YouVersion Logo
Search Icon

2 Samuel 2

2
DAVID, REI DE XUDÁ E DE ISRAEL (2 Sam 2-8)
Rei de Xudá en Hebrón
1Despois diso, David consultou o Señor: —"Debo subir a algunha das cidades de Xudá?" E o Señor respondeulle: —"Sube". David preguntou: —"A cal delas?" O Señor respondeulle: —"A Hebrón".
2David subiu alá coas súas dúas mulleres, Ahinoam de Iezrael e Abigail, a que fora muller de Nabal de Carmel. 3David levou tamén os seus homes, cada un coa súa familia, e establecéronse nos arredores de Hebrón. 4Viñeron os homes de Xudá e unxiron alí a David por rei da casa de Xudá.
David tivo noticia de que os veciños de Iabex de Galaad lle deran terra a Xaúl 5e mandou mensaxeiros para dicirlles ós de Iabex: —"O Señor volo pague, pois fixestes unha boa obra, ó dardes terra a Xaúl, voso señor. 6Que agora o Señor vos trate a vós con misericordia e lealdade. Eu tamén vos tratarei ben, por esta boa obra que fixestes. 7Vós recobrade o valor e sede fortes. Agora que o voso señor Xaúl morreu, a casa de Xudá unxiume a min para que sexa o seu rei".
Abner e Ioab
8Pero Abner, fillo de Ner, xeneral de Xaúl, colleu a Ixbóxet, fillo de Xaúl, levouno a Mahanaim 9e proclamouno rei sobre Galaad, sobre Iezrael, sobre Efraím, sobre Benxamín e sobre todo Israel.
10Ixbóxet, fillo de Xaúl, tiña corenta anos cando empezou a reinar sobre Israel e reinou por dous anos. Soamente a casa de Xudá seguía a David. 11O reinado de David en Hebrón, sobre a casa de Xudá, foi de sete anos e medio.
12Abner, fillo de Ner, e os seguidores de Ixbóxet, fillo de Xaúl, saíron de Mahanaim para Gabaón. 13Da outra parte viña Ioab, fillo de Seruiah, cos seguidores de David. Encontráronse todos onda o estanque de Gabaón, apostándose uns dun lado da represa e os outros do outro.
14Abner propúxolle a Ioab: —"Que saian uns poucos mozos e que loiten ás nosas vistas". Ioab respondeulle: —"Que saian". 15Por Ixbóxet, fillo de Xaúl, presentáronse doce benxaminitas, e por David, doce dos seus seguidores. 16Cada un agarrou pola cabeza o seu contrario e cravoulle a espada nas costelas; e caeron todos a unha. A aquel lugar, que está onda Gabaón, chamóuselle campo do Costelar.
17O combate foi rexo aquel día. Abner e os homes de Israel foron vencidos polos seguidores de David. 18Estaban alí os tres fillos de Seruiah, Ioab, Abixai e Asael. Asael tiña os pés lixeiros, coma unha gacela, 19e correu perseguindo a Abner, sen apartarse de detrás del, nin á dereita nin á esquerda.
20Abner volveuse e preguntoulle: —"Es ti, Asael?" E el respondeulle: —"Son eu". 21Abner díxolle: —"Torce á dereita ou á esquerda, agarra un deses homes e quítalle as armas". Pero Asael non quixo afastarse del. 22Abner díxolle outra vez: —"Arreda de tras de min. Por que me obrigas a botarte á terra? Como me presentaría eu despois diante de Ioab, o teu irmán?"
23El non quixo arredarse e Abner feriuno coa lanza para atrás, dereito cara á illarga, e saíulle polo outro lado. Asael caeu morto alí mesmo. Os que chegaban ó lugar onde Asael caera morto, todos se detiñan. 24Ioab e Abixai saíron perseguindo a Abner. A posta do sol chegaron ó outeiro de Amá, enfronte de Guíah no camiño do ermo de Gabaón.
25Os benxaminitas xuntáronse facendo unha tropa con Abner e detivéronse no cume dun outeiro. 26Abner berroulle a Ioab: —"Seica non se fartará a espada de sangue? Non sabes que o final será amargo? Canto tardarás en dicirlle á túa xente que deixe de perseguir os seus irmáns?" 27Ioab respondeulle: —"Vive Deus que se non falases, o pobo non deixaría de perseguir os seus irmáns ata mañá".
28Ioab tocou a trompeta e todos se detiveron. Deixaron de perseguir a Israel e non seguiron combatendo. 29Abner e os seus homes camiñaron toda aquela noite polo ermo, pasaron o Xordán e, percorrendo todo Bitrón, chegaron a Mahanaim.
30Ioab deixou tamén de perseguir a Abner e reuniu a súa xente. Dos seguidores de David faltaban dezanove homes amais de Asael. 31Pero os seguidores de David mataran trescentos sesenta benxaminitas dos homes de Abner. 32O cadáver de Asael levárono consigo e enterrárono en Belén no sartego da súa familia. Ioab e os seus homes camiñaron a noite toda e amenceulles en Hebrón.

Currently Selected:

2 Samuel 2: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in