2 Samuel 1
1
A nova da derrota de Israel chega a David
1Despois da morte de Xaúl, David, vencedor dos amalecitas, volveu para Siquelag. 2Ao terceiro día disto, chegou un home do campamento de Xaúl, coa roupa toda rachada e a cabeza cuberta de po. Presentouse a David e saudouno, prostrándose rostro en terra.
3David preguntoulle: —"De onde vés?" E el respondeulle: —"Escapei do campamento de Israel". 4David insistiu: —"Que foi o que pasou? Cóntamo!" E el dixo: —"Os soldados fuxiron do combate; moitos deles caeron mortos e morreron tamén Xaúl e o seu fillo Ionatán".
5David preguntoulle aínda ó mozo que o estaba informando: 6—"Como sabes que morreu Xaúl e o seu fillo Ionatán?" O mozo respondeulle: —"Eu atopábame casualmente no monte de Guilboa e vin que Xaúl se apoiaba na súa lanza, ó tempo que os carros e os xinetes estaban para collelo.
7Xaúl volveuse para atrás e, ó verme, chamou por min. Eu díxenlle: Aquí estou. 8El preguntoume: Ti quen es? E eu respondinlle: Son un amalecita. 9Entón díxome el: Bótate a min e remátame; agarroume a vertixe da morte, pero aínda me queda vida. 10Eu boteime entón a el e remateino, pois estaba seguro de que non sobreviviría á caída. Despois quiteille a coroa que levaba na cabeza e o brazalete do seu brazo e aquí llos traio ó meu señor".
11David agarrou o seu manto e rachouno; e o mesmo os seus homes todos. 12Fixeron dó, choraron e xaxuaron ata a tarde por Xaúl, polo seu fillo Ionatán, polo pobo do Señor e pola casa de Israel, que caeran a fío de espada.
13David preguntoulle ó mozo que lle trouxera as noticias: —"Ti de onde es?" E el respondeulle: —"Son fillo dun forasteiro amalecita". 14E David díxolle: —"E como te atreviches a erguer a man para matar o unxido do Señor?"
15David chamou a un dos seus servidores e ordenoulle: —"Acércate onda el e mátao". E o servente feriuno e matouno. 16David dixo cara a el: —"Que o teu sangue recaia enriba da túa cabeza, pois a túa propia boca falou contra ti, cando dixeches: eu matei o unxido do Señor".
Elexía por Xaúl e Ionatán
17David entoou, daquela, por Xaúl e polo seu fillo Ionatán, esta elexía 18e mandou que a aprendesen os fillos de Xudá. Atópase escrita no libro do Xusto.
19—"Ai, a túa flor, Israel, cadáveres nos teus outeiros!
Como caeron os valentes!
20Non o contedes en Gat,
non o pregoedes nas rúas de Axquelón,
para que non se aleden as fillas dos filisteos,
para que non rebulden as fillas dos incircuncisos.
21Montes de Guilboa, nin orballo nin choiva
caian enriba de vós, altas mesetas,
xa que alí se luxaron os escudos dos heroes,
o escudo de Xaúl, non unxido con óleo,
22senón con sangue de feridos e graxa de valentes.
O arco de Ionatán nunca retrocedeu,
nin a espada de Xaúl volveu nunca en baleiro.
23Xaúl e Ionatán, queridos e agarimosos,
nin a vida nin a morte os separou,
máis lixeiros cás aguias, máis fortes cós leóns.
24Fillas de Israel, chorade por Xaúl,
o que vos vestía de púrpura preciosa
e adornaba os vosos vestidos con enfeites de ouro.
25Como caeron os heroes no medio do combate!
Ionatán, ferido de morte nos outeiros!
26Dóiome por ti, meu irmán, Ionatán.
Canto te quería!
O teu amor era máis doce para min
có amor das mulleres.
27Como caeron os heroes
e pereceron as armas da guerra!"
Currently Selected:
2 Samuel 1: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT