2 Macabeos 6
6
As leis da persecución relixiosa
1De alí a pouco tempo, o rei mandou un senador ateniense para que obrigase ós xudeus a abandonar os costumes dos seus maiores, e a non gobernarse pola Lei de Deus, 2coa orde de que profanase o templo de Xerusalén e de que o dedicase a Zeus Olímpico, e o de Garizim, a Zeus Hospitaleiro, como llo pediran os habitantes do lugar.
3O progreso do mal foi terrible e ninguén o podía aturar, 4pois encheron o templo de libertinaxe e de orxías dos pagáns, que andaban de rexouba coas prostitutas e deitábanse con mulleres nos adros sagrados, e enchíano todo de carnes prohibidas. 5O altar estaba cheo de vítimas noxentas, prohibidas pola Lei. 6Non se podían celebrar os sábados, nin gardar as festas tradicionais, nin tan sequera declarar que un era xudeu. 7Pola forza e contra a súa vontade tiñan que tomar parte no sacrificio que se ofrecía todos os meses no día en que o rei nacera; e cando se celebraban as festas de Diónisos, facíanos participar na procesión dedicada a este deus, coroados con hedras.
8Por insinuación de Tolomeo, publicouse un decreto nas cidades gregas veciñas para que fixesen outro tanto cos xudeus, obrigándoos a tomar parte nos sacrificios 9e condenando a morte ós que non quixesen aceptar os costumes gregos. Estábanse vendo xa os males que ían vir.
10Dúas mulleres foron denunciadas por circuncidar os seus fillos. Paseáronas publicamente pola cidade cos filliños pendurados dos peitos e despois guindáronas da muralla embaixo. 11A outros, que se xuntaran nunha cova dos arredores para celebrar o sábado ás agachadas, tamén os denunciaron a Filipo, e queimounos a todos, e nin sequera pensaron en defenderse por respecto relixioso á santidade do sábado.
12Pídolles, por favor, a todos aqueles que teñan este libro nas súas mans que non se escandalicen por estes sucesos; pensen que aqueles sufrimentos non tiñan por finalidade acabar co noso pobo, senón corrixilo. 13Certamente, é un grande beneficio non deixar sen castigo por moito tempo ós que pecan, antes ben corrixilos de seguida que o fan; 14mentres que o Señor agarda con paciencia que os outros pobos enchan a medida dos seus pecados para castigalos, connosco decidiu facer doutro xeito, 15e non agarda a que cheguemos ós lindeiros do mal para castigarnos. 16Xamais non arreda de nós a súa misericordia; non abandona ó seu pobo, nin sequera cando o corrixe coa desgraza. 17Cómpre que non esquezamos esta advertencia. E volvamos xa á nosa historia.
Martirio de Elazar
18A Elazar, un dos principais letrados, home entrado en anos e de aspecto venerable, abríronlle a boca á forza para que comese carne de porco. 19Pero el preferiu morrer con gloria a vivir con vergonza, foi voluntariamente ó suplicio 20cuspindo na carne, como deben facer os que teñen valor para non comer o que non está permitido, aínda que lles custe a vida.
21Os que presidían aquel sacrificio ilegal, de vello amigos deste bo home, levárono á parte e pedíronlle que trouxese carne permitida preparada por el mesmo, e que fixese como que comía a carne do sacrificio mandado polo rei. 22Deste xeito poderíase librar da morte. Facíanlle isto pola amizade que lle tiñan. 23Pero el tomou unha dignísima determinación, como lle acaía á súa idade, á súa venerable ancianidade, ás súas canas ben honradas, á súa conduta inmellorable xa desde neno, e maiormente como lle acaía á lei santa establecida por Deus; respondeu en consecuencia que o enviasen ó reino dos mortos. E díxolles:
24—"Acabade axiña comigo! Pois non lle acae a un home da miña idade ese engano; ademais moitos mozos van pensar que Elazar, ós noventa anos, se pasou ó paganismo, 25e a miña simulación polo apego á pouca vida que me queda vainos desnortar. Iso sería unha vergonza e unha aldraxe para a miña vellez; 26e aínda que polo de agora puidese escapar das mans dos homes, nin vivo nin morto me libraría das mans do Todopoderoso. 27Así que renuncio á vida e morro coma un valente para ser digno da miña vellez 28e deixar ós novos un nobre exemplo de como se debe morrer con valentía e xenerosidade pola nosa lei santa e venerable".
Cando acabou de falar, foi cara ó suplicio.
29Os que o levaban, ó escoitar este razoamento, cambiaron en xenreira o trato humano que lle deran, pois pensaban que eran verdadeiras toleadas.
30Cando xa estaba para morrer de tantos golpes que lle daban, dixo entre salaios:
—"Ben sabe o Señor coñecedor de todo, que podéndome eu librar da morte sufro no meu corpo as atroces dores da flaxelación; pero aturo con gusto todo isto na miña alma polo temor que lle teño".
31E así morreu Elazar, deixando coa súa morte non soamente ós mozos senón tamén a todo o seu pobo unha exemplar lembranza de afouteza e de virtude.
Dereitos reservados: SEPT