YouVersion Logo
Search Icon

Daniel 13

13
OUTROS EPISODIOS DA VIDA DE DANIEL (TEXTO GREGO)
Historia de Susana
1En Babilonia vivía un home que se chamaba Ioaquim. 2Casou cunha muller chamada Susana, filla de Quelcías; era moi fermosa e devota do Señor. 3Seus pais eran honrados e instruíran a súa filla segundo a Lei de Moisés. 4Ioaquim era moi rico e tiña un parque a carón da súa casa. Como era o home de máis prestixio entre todos eles, os xudeus acostumaban acudir cabo del. 5Naquel ano foran designados xuíces dous anciáns do pobo, deses dos que ten dito o Señor: "En Babilonia a iniquidade saíu dos anciáns, que eran xuíces e finxían ser guías do pobo". 6Estes ían acotío pola casa de Ioaquim, e todos cantos tiñan preitos viñan onda eles.
7O mediodía, cando o pobo se retiraba, Susana saía a pasear polo parque do seu marido. 8Os anciáns víana a diario cando saía a pasear, e chegaron a sentir paixón por ela. 9Perverteron a súa mente e desviaron os ollos para non ollaren de cara a Deus nin teren en conta os seus xustos xuízos. 10Ámbolos dous entolecían de paixón por ela, pero non se manifestaban un ó outro a súa inquedanza, 11pois dáballes vergonza descubrir o seu desexo, pois arelaban ter relacións sexuais con ela. 12Un día tras outro buscaban devecidos ocasión de a veren. 13Un día díxolle un ó outro:
Ímonos para a casa, que xa é hora de xantar.
Ó saíren, separáronse; 14pero, dando un rodeo, volveron a se encontrar no mesmo lugar, e, tras preguntarse mutuamente por que motivo, confesaron a súa paixón. Entón, de común acordo, trataban de buscar un momento axeitado para a sorprenderen estando soa.
15Aconteceu que, estando eles á espera dun día axeitado, unha vez saíu ela coma en días anteriores acompañada só por dúas criadas, e sentiu ganas de se bañar, pois ía calor. 16Alí non había ninguén, de non seren os dous vellos que a estaban axexando escondidos. 17Susana díxolles ás criadas:
Traédeme o aceite e mais os perfumes e pechade as portas do parque, para que me poida bañar.
18Elas, tal como lles indicara, pecharon as portas do parque e saíron pola porta lateral para traeren o que ela pedira; non se decataron de que os vellos estaban escondidos. 19Tan pronto como saíron as criadas, erguéronse os dous vellos, correron para onda ela, 20e dixéronlle:
Mira, as portas do parque están pechadas, non nos ve ninguén; ademais nós estamos desexosos de ti, así que, dános o teu consentimento e entrégate a nós. 21Se non, daremos testemuño contra ti de que estaba contigo un mozo e que por iso mandaches marchar ás criadas.
22Susana xemeu e dixo:
Véxome acurralada por todas as partes; pois, se fago isto, agárdame a morte; e, se non o fago, non darei fuxido das vosas mans. 23Pero éme preferible non o facer, aínda que caia nas vosas mans, antes que pecar contra o Señor.
24Entón Susana púxose a gritar a toda voz, pero os vellos berraron tamén contra ela. 25Un deles botou a correr e abriu as portas do parque. 26A xente da casa, tan axiña como oíu os gritos no parque, veu correndo pola porta lateral para ver que pasara. 27E cando os vellos contaron a súa historia, os criados quedaron moi avergonzados, porque Susana nunca dera que falar cousa semellante.
Sentencia inxusta contra Susana
28O día seguinte, cando o pobo se xuntou na casa do seu marido, de Ioaquim, acudiron tamén os dous vellos, obcecados co propósito criminal de condenar á morte a Susana. 29Dixeron diante do pobo:
Mandade buscar a Susana, filla de Quelcías, a muller de Ioaquim.
Fórona buscar. 30Veu ela con seus pais, os fillos e todos os seus parentes. 31Susana era moi fina e fermosa. 32Aqueles malvados mandáronlle quitar o veo pois ela ía cuberta para se fartaren da súa beleza. 33Pero todos os seus e cantos a contemplaban, choraban. 34Entón os dous vellos levantáronse do medio da xente e puxéronlle as mans sobre a cabeza. 35Ela, chorando, levantou a vista cara ó ceo, pois o seu corazón confiaba no Señor. 36Os vellos declararon:
