YouVersion Logo
Search Icon

2 Samuel 11

11
David e Batxeba
1A volta dun ano, na época en que os reis saen á guerra, mandou David a Ioab, cos seus oficiais e co exército israelita, desbaratar o país dos amonitas e poñerlle cerco a Rabah. Mentres tanto David quedou en Xerusalén.
2Unha tarde, ó erguerse do leito, púxose David a pasear pola terraza do pazo, e viu desde alí unha muller que se estaba bañando, unha muller, por certo, moi fermosa. 3David mandou preguntar por ela e dixéronlle: esa muller é Batxeba, filla de Eliam, muller de Urías, o hitita.
4David ordenou que lla trouxesen. Entrou a muller onda el e David deitouse con ela, cando ela se acababa de purificar das súas regras. Despois ela volveu para a súa casa. 5A muller quedou embarazada e mandoulle a dicir a David: estou embarazada.
6Entón mandoulle David este recado a Ioab: "Mándame a Urías, o hitita". E el mandoullo. 7Cando Urías chegou, David preguntoulle pola saúde de Ioab, polo exército e pola marcha da guerra. 8Despois David díxolle a Urías: —"Baixa á túa casa e dáte un baño". Urías saíu do pazo real e detrás del saíu o agasallo do rei. 9Pero Urías deitouse á entrada do pazo, cos serventes do rei, e non baixou a súa casa.
10Dixéronlle a David: —"Urías non baixou á súa casa". David díxolle entón: —"Acabas de vir de viaxe. Por que non vas á túa casa?" 11Urías respondeulle a David: —"A arca, Israel e Xudá viven en tendas, o meu xefe Ioab e os seus oficiais acampan ó raso, e ía entrar eu na miña casa, comer e beber e deitarme coa miña muller? Por ti e pola túa vida, que non farei semellante cousa". 12David díxolle a Urías: —"Queda aínda hoxe e mañá despedireite". E Urías quedou aquel día en Xerusalén.
O día seguinte, 13David convidouno a comer con el e deulle de beber para emborrachalo. A noite saíu e deitouse onda a garda do seu señor, mais non baixou á súa casa. 14A mañá escribiulle David unha carta a Ioab e mandoulla en man por Urías. 15Na carta escribía: —"Poñede a Urías na dianteira, onde máis duro sexa o combate, arredádevos del, e que o firan e morra".
16Ioab, que estaba cercando a cidade, puxo a Urías no sitio onde sabía que estaban os homes máis valentes. 17Saíron os defensores da cidade, combateron contra Ioab e caeron algúns dos soldados de David. Tamén morreu Urías, o hitita.
18Ioab mandou que informasen a David da sorte do combate. 19E díxolle ó mensaxeiro: —"Cando acabes de darlle ó rei o parte do combate, 20se el se alporiza e che di: Por que vos acercastes tanto para atacar a cidade? Non sabiades que dispararían desde o alto da muralla? 21Quen matou a Abimélec, fillo de Ierubaal? Unha muller que botou unha pedra de moer desde o alto do muro, morrendo el en Tebés. Por que vos aproximastes á muralla? Ti diraslle entón: morreu tamén o teu servo Urías, o hitita".
22Marchou o mensaxeiro, chegou xunto a David e comunicoulle a mensaxe de Ioab. 23O mensaxeiro dixo: —"Os inimigos saíron cara a nós ó escampado; eles estábannos vencendo, mais nós botámonos sobre eles cara á porta da entrada. 24Entón tiraron os arqueiros desde a muralla contra os teus servos e mataron a algúns dos soldados do rei. Morreu tamén o teu servo Urías, o hitita".
25David díxolle ó mensaxeiro: —"Dille isto a Ioab: non te aflixas polo que pasou. A espada devora ora para aquí ora para alí. Ti reforza o ataque contra a cidade para arrasala. E ti fai por encoraxalo".
26Cando soubo a muller de Urías que morrera o seu home, fixo loito por el. 27Pasado o tempo do loito, David mandou que viñese á súa casa e tomouna por muller. Ela deulle un fillo. Pero a acción de David non compraceu ó Señor.

Currently Selected:

2 Samuel 11: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in