Skip to content

2 Macabeos 8

8
Primeiras vitorias de Xudas o Macabeo
1Entre tanto, Xudas o Macabeo e os seus compañeiros, entrando ás agachadas nas aldeas, falábanlles ós seus parentes e ós que permaneceran fieis ó xudaísmo, e xuntaron arredor de seis mil homes. 2Pedíanlle ó Señor que puxese os seus ollos no seu pobo asoballado por todos e que se compadecese do templo profanado por homes malvados; 3que tivese piedade da cidade arrasada e xa a piques de ser achanzada de todo, que escoitase o berro do sangue que pedía vinganza, 4que se lembrase da inxusta matanza de picariños inocentes e dos xuramentos ditos contra o seu Nome e que dese a ver a súa ira contra o mal.
5Cando o Macabeo se viu cun exército organizado, os inimigos non o puideron vencer, porque cambiárase en misericordia o enfado do Señor. 6Chegaba de súpeto ás cidades e aldeas e poñíalles lume; ocupaba as mellores posicións e facía fuxir a moitos inimigos; 7Aproveitaba a complicidade da noite para estes ataques. Por todas partes chegou a ser moi sonada a súa valentía.
8Filipo decatouse de que este home ía a máis cada día e de que medraban as súas vitorias; entón escribiulle a Tolomeo, gobernador da Celesiria e da Fenicia, para que defendese os intereses do rei. 9Tolomeo escolleu de contado a Nicanor, o de Patroclo, un dos máis achegados ó rei, e mandouno á fronte de máis de vinte mil homes de todas as razas para acabar dunha vez con todo o pobo xudeu; e tamén se lle engadiu Gorxias, un xeneral con moita experiencia de guerra. 10Coa venda dos escravos xudeus Nicanor contaba facer 2.000 talentos de prata para pagar os tributos que o rei lles debía ós romanos. 11Mandou de seguida aviso ás cidades costeiras para que viñesen mercar escravos xudeus, prometendo dar noventa escravos por un talento de prata. Non sospeitaba o castigo do Todopoderoso que xa lle viña enriba.
12Cando Xudas soubo que Nicanor estaba en camiño, deu coñecemento á súa xente da proximidade do inimigo. 13Os covardes e os que non confiaban na xustiza divina fuxiron e fóronse meter noutros sitios; 14pero os outros vendían canto tiñan e pedíanlle ó Señor que os librase do malvado Nicanor que xa os tiña vendidos antes da batalla; 15senón por eles, ó menos pola promesa feita ós seus maiores e polo nome venerable e magnífico con que o invocaban.
16O Macabeo xuntou ós seus homes, arredor duns seis mil, e animounos a que non lle tivesen medo ó inimigo, nin se preocupasen por aquela chea de xente que os atacaba inxustamente; ó contrario, que loitasen con valentía 17tendo en conta a aldraxe que lle fixeron ó lugar santo, o asoballamento inxurioso da cidade e a supresión das súas institucións. 18E díxolles:
—"Se eles confían nas súas armas e no seu valor, nós confiamos no Deus Todopoderoso, que cun só aceno pode esnaquizar a cantos nos atacan e ata o mundo enteiro".
19Lembroulles as intervencións de Deus en favor dos seus maiores, aquela no tempo de Senaquerib, cando morreron cento oitenta e cinco mil homes; 20e aqueloutra da batalla contra os gálatas de Babilonia, cando estaban para combater oito mil xudeus axudados por catro mil macedonios, e aínda que nos macedonios case se deu a desfeita, os oito mil xudeus derrotaron a cento vinte mil inimigos, grazas á axuda que lles veu do ceo, e conseguiron moito botín.
21E deste xeito deulle tantos azos que xa estaban dispostos a morrer pola patria e pola Lei.
Xudas dividiu o exército en catro corpos, 22e á fronte de cada un deles puxo a un irmán seu, Simón, Xosefo e Ionatán, con mil cincocentos homes cada un. 23E mandoulle a Elazar que lese o libro sagrado. Deulles como contrasinal "Deus axuda", púxose á fronte do primeiro corpo e arremeteu contra Nicanor. 24Coa axuda do Todopoderoso mataron a máis de nove mil inimigos, feriron e esnaquizaron a maioría do exército de Nicanor e ós outros obrigáronos a fuxir. 25Colleron os cartos dos que viñeran para mercalos a eles, e logo perseguíronos moito tempo, pero, como xa era tarde, recuaron, 26pois o día seguinte era sábado, e por iso non seguiron máis lonxe. 27Recolleron as armas e o botín dos inimigos e celebraron o sábado loando e bendicindo ó Señor porque coa salvación daquel día lles mostrara os primeiros gromos da súa misericordia. 28Cando pasou o sábado repartiron os espolios entre os damnificados, as viúvas e os orfos, fóra dunha parte que gardaron para si e para os seus fillos. 29E despois organizaron uns actos de oración pública para pediren ó Señor misericordioso que se reconciliase de todo cos seus servos.
30Loitaron tamén contra Timoteo e Báquides e fixéronlles máis de vinte mil baixas; apoderáronse con valentía das cidadelas e repartiron por igual os moitos espolios que colleron: entre eles, os damnificados, os orfos, as viúvas e os vellos. 31Gardaron con coidadiño en sitios axeitados as armas que lles colleron ó inimigo e levaron a Xerusalén o resto dos espolios. 32Mataron ó comandante dos homes de Timoteo, un verdadeiro criminal que lles fixera moito mal ós xudeus. 33Polas festas da vitoria, celebradas na capital, queimaron vivos ós que lles puxeran lume ás portas sagradas, e a Kalístenes, que se agachara nunha casopa; así recibiron o pago da súa ruindade.
34Nicanor, ese grande criminal, que trouxera mil tratantes para a venda dos escravos xudeus, 35humillado, coa axuda de Deus, polos mesmos que el coidaba seren do peoriño, despoxado dos seus luxosos vestidos, andou coma un escravo fuxitivo a través das leiras e chegou a Antioquía, con ben máis sorte có seu exército esnaquizado. 36E así, quen contaba facerse cos tributos debidos ós romanos grazas á venda dos escravos de Xerusalén, proclamaba agora que os xudeus tiñan unha axuda incomparable e que eran invulnerables, pois seguían as leis que Deus lles dera.