado. 16Oín dicir que ti sabes interpretar os soños e descifrar enigmas; pois, se consegues ler este escrito e me dás a saber a súa interpretación, serás vestido de púrpura, levarás ó pescozo un colar de ouro, e serás o terceiro no goberno do meu reino.
17Daniel tomou a palabra e dixo en presenza do rei:
Queda cos teus regalos e dálle a outro os teus agasallos; eu lerei igualmente o escrito para o rei, e dareille a coñecer a súa interpretación.
18Maxestade: o Deus Altísimo concedeulle a Nabucodonosor, teu pai, o imperio, a grandeza, a gloria e mais a magnificencia; 19e polo poder que lle deu, todos os pobos, nacións e linguas temíano e respectábano. Mataba a quen quería e deixaba con vida a quen lle parecía, exaltaba a quen el quería e humillaba a quen lle daba a gana. 20Pero en canto se ensoberbeceu o seu corazón e se obstinou o seu espírito na insolencia, foi deposto do seu trono real e despoxado da súa gloria. 21Tivo que vivir arredado da xente, o seu corazón tornouse semellante ó dos animais, e conviviu cos onagros; comeu herba coma os bois, e o seu corpo foi mollado polo orballo do ceo, ata que recoñeceu que o Deus Altísimo domina sobre a realeza dos homes e coloca no trono a quen quere. 22Pero ti, Baltasar, seu fillo, non humillaches lo teu corazón, a pesar de saber todo isto; 23rebelácheste contra o Señor do ceo, fixeches traer os vasos do seu templo, e ti e mais os teus dignitarios, xunto coas túas esposas e mais as túas concubinas, bebestes viño neles. Loastes os deuses de prata e ouro, de bronce e de ferro, de madeira e de pedra, que non ven nin oen, nin entenden; en cambio non glorificaches o Deus que ten nas súas mans o teu alento e de quen dependen todos os teus proxectos. 24Por ese motivo foi enviada por El esa man que trazou este escrito.
Lectura e interpretación do escrito
25Esta é a escritura que foi trazada: "Contado, Pesado, Dividido". 26A interpretación de tales palabras é esta: "Contado": Deus ten contados os días do teu reinado, e púxolles fin. 27"Pesado": fuches pesado na balanza e atopado falto de peso. 28"Dividido": o teu reino foi dividido e entregado ós medos e ós persas.
29Baltasar mandou de contado que se lle puxese a Daniel un vestido de púrpura e se lle colgase un colar de ouro ó pescozo, e que pregoasen que el ocuparía o terceiro posto no reino.
30Naquela mesma noite foi asasinado Baltasar, rei dos caldeos.

Currently Selected:

Daniel 5: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in