Cando nós estabamos paseando sós polo parque, entrou esta con dúas criadas, pechou as portas do parque e mandou marchar ás criadas. 37Entón veu cabo dela un mozo que estaba escondido, e deitouse con ela. 38Nós, que estabamos nunha esquina do parque, en vendo o delito, corremos cara a eles. 39Vímolos abrazados, pero ó mozo non o puidemos apreixar, porque era máis forte ca nós, e, tras abrir as portas, fuxiu. 40Pero a esta apreixámola e preguntámoslle quen era o mozo, 41pero non nolo quixo dicir. Disto somos nós testemuñas.
Como eran anciáns do pobo e xuíces, a asemblea creu neles e condenaron a morte a Susana. 42Susana berrou con voz forte, dicindo:
Deus eterno, que coñeces os segredos,
que o sabes todo antes de que pase,
43ti ben sabes que declararon en falso contra min,
e, velaí, vou morrer, sendo que non fixen nada
de canto estes argallaron perversamente contra min.
44O Señor escoitou a súa voz.
Daniel salva a Susana
45Cando a levaban camiño da morte, Deus suscitou unha santa inspiración nun rapaz chamado Daniel, 46quen exclamou con voz forte:
Eu non son responsable do sangue desta!
47A xente toda volveuse cara a el, e díxolle:
Que significan esas palabras que dixeches?
48El, poñéndose de pé no medio deles, respondeu:
Tan parvos sodes, fillos de Israel? Condenastes a unha filla de Israel sen investigar e sen ter comprobado o caso. 49Volvede ó lugar do xuízo, porque estes testemuñaron en falso contra ela.
50A xente toda volveu de seguida, e os anciáns dixéronlle a el:
Ven, séntate no medio de nós e decláranos o teu parecer, porque Deus concedeuche o privilexio da ancianidade.
51Daniel díxolles:
Separádeos lonxe un do outro, que os vou interrogar eu.
52Logo que estiveron separados un do outro, chamou a un deles e díxolle:
Avellentado polo tempo e a iniquidade! Agora volveron sobre ti os pecados que cometías a miúdo no pasado: 53dabas sentencias inxustas condenando os inocentes e absolvendo os culpables, sendo que o Señor ten dito: "Non matarás o inocente nin o xusto". 54Polo tanto, se a viches, dime: debaixo de que árbore os viches abrazados?
Respondeu el:
Debaixo dun lentisco.
55Replicou Daniel:
Verdadeiramente mentiches contra a túa propia cabeza, porque o anxo de Deus, que xa recibiu a sentencia divina, vaite partir polo medio.
56Despois de mandar retirar a este, deu orde de traer o outro, e díxolle:
Raza de Canaán e non de Xudá! A fermosura seduciute e a paixón perverteu o teu corazón. 57Así faciades coas fillas de Israel, e elas, por medo, deitábanse convosco; pero unha filla de Xudá non tolerou a vosa maldade. 58Pois logo, dime: debaixo de que árbore os sorprendiches abrazados?
Respondeu el:
Debaixo dun carballo.
59Replicou Daniel:
Exacto; tamén ti mentiches contra a túa cabeza, pois o anxo de Deus está agardando coa espada para te fender polo medio, e así acabará convosco.
60Entón a asemblea enteira berrou a toda voz bendicindo a Deus, que salva a cantos esperan nel. 61Despois lanzáronse contra os dous vellos, a quen Daniel puxera en evidencia mesmo por boca deles de seren testemuñas falsas. 62Procedendo en conformidade coa Lei de Moisés, aplicáronlles o castigo que eles tiñan previsto contra o seu próximo, e matáronos. Deste xeito salvouse aquel día unha vida inocente.
63Quelcías e mais a súa muller loaron a Deus pola filla, o mesmo ca Ioaquim, o seu marido, e todos os seus parentes, pois non se atopara nela nada vergonzoso.
64Desde aquel día en diante Daniel gañou moito creto entre o pobo.

Currently Selected:

Daniel 13: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in