YouVersion Logo
Search Icon

2 Samuel 3

3
Fillos de David
1A guerra entre a casa de Xaúl e a de David fíxose longa. David medraba, mentres a casa de Xaúl esmorecía.
2A David nacéronlle varios fillos en Hebrón. O primoxénito foi Amnón, fillo de Ahinoam de Iezrael. 3O segundo foi Quilab, fillo de Abigail, a que fora muller de Nabal de Carmel. O terceiro foi Abxalom, fillo de Macah, a filla de Talmai, rei de Guexur. 4O cuarto foi Adonías, fillo de Haguit. O quinto Xafatías, fillo de Abital. 5O sexto Itream, fillo de Eglah, muller de David. Todos eles nacéronlle a David en Hebrón.
Morte de Abner
6No curso da guerra que sostiveron a casa de Xaúl e a de David, Abner fíxose forte na casa de Xaúl. 7Xaúl tivera unha concubina que se chamaba Rispah, filla de Aiah. E Ixbóxet díxolle a Abner: —"Por que te achegaches á concubina de meu pai?"
8Abner enfadouse moito polas palabras de Ixbóxet e dixo: —"Son eu a cabeza dun can de Xudá? Ata hoxe tiven piedade da familia de teu pai Xaúl, dos seus irmáns e dos seus amigos; e a ti non te entreguei no poder de David. E ti pídesme agora contas dunha falta con esa muller? 9Que Deus castigue a Abner, se non fago en favor de David o que o Señor lle ten xurado: 10quitarlle o reino á familia de Xaúl e afincar o trono de David sobre Israel e Xudá desde Dan a Beerxeba". 11Ixbóxet non ousou replicar a Abner do medo que lle tiña.
12Entón mandou Abner mensaxeiros a David para que lle propuxesen da súa parte: —"A quen lle pertence o país?", queréndolle dicir: dáte á avinza comigo e axudareiche a que todo Israel se poña da túa parte. 13David respondeulle: —"Está ben. Farei un pacto contigo. Soamente che pido unha cousa: non te presentes diante de min se non traes contigo, ó vires verme, a Micol, a filla de Xaúl".
14David mandou, pola súa parte, mensaxeiros, que dixeran a Ixbóxet: —"Devólveme a Micol, que eu adquirín como muller por cen prepucios de filisteos". 15Entón mandou Ixbóxet que lla quitasen ó seu home Paltiel, fillo de Laix. 16O seu home foi ata Bahurim chorando detrás dela. Pero alí díxolle Abner: —"Dá a volta". E el deuna.
17Abner díxolles ós vellos de Israel: —"Hai algún tempo queriades que David fose o voso rei. 18Facédeo, logo, agora, pois o Señor ten dito de David: pola man do meu servo David librarei ó meu pobo Israel do poder dos filisteos e do de todos os seus inimigos". 19Abner faloulles tamén ós de Benxamín. Despois foi a Hebrón para falar con David e dicirlle o que decidira Israel e toda a casa de Benxamín.
20Abner chegou a Hebrón, onda David, con vinte homes; e David preparou un banquete para todos. 21Abner díxolle a David: —"Irei e reunirei a todo Israel ó redor do rei, meu señor. Farán un pacto contigo e ti reinarás sobre eles conforme os teus anhelos". Despois diso David despediu a Abner, que marchou en paz.
22Niso chegaron dunha incursión os homes de David e Ioab con eles, traendo un gran botín. Abner non estaba xa en Hebrón, onda David, pois este xa o despedira e el fórase en paz. 23O entrar Ioab cos seus soldados, déronlle a noticia: —"Abner, fillo de Ner, veu onda o rei. Este despediuno e el marchou en paz".
24Ioab presentouse onda o rei para dicirlle: —"Que é o que fixeches? Agora que Abner veu onda ti, por que deixaches que se fose? 25Ti sabes que Abner, fillo de Ner, veu onda ti para engaiolarte, para informarse dos teus movementos e para coñecer os teus proxectos".
26Ioab saíu de onda David e mandou mensaxeiros tras de Abner; e, sen sabelo David, fixérono volver desde o pozo de Sirah. 27Cando Abner estivo de volta en Hebrón, Ioab levouno á parte, a un lado da porta, coma para falarlle en segredo. Alí feriuno no ventre e matouno, en vinganza da morte do seu irmán Asael.
28De que David soubo o acontecido protestou: —"Eu e o meu reino somos inocentes diante do Señor do sangue de Abner, fillo de Ner. 29Que caia sobre a cabeza de Ioab e sobre toda a súa familia. Que na familia de Ioab non deixe nunca de haber tiñosos e leprosos, trencos, mortos á espada e famentos".
30Ioab e o seu irmán Abixai mataron a Abner, porque este matara ó irmán deles, Asael, no combate de Gabaón. 31David ordenoulles a Ioab e ós soldados que tiña con el: —"Rachade as vosas vestiduras, cinguídevos co saco e póndevos de loito por Abner". E o rei mesmo ía camiñando tras do féretro.
32Enterraron a Abner en Hebrón e o rei rompeu a chorar xunto ó sartego. Toda a xente choraba 33e o rei entoou esta elexía por Abner:
"Tiña que morrer Abner coma un necio?
34As túas mans non foran atadas
e os teus pés non foran pexados con cadeas.
Caíches coma cando se cae
por obra de malfeitores".
35O pobo todo seguía chorando por Abner. Despois acercáronse a David para facerlle comer algo, mentres era aínda de día. Pero el xurou: —"Que Deus me castigue, se probo un bocado de pan ou de calquera outra cousa antes da posta do sol". 36A xente escoitou aquilo e aprobouno, pois todo o que o rei facía parecíalle ben.
37Aquel día souberon todos, Israel enteiro, que o rei non tivera que ver coa morte de Abner, fillo de Ner. 38O rei díxolles ós seus servidores: —"Decatádesvos de que hoxe caeu un xefe e un gran home en Israel? 39Hoxe estiven eu brando, mesmo se son o rei unxido. Estes homes, fillos de Seruiah, foron máis duros ca min. Que o Señor lle pague ó malfeitor conforme a súa maldade".

Currently Selected:

2 Samuel 3: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in