Skip to content

2 Macabeos 7

7
Martirio dos sete irmáns con súa nai
1Daquela meteron na cadea a sete irmáns e a súa nai, e o rei mandou que os azoutasen con trallas e vergas para facer que comesen carne de porco, cousa prohibida pola Lei. 2Un deles falou deste xeito no nome de todos:
—"Que é o que queres conseguir de nós? Estamos dispostos a morrer antes que quebrantar as leis dos nosos maiores". 3Entón o rei, todo enrabechado, mandou poñer no lume as tixelas e as potas. Cando deron en ferver, 4o rei mandou que lle cortasen a lingua ó que falara no nome dos demais, que lle arrincasen o coiro cabeludo e que lle cortasen as extremidades á vista dos outros irmáns e mais da nai. 5Cando o rapaz estaba mutilado de todo, o rei mandou que lle puxesen lume e que o fritisen; aínda acoraba o rapaz. Mentres o cheiro da tixela se espallaba todo arredor, os outros dábanse azos coa nai para morrer con dignidade e dicían:
6—"O Señor Deus estanos ollando e xa veredes como se compadece de nós, segundo o que Moisés dixo na cantiga de protesta contra Israel: Hase compadecer dos seus servos".
7Cando morreu deste xeito o primeiro, levaron ó segundo ó suplicio; arrincáronlle o coiro cabeludo e preguntáronlle se quería comer antes que o torturasen membro por membro. 8El respondeu na súa fala:
—"Non!"
Por iso sufriu tamén o mesmo martirio có primeiro.
9E cando xa estaba nas últimas, dixo:
—"Ti, criminal, quítasnos a vida presente, pero o rei do universo hanos resucitar para unha vida eterna a cantos morremos pola súa Lei".
10Despois deron en meterse co terceiro. Mandáronlle botar fóra a lingua e fíxoo de contado; estendeu as mans todo decidido 11e dixo con valentía:
—"De Deus recibín estes membros, e pola súa Lei os entrego; espero recibilos del novamente".
12O rei e os que estaban xunto del quedaron abraiados polo valor do rapaz que non tiña medo ós tormentos.
13Cando este morreu, torturaron de xeito semellante ó cuarto; 14e cando estaba xa para morrer, dixo:
—"Paga a pena que os homes maten a un, cando se espera que Deus nos vai resucitar. Pero ti non has resucitar para a vida".
15De seguida trouxeron ó quinto e atormentárono. 16Este, mirando para o rei, díxolle:
—"Ti, aínda que es un mortal, fas o que queres porque tes poder sobre os homes; pero non vaias pensar que Deus esqueceu ó noso pobo. 17Agarda unha miguiña e xa verás o seu poder, pois que te ha castigar a ti e ós teus descendentes".
18Despois colleron ó sexto, e, estando xa a piques de morrer, dixo:
—"Non te enganes coma un parvo; nós padecemos isto porque pecamos contra o noso Deus; por iso pasan estas cousas abraiantes. 19Pero non vaias pensar que has quedar sen castigo, ti, que ousaches loitar contra Deus".
20Pero o caso máis admirable e digno de lembranza foi o da nai. Nun só día viu morrer ós sete fillos seus, e sufriuno toda valente, poñendo a esperanza no Señor; 21chea de nobres sentimentos íalles dando azos a cada un deles na súa propia fala, e con forza de home e tenrura de muller 22dicíalles:
—"Eu non sei como aparecestes no meu seo, pois eu non vos dei nin o alento nin a vida, nin artellei os vosos membros. 23Foi o creador do mundo, o modelador do home e o principio de todas as cousas. El havos devolver misericordiosamente o alento e a vida a vós que agora vos sacrificades pola súa Lei".
24Antíoco coidaba que a muller o estaba desprezando e que aquelas palabras eran aldraxes; con todo aínda intentou convencer o máis pequeno, que era o que quedaba, prometéndolle, con xuramento e todo, que, se abandonaba as súas tradicións, o había facer rico e feliz, que sería o seu amigo, e que lle daría un bo cargo.
25Vendo que o picariño non lle facía caso ningún, o rei chamou á nai e pediulle que aconsellase ó fillo para proveito del. 26Tanto teimou o rei que á fin a nai aceptou convencer o seu fillo. 27Inclinouse cara ó rapaz e, moqueándose do cruel tirano, díxolle na súa fala:
—"Meu filliño, ten piedade de min que te levei nove meses no meu seo, que che dei de mamar tres anos, que che dei mantenza e crianza ata hoxe. 28Pídoche, filliño, que mires para o ceo e para a terra; olla canto hai neles, e recoñece que Deus fixo todo isto da nada, e esa é tamén a orixe do home. 29Non lle teñas medo a ese verdugo; ponte á altura de teus irmáns e acolle a morte, para que no día da misericordia te atope a carón deles".
30Aínda estaba a nai falando e dixo o rapaz:
—"Que agardas, ho? Eu non acepto o decreto do rei, soamente obedezo os mandamentos da Lei dada por Deus ós nosos maiores por medio de Moisés. 31Ti, que tanto mal nos estás facendo ós hebreos, non te has librar das mans de Deus. 32Certo, nós sufrimos polos nosos pecados, 33e se o Deus vivo está irritado contra nós por certo tempo para castigarnos e corrixirnos, xa se reconciliará outra vez cos seus servos. 34Pero ti, home malvado e criminal sen comparanza, non te enchas de fachenda coma un parvo confiando en esperanzas baleiras, ó tempo que te alporizas contra os servos de Deus, 35porque aínda non escapaches do xuízo de Deus Todopoderoso, a quen nada se lle pasa. 36Meus irmáns, despois de sufriren agora un pouquiño, xa gozan da promesa divina dunha vida eterna; pero ti no xuízo de Deus has recibir os castigos que merece o teu orgullo. 37Eu, coma meus irmáns, entrego o meu corpo e a miña vida polas leis de meus pais, e pídolle a Deus que teña misericordia do seu pobo, que ti mesmo entre castigos e tormentos confeses que soamente El é Deus 38e que a xenreira do Todopoderoso, que tan xustamente se desencadeou contra o meu pobo, se deteña en min e en meus irmáns".
39Entón o rei, todo enrabechado e ferido pola retranca do rapaz, asañouse nel con máis crueldade aínda ca nos outros. 40E así morreu o picariño, sen lixo ningún e con toda a confianza posta no Señor.
41A derradeira morreu tamén a nai, despois de seus fillos. 42E co que contei hai abondo xa sobre os sacrificios e a cruel represión do rei.