YouVersion Logo
Search Icon

2 Samuel 13

13
Amnón e Tamar
1O tempo sucederon outras cousas. Abxalom, fillo de David, tiña unha irmá moi ben feita que se chamaba Tamar. Dela namorouse Amnón, fillo de David. 2A paixón de Amnón por Tamar, súa irmá, era tan grande que o facía adoecer, pois, sendo ela solteira, parecíalle imposible chegar con ela a cousa ningunha.
3Amnón tiña un amigo chamado Ionadab, fillo de Ximah, irmán de David. Era un home moi arteiro. 4Preguntoulle a Amnón: —"Por que, fillo de rei, estás máis esmorecido cada día? Non mo queres dicir?" Amnón respondeulle: —"Estou namorado de Tamar, irmá de meu irmán Abxalom". 5Díxolle Ionadab: —"Métete na cama e fai que estás doente. Cando o teu pai entre a verte, ti diraslle: deixa que a miña irmá Tamar veña para darme a comida; que a prepare diante de min, que eu a vexa, e comerei da súa man".
6Amnón meteuse na cama, facéndose o doente. O rei foi visitalo e, coa mesma, Amnón pediulle: —"Deixa que a miña irmá Tamar veña onda min e prepare, á miña vista, un par de bicas; quero comelas da súa man". 7David mandoulle recado á casa a Tamar: "chégate onda teu irmán Amnón e prepáralle algo de comer".
8Tamar foi á casa de seu irmán Amnón, que estaba deitado. Colleu fariña, amasouna e diante del fixo unhas bicas e fritiunas. 9Logo sacounas da tixola e serviullas. Pero el non quixo comer. E ordenou: —"Que saian todos para fóra. E saíron todos de onda el".
10Amnón entón díxolle a Tamar: —"Tráeme ese xantar á alcoba e dámo pola túa man". Tamar colleu as bicas que fixera e levoullas á alcoba a seu irmán.
11O acercarllas para que comera, Amnón agarrouna dicindo: —"Ven, irmá; déitate comigo". 12Pero ela díxolle: —"Non, meu irmán; non me obrigues. Iso non se fai en Israel; non cometas esa infamia. 13A onde iría eu coa miña deshonra? E ti quedarías coma un desgraciado en Israel. Fala disto co rei. De seguro, non se oporá a que eu sexa túa".
14Pero el non quixo escoitala. Agarrouna con forza e obrigouna a deitarse con el. 15Axiña Amnón sentiu noxo por ela, un aborrecemento maior aínda có amor que lle tivera. E mandoulle: —"Érguete e vaite". 16Ela respondeulle: —"Non. O mal que farías despedíndome sería maior có que xa me fixeches". Pero el non lle fixo caso. 17Chamou polo criado que o servía e ordenoulle: —"Botade fóra de aquí a esa muller e pechádelle a porta".
18Ela levaba posta unha túnica con mangas, pois así era coma vestían as fillas solteiras do rei. O criado botouna fóra e pechoulle a porta. 19Tamar botou cinsa nos cabelos, rachou a túnica de mangas, levou as mans á cabeza e ía andando e berrando.
20Abxalom, seu irmán, preguntoulle: —"Estivo contigo o teu irmán Amnón? Agora, irmá, cala; el é teu irmán. Non te atormentes por isto". E Tamar, entristecida, quedou na casa de seu irmán Abxalom. 21Cando esas cousas chegaron a oídos de David, este enfadouse moito. 22Abxalom non falaba con Amnón, nin para ben nin para mal. Porque forzara a Tamar, súa irmá, colléralle xenreira.
Morte de Amnón
23O cabo de dous anos, cando Abxalom facía en Baal Hasor de Efraím o tosquiado dos rabaños, convidou ós fillos do rei. 24Abxalom foi onda o rei e pediulle: —"Velaí que o teu servo fai o tosquiado das ovellas. Rógolle ó rei que veña, cos seus serventes, á festa do seu servo".
O rei respondeulle a Abxalom: —"Non, meu fillo. Non imos ir todos e serche unha carga". 25El insistiu, pero o rei non quixo ir e bendiciuno. 26Entón díxolle Abxalom: —"Pois, ó menos, que veña connosco o meu irmán Amnón". O rei respondeulle: —"Para que queres que vaia contigo?" 27Abxalom insistiu e o rei mandou con el Amnón e a todos os fillos do rei.
Abxalom preparou un banquete, coma banquete de rei, 28e ordenoulles ós seus criados: —"Cando vexades que o corazón de Amnón empeza a aledarse co viño e eu vos dea o sinal, feride a Amnón e matádeo. Non teñades medo. Non son eu quen volo manda? Forza! Mostrádevos valentes".
29Os criados fixeron con Amnón o que Abxalom lles mandara. Os outros fillos do rei erguéronse, montaron en cadansúa mula e fuxiron. 30Ian aínda de camiño, cando lle chegou a noticia a David: —"Abxalom matou os fillos do rei sen deixar sequera un". 31O rei levantouse, rachou as súas vestes e botouse por terra, con todos os seus serventes ó seu lado, coas vestiduras rachadas.
32Entón falou Ionadab, fillo de Ximah, irmán de David, e dixo: —"Non pense o meu señor que morreron todos os fillos do rei; morreu soamente Amnón, segundo decidira Abxalom o día en que aquel forzou a Tamar, súa irmá. 33Polo tanto que o rei, meu señor, non se inquiete pensando que morreron os fillos todos do rei, cando morreu soamente Amnón".
34Daquela Abxalom fuxiu. A sentinela ergueu os ollos e viu que ía moita xente polo camiño de Horonaim pola aba da montaña. 35Entón Ionadab díxolle ó rei: —"Aí chegan os fillos do rei. Foi como o teu servo che dixera". 36Cando rematou el de falar, entraron os fillos do rei chorando a berros. Tamén o rei e os seus serventes choraban con grande pranto.
37Abxalom fuxiu e foise acoller onda Talmai, fillo de Amihud, rei de Guexur. David gardou loito polo seu fillo Amnón todo ese tempo. 38Abxalom estivo tres anos fuxido en Guexur. 39David acabou consolándose da morte de Amnón e ensumíase por Abxalom.

Currently Selected:

2 Samuel 13: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in