YouVersion Logo
Search Icon

2 Samuel 12

12
Denuncia de Natán e penitencia de David
1O Señor mandou a Natán onda a David. O profeta entrou xunto ó rei e díxolle: —"Nunha cidade había dous homes, un rico e o outro pobre. 2O rico tiña grandes rabaños de ovellas e de bois. 3O pobre non tiña nada fóra dunha ovella que mercara.
El criouna e ela ía crecendo, canda el e canda os seus fillos. Coidábaa coma a unha filla. 4Chegou un viaxeiro onda o rico, quen sentindo botar man dunha peza da súa facenda para convidar ó viaxeiro que chegara xunto del, colleulle a ovella ó home pobre e guisoulla ó viaxeiro".
5David enfadouse moito con aquel home e díxolle a Natán: —"Pola vida do Señor, quen fixo iso merece a morte. 6Pagará catro veces a ovella, por ese comportamento sen piedade".
7Entón Natán díxolle a David:
—"Ti es ese home.
E isto di o Señor, Deus de Israel:
Eu unxinte por rei de Israel
e libreite das mans de Xaúl.
8Entregueiche a casa do teu señor
e puxen as súas mulleres nos teus brazos.
Fíxente dono de Israel e de Xudá
e, por se fose pouco,
deiche aínda outras cousas.
9Por que, logo, desprezas a palabra do Señor,
facendo o que el reproba?
Mataches coa espada a Urías, o hitita,
para casares coa súa muller.
Matáchelo coa espada dos amonitas.
10Agora a espada non se afastará da túa casa.
Visto que ti me desprezaches,
tomando para ti a muller de Urías, o hitita,
11isto di o Señor:
Vou facer xurdir contra ti a desgraza
dentro da túa propia casa.
Quitareiche as mulleres
e dareillas a outro diante dos teus ollos,
el deitarase con elas,
á luz deste sol que nos aluma.
12O que fixeches ti ás escondidas,
fareino eu á luz do sol
e á vista de todo Israel".
13David díxolle a Natán:
—"Pequei contra o Señor!"
E Natán díxolle:
—"O Señor perdoa o teu pecado e non morrerás.
14Pero, por desprezares o Señor co que fixeches,
o neno que che naceu ten que morrer".
Nacemento de Salomón
15Despois Natán marchou para a súa casa. E o Señor feriu ó neno que a muller de Urías lle parira a David; púxose moi malo. 16David pediulle a Deus polo neno, fixo un longo xaxún e pasaba as noites tirado polo chan. 17Os anciáns da súa casa trataron de levantalo, pero el negouse e non quixo comer con eles.
18Os sete días morreu o neno. Os serventes tiñan medo de dicirlle a David que o neno morrera, pois pensaban: —"Se, cando o neno vivía, lle falabamos e el non nos facía caso, como lle imos dicir agora que o neno morreu? Faría unha loucura". 19David decatouse de que os serventes andaban falando polo baixo e comprendeu que o neno morrera. E preguntoulles ós serventes: —"Morreu o neno?" E eles dixéronlle: —"Morreu".
20David entón ergueuse do chan, lavouse, perfumouse e mudouse, e logo foise prostrar á casa do Señor. Despois volveu para o seu pazo, pediu de comer, servírono e comeu.
21Os seus serventes preguntáronlle: —"Que quere dicir iso que fas? Cando o neno vivía, xaxuabas e chorabas, e agora que o neno morreu, érgueste e comes". 22El respondeulles: —"Mentres o neno vivía, xaxuaba e choraba, pensando: quen sabe se o Señor me quererá facer a graza de que viva! 23Pero agora que xa morreu, de que serve o xaxún? Podería volvelo á vida? Son eu quen vai cara a el e non el cara a min".
24David consolou a Batxeba, súa muller, entrou onda ela e durmiu con ela. Ela pariulle un fillo, a quen lle puxo por nome Salomón. O Señor amouno 25e mandou polo profeta Natán que lle chamasen Iedidías en homenaxe ó Señor.
Conquista de Rabah
26Nese tempo Ioab seguira co cerco de Rabah dos amonitas ata acabar conquistando a cidade real. 27Entón mandou mensaxeiros a David para dicirlle: —"Ataquei Rabah e recuperei a cidade das augas. 28Agora reúne o resto do exército, acampa ó redor da cidade e apodérate ti dela, non sexa que, se o fago eu, chamen logo á cidade co meu nome".
29David reuniu o resto do exército e foi a Rabah, que atacou e que conquistou. 30Quitou da cabeza a Milcom unha coroa que pesaba un talento de ouro e que tiña pedras preciosas; e púxoa na súa cabeza. O botín que colleu na cidade foi moi grande. 31Sacou da cidade os seus habitantes e púxoos a traballar coa serra e con machetas, con picos de ferro e en fornos de ladrillos. Con todas as cidades amonitas fixo o mesmo. Despois David volveu con todo o exército para Xerusalén.

Currently Selected:

2 Samuel 12: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in