2 Macabeos 9
9
Morte de Antíoco Epífanes
1Daquela tamén Antíoco se tivera que retirar en desorde do país dos persas, 2pois cando entrou na cidade de Persépolis, intentou saquear o templo e apoderarse da cidade; pero o pobo amotinouse e botouse ás armas, así que Antíoco, derrotado polos habitantes do país, tivo que emprender unha retirada vergonzosa.
3Cando chegaba a Ecbátana, contáronlle o que lle pasara a Nicanor e ás tropas de Timoteo. 4E, todo alporizado, decidiu vingarse nos xudeus das aldraxes que lle fixeran os que o puxeran en fuga. E así deulle orde ó carreteiro de que levase o carro sen parar ata o remate da viaxe. Pero non sabía o castigo que Deus lle tiña gardado, pois dixo con moita fachenda:
—"Cando chegue a Xerusalén hei facer dela un cemiterio de xudeus".
5Pero o Señor que todo o ve, o Deus de Israel, castigouno cunha doenza invisible e incurable; pois de seguida que dixo estas palabras deulle unha dor de ventre insoportable acompañada de agudas picadas no intestino 6—cousa xusta, xa que tamén el torturara as entrañas doutros con moitos tormentos requintados—. 7Pero aínda así non desistiu da súa soberbia; ó contrario, cada vez máis fachendoso e comendo lume contra os xudeus, mandou acelerar a marcha. Pero pasou que, cando ía a toda velocidade, caeu do carro e co golpe todos os membros do corpo lle quedaron trillados. 8Entón, quen había pouco, cheo de arrogancia, pensaba dar ordes ás ondas do mar e pesar na romana os cumes dos montes, estaba agora tirado no chan e tiña que ser levado nunha liteira de xeito que todos puidesen comprobar a forza de Deus. 9Do corpo deste malvado saían vermes, e a carne, viva e todo, íalle caendo a anacos entre dores grandísimas; e non había quen parase no campamento co cheiro que botaba o seu corpo podre. 10A tanto chegou o fedor que ninguén podía transportar a aquel que antes semellaba poder coller o ceo coas mans.
11Entón, ó verse en tal abatemento, deu en depor a súa fachenda; como a dor ía a máis cada vez, decatouse de que aquilo era un castigo de Deus, 12e, sen poder aturar xa o seu propio cheiro, dixo:
—"É xusto que o mortal se someta a Deus e que non teña o atrevemento de se encarar con El".
13O malvado aquel rezáballe ó Señor, que xa non se compadecía del, e dicía 14que deixaría libre a cidade santa cara á que se dirixía a toda présa para a derrubar e facer dela un cemiterio; 15que os mesmos dereitos que tiñan os atenienses llelos daría tamén ós xudeus, dos que antes dixera que lles negaba a sepultura, e que os botaría a eles e ós seus fillos ás feras e ós paxaros carniceiros; 16que adornaría con ofrendas riquísimas o templo santo que pouco antes saqueara, e devolvería en maior número os vasos sagrados; que pagaría os gastos do sacrificio coas súas propias rendas, 17e que ata se faría xudeu e iría polo mundo adiante proclamando o poder de Deus.
18Pero, como as dores non pasaban, pois caera sobre el o xusto xuízo de Deus, xa sen esperanza de mellora, escribiulle esta carta ós xudeus en ton suplicante:
19—"O rei e xeneral Antíoco saúda e desexa prosperidade e benestar ós honrados cidadáns xudeus.
20Coa esperanza posta en Deus, espero que vos atopedes ben, vós e vosos fillos e que os vosos negocios vaian segundo os vosos desexos. 21Eu, estando como estou, doente e sen forzas na cama, lémbrome con agradecemento da vosa estima e achego. Cando volvía de Persia caín gravemente enfermo, e coidei que era necesario pensar na seguridade de todos. 22Isto non quere dicir que non teña esperanza de curar, eu conto con mellorar; 23pero quero seguir o proceder do meu pai que sempre que facía unha expedición bélica cara ás rexións da montaña nomeaba un sucesor seu, 24para que, se pasaba algo imprevisto ou se tiñan malas novas, os súbditos non se inquietasen, pois xa sabían quen collería o mando; 25Amais diso, eu ben sei que os reis dos pobos veciños están axexando e agardando o momento oportuno; por todo isto nomeei rei ó meu fillo Antíoco, que xa vos presentei moitas veces cando tiña que percorrer as rexións do norte. Escribinlle a el a carta adxunta.
26Así que vos pido de corazón que lembredes os beneficios xerais e particulares que vos teño feito, e que teñades co meu fillo a mesma lealdade ca comigo. 27Eu estou seguro de que el, seguindo a miña liña moderada e humana, hase de entender ben con vós".
28E así foi como aquel asasino e blasfemo, envolto en terribles sufrimentos, morreu nas montañas en terra allea, cunha morte miserable, como el tratara tamén ós outros. 29O seu íntimo amigo Filipo trasladou o seu cadáver, pero despois tívolle medo ó fillo de Antíoco e fuxiu para Exipto onda Tolomeo Filométor.
Dereitos reservados: SEPT