2 Macabeos 10
10
Purificación do Templo
1O Macabeo e os seus homes, coa axuda de Deus, apoderáronse do templo e da cidade, 2derrubaron os altares levantados polos estranxeiros nos rueiros e nos lugares sagrados. 3Purificaron o templo, construíron outro altar, e despois dunha interrupción de dous anos, ofreceron un sacrificio con lume sacado dos croios, queimaron incenso, acenderon as lámpadas e presentaron os pans da proposición. 4Despois que fixeron isto, botáronse ó chan e pedíronlle ó Señor que non os deixase caer máis en semellantes desgrazas; que El os castigase con brandura, se é que volvían a pecar, e non os entregase ós bárbaros e blasfemos estranxeiros. 5No mesmo día en que os estranxeiros profanaron o templo fíxose a purificación, o día 25 do mes de Kisleu. 6Celebraron con moita diversión a festa durante oito días coma na festa das Tendas, para facer lembranza de que había pouco, no tempo desta festa das Tendas, vivían coma feras nos montes e nas covas. 7Por iso, con varas enramadas, ramallos verdes e palmas nas mans, cantábanlle himnos ó que lles concedera chegar á purificación do seu templo. 8E ordenaron a todo o pobo xudeu, mediante un decreto aprobado por unanimidade, que celebrasen todos os anos aquelas festas.
Vitorias de Xudas
9E así foi como acabou Antíoco, chamado Epífanes.
10Imos falar agora de Antíoco Eupátor, o fillo daquel malvado, resumindo as desgrazas que trouxeron as guerras.
11Cando tomou posesión do reino, puxo á fronte do goberno a un tal Lisias, comandante maior da Celesiria e de Fenicia. 12Entre tanto Tolomeo, o alcumado Macrón, facíase notar polo trato xusto que daba ós xudeus para compensar as inxustizas de que foran obxecto, e procuraba gobernalos pacificamente; 13pero, por isto foi denunciado polos achegados ó rei, que decote o estaban acusando tamén de traidor porque abandonara Chipre, que lle confiara Filométor, e pasárase ó bando de Antíoco Epífanes. Desesperado, vendo que non podía desempeñar o seu cargo honradamente, envelenouse.
14Gorxias, nomeado xeneral daquelas rexións, sostiña tropas mercenarias e cada pouco andábase metendo cos xudeus. 15Pola súa banda os idumeos, despois de apoderarse de fortalezas ben situadas, tamén molestaban ós xudeus e facían por manter viva a guerra acollendo ós fuxitivos de Xerusalén. 16Os homes do Macabeo pedíronlle a Deus na oración que os viñese axudar, e logo atacaron as fortalezas idumeas; 17Atacáronas con todo o valor, apoderáronse delas, rexeitaron a cantos loitaban nas murallas e acoitelaron ós que caeron nas súas mans. Cando menos mataron a vinte mil.
18Arredor de nove mil refuxiáronse en dúas torres moi fortes e con viandas abondo para resistiren o cerco. 19O Macabeo deixou a Simón, a Xosé e a Zaqueo con xente bastante para manter o cerco, e el marchou a outros sitios onde precisaban máis del. 20Pero os de Simón, levados pola avaricia, deixáronse subornar por algún dos refuxiados nas torres, pagáronlles sete mil dracmas e deixáronos fuxir. 21Cando o Macabeo se informou do caso, xuntou ós xefes do pobo e acusounos de que venderan a seus irmáns por cartos ó deixar fuxir os inimigos. 22Mandou que os executasen por traidores e conquistar de seguida as torres. 23Grazas á súa valentía puido poñer bo final a aquela empresa; nas dúas fortalezas matou a máis de vinte mil homes.
24Timoteo, derrotado antes polos xudeus, xuntou un exército moi grande de tropas mercenarias, trouxo moitísima cabalería de Asia e chegou coa intención de conquistar Xudá. 25Cando os homes do Macabeo souberon que andaba cerca, rezáronlle a Deus cubrindo a cabeza con cinsa e envolvendo o corpo nun saco, 26e pedíronlle, prostrándose diante do altar, que lles botase unha man, que se fixese inimigo dos seus inimigos e adversario dos seus adversarios, como está dito na Lei. 27Así que acabaron de rezar, colleron as armas, saíron bastante da cidade e detivéronse cando viron que os inimigos estaban cerca.
28O abrir o día empezou a loita. Uns tiñan como garantía de éxito e vitoria, amais do seu valor, a confianza no Señor; outros soamente ían guiados pola súa ousadía. 29Cando máis dura estaba a loita, os inimigos viron no ceo cinco personaxes relucentes, montados en cabalos con freos de ouro; puxéronse á fronte dos xudeus, 30colocaron no medio ó Macabeo e defendíano coas súas armas e gardábano incólume mentres disparaban frechas e raios contra os inimigos, que cegados e desnortados, desorganizáronse de todo. 31Morreron vinte mil cincocentos de a pé e seiscentos de a cabalo.
32O mesmo Timoteo tivo que refuxiarse nun forte moi ben defendido chamado Guézer, á fronte do cal estaba Zuereas. 33Os soldados do Macabeo asediaron a torre con moita afouteza durante catro días. 34Os de dentro, moi confiados na boa defensa da cidadela, non paraban de maldicir e de botar xuramentos. 35Pero, ó alborexar o día quinto, vinte mozos do exército do Macabeo, cheos de carraxe por tanto xuramento, asaltaron valorosamente a muralla e mataron con asañamento a cantos se lles puxeron por diante. 36Outros sorprenderon ós cercados escalando a muralla por outra parte; pegáronlles lume ás torres, fixeron fogueiras e queimaron nelas ós blasfemos. Entre tanto outros tiraron coas portas e déronlle entrada ó resto do exército e conquistaron a cidade. 37Mataron a Timoteo que se agachara nunha cisterna, e tamén a seu irmán Zuereas e a Apolófanes.
38Despois desta fazaña loaron con himnos e cántigas ó Señor que tanto fixera por Israel dándolles aquela vitoria.
Dereitos reservados: SEPT