Daniel 14
14
BEL E MAIS O DRAGÓN (TEXTO GREGO)
Daniel e os sacerdotes de Bel
1O rei Astiaxes foise xuntar con seus pais, e Ciro, o persa, recibiu o seu reino. 2Daniel convivía co rei, e era o máis honrado de todos os seus amigos. 3Tiñan os babilonios un ídolo chamado Bel; cada día levábanlle medio quintal de fariña peneirada, corenta ovellas e cento trinta litros de viño. 4Tamén o veneraba o rei e ía adoralo cada día, en cambio Daniel adoraba o seu Deus. 5O rei preguntoulle:
Por que non adoras a Bel?
El respondeu:
Porque eu non venero ídolos feitos pola man dos homes, senón o Deus vivo, que creou o ceo e mais a terra e ten poder sobre todo vivente.
6Replicoulle o rei:
Entón, ti non cres que Bel é un deus vivo? Non ves todo o que come e bebe cada día?
7Contestou Daniel sorrindo:
Non te enganes, maxestade, porque este por dentro é de barro e por fóra de bronce, endexamais non comeu nin bebeu.
8O rei, alporizado, chamou ós seus sacerdotes e díxolles:
Se non me dicides quen é o que come este gasto, morreredes; pola contra, se me demostrades que o come Bel, morrerá Daniel por blasfemar contra Bel.
9Daniel díxolle ó rei:
Que se faga conforme dixeches.
10Os sacerdotes de Bel eran setenta, sen contar as mulleres nin os fillos. O rei foi con Daniel ó templo de Bel. 11Os sacerdotes de Bel dixéronlle:
Mira, nós imos saír para fóra. Ti, maxestade, deposita os alimentos, pon o viño despois de mesturalo, pecha a porta e sélaa co teu anel. Se cando volvas mañá cedo descobres que Bel non comeu todo, morreremos nós; en caso contrario, morrerá Daniel, que mentiu contra nós.
12Eles estaban despreocupados, porque fixeran unha entrada secreta por debaixo da mesa, pola que entraban decote e comían as ofrendas.
13En canto tiveron saído aqueles, o rei depositou os alimentos diante de Bel. 14Daniel mandou ós seus criados que trouxesen cinsa e a esparexesen por todo o templo; só estaba presente o rei. Tras saíren, pecharon a porta, selárona co anel do rei e marcharon. 15Pola noite, segundo o seu costume, viñeron os sacerdotes coas súas mulleres e mais os fillos, e comeron e beberon todo.
16O rei madrugou moito, e Daniel foi con el. 17Preguntou o rei:
Están intactos os selos, Daniel?
El respondeu:
Intactos, maxestade.
18Tan pronto como abriu a porta, o rei botoulle unha ollada á mesa e exclamou con voz forte:
Que grande es, Bel! En ti non hai engano!
19Daniel riu e, detendo o rei para que non entrase dentro, díxolle:
Olla o chan e procura pescudar de quen son estas pegadas.
20Repuxo o rei:
Vexo pegadas de homes, de mulleres e de nenos.
21Entón o rei, cheo de furor, mandou prender os sacerdotes, as súas mulleres e os seus fillos. Eles mostráronlle a porta secreta pola que entraban e comían o que había sobre a mesa.
22O rei mandounos matar e a Bel púxoo nas mans de Daniel, quen o desfixo xuntamente co templo.
Daniel mata o dragón
23Tamén había un dragón enorme, que veneraban os babilonios. 24O rei díxolle a Daniel:
Non podes dicir que este non é un deus vivo. Así que, adórao.
25Replicou Daniel:
Eu adoro o Señor, meu Deus, porque El é o Deus vivo. Pero ti, maxestade, dáme permiso e eu matarei o dragón sen espada e sen caxato.
26Contestou o rei:
Estache concedido.
27Entón Daniel colleu pez, graxa e mais pelos, coceu todo xunto, fixo unhas bolas e meteullas na boca ó dragón. O dragón comeunas e rebentou. E dixo Daniel:
Mirade o que estades venerando vós.
Daniel na cova dos leóns
28Sucedeu que cando se informaron os babilonios, puxéronse moi rabiosos, e manifestáronse contra o rei, pois dixeron: "O rei fíxose xudeu; derrubou a Bel, matou o dragón e degolou os sacerdotes". 29Foron onda o rei e dixéronlle:
Entréganos a Daniel; se non, matarémoste a ti e mais a túa familia.
30O rei, ó ver que o ameazaban gravemente, cedendo ante a necesidade, entregoulles a Daniel. 31Eles botárono na cova dos leóns, onde pasou seis días. 32Na cova había sete leóns, cada día botábanlles dous corpos humanos e mais dúas ovellas; pero naquela ocasión non se lles deu nada, para que devorasen a Daniel.
33En Xudea vivía o profeta Habacuc; acababa de preparar un cocido e de esmiuzar pan nun prato, e marchaba para o agro a llelo levar ós segadores. 34Pero o anxo do Señor díxolle a Habacuc:
Leva esa comida que tes, a Babilonia, a Daniel, que está na cova dos leóns.
35Habacuc respondeu:
Señor, nunca vin Babilonia e non coñezo a cova.
36Entón o anxo do Señor colleuno polo curuto e, levándoo agarrado polo pelo da cabeza coa forza do seu espírito, trasladouno a Babilonia, en fronte da cova.
37Habacuc gritou:
Daniel, Daniel, toma a comida que Deus che envía.
38Respondeu Daniel:
Meu Deus, lembrácheste de min! Ti nunca desamparaches ós que te aman.
39Daniel ergueuse e púxose a comer. E o anxo de Deus volveu levar de contado a Habacuc ó seu lugar.
40O sétimo día veu o rei para chorar a Daniel. Aproximouse á cova e ollou cara a dentro, e viu a Daniel sentado. 41Entón, berrando con toda a voz, dixo:
Que grande es, Señor, Deus de Daniel, fóra de Ti non hai outro!
42Fíxoo sacar, e ós causantes do atentado botounos na cova, e nun instante foron devorados na súa presenza.
Currently Selected:
Daniel 14: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT