Daniel 12
12
Os tempos mesiánicos e a retribución
1Naquel tempo alzarase Miguel, o gran príncipe que protexe os fillos do teu pobo. Será época de angustia, tal que nunca a houbo coma ela desde que as nacións existen ata aquel tempo. Mesmamente naquel tempo salvarase o teu pobo: todos os que se atopen inscritos no libro. 2Moitos dos que dormen no po da terra espertarán: uns para a vida eterna, outros para a ignominia, para a reprobación eterna. 3Os sabios brillarán coma o fulgor do firmamento, e os que educaron na xustiza ós demais serán coma as estrelas por toda a eternidade. 4Pero ti, Daniel, mantén secretas estas palabras e ten o libro selado ata o momento final. Moitos correrán de aquí para acolá e aumentarán o seu saber.
5Eu, Daniel, ollei e vin outros dous homes que estaban de pé, un na beira de acá do río e outro na beira de alá. 6E pregunteille ó home vestido de liño que estaba sobre as augas do río:
Cando acabarán estas cousas prodixiosas?
7O home vestido de liño, que se achaba sobre as augas do río, levantou a man dereita cara ó ceo, o mesmo cá esquerda, e sentinlle xurar por aquel que vive eternamente:
Por un ano, dous anos e mais a metade dun ano. Cando quede totalmente extinguida a forza do pobo santo, entón cumpriranse todas estas cousas.
8Eu oín, pero non cheguei a comprender. Entón preguntei:
Meu señor, cal será o resultado destas cousas?
9El respondeume:
Vaite, Daniel, que estas cousas son secretas, e quedan seladas deica o momento final. 10Moitos tornarán puros, branqueados e acrisolados; pola contra, os malvados seguirán a facer mal; ningún impío comprenderá nada, pero os sabios daranse conta. 11Desde o tempo en que sexa abolido o sacrificio cotián e instalen a abominación da desolación, pasarán mil douscentos noventa días. 12Benaventurado quen poida agardar ata que pasen mil trescentos trinta e cinco días. 13Pero ti vaite e descansa. Xa te levantarás para recibires o teu destino no remate dos días.
Currently Selected:
Daniel 12: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT