Skip to content

2 Macabeos 5

5
Antíoco toma Xerusalén e profana o templo
1Por aquel tempo Antíoco preparou unha segunda expedición a Exipto. 2E sucedeu que durante uns corenta días se vían por toda a cidade cabalerías a galope polo aire, con vestidos de ouro, escuadróns armados con lanzas, 3batallóns de cabalería en formación, refregas e cargas polas dúas partes, escudos en movemento, moreas de lanzas, disparos de frechas, resplandor de armaduras douradas e coirazas de todos os tipos. 4Todos pedían que aquela visión fose un bo agoiro.
5Espallouse entón a falsa nova de que morrera Antíoco, e Iasón, á fronte de mil homes polo menos, atacou de súpeto a cidade. Os que defendían as murallas foron rexeitados, a cidade á fin foi tomada e Menelao refuxiouse na cidadela. 6Daquela Iasón matou sen piedade a moitos dos seus concidadáns, sen decatarse de que unha vitoria sobre os seus mesmos irmáns era a meirande derrota; parecíalle que triunfaba sobre os seus inimigos e non sobre os seus irmáns. 7Con todo, non chegou a coller o poder, e, por fin, aldraxado pola súa mesma traizón, tivo que se volver outra vez para a terra dos amonitas. 8E así foi como acabou este home ruín: levado á cadea por Aretas, rei dos árabes, fuxindo dunha cidade para outra, perseguido por todos, aborrecido como apóstata das leis, odiado como verdugo da patria e dos seus concidadáns, foi exiliado a Exipto. 9E así o que a tantos compatriotas seus desterrara, foi morrer en terra allea, cando fuxía cara a Esparta, onde contaba atopar refuxio por razóns de parentela. 10Ninguén chorou ó que a tantos deixara sen sartego; nin lle fixeron funerais de ningunha clase, nin puido ser enterrado no sartego de seus pais.
11Cando Antíoco soubo o que pasara, pensou que Xudá quería sublevarse. Por iso volveu de Exipto furioso coma un can danado, e tomou a cidade polas armas. 12Mandoulles ós soldados que degolasen sen piedade a cantos atopasen e que matasen ós que se gardaban nas casas. 13Aquilo foi unha matanza de mozos e vellos, un exterminio de homes, mulleres e nenos, un linchamento de mozos e picariños. 14Naqueles días desapareceron oitenta mil: corenta mil mortos e outros corenta mil vendidos coma escravos. 15E non satisfeito con isto, tivo o atrevemento de entrar no templo máis santo do mundo enteiro, guiado por Menelao, convertido nun traidor das leis e da patria. 16E colleu coas súas mans lixadas os vasos sagrados, e coas súas mans sacrílegas repañou tamén as ofrendas que fixeran outros reis para enriquecemento, gloria e honra do lugar santo. 17Antíoco, moi fachendoso, non se decataba de que o Señor estaba alporizado por pouco tempo polos pecados dos habitantes da cidade, e de aí viña o seu desinterese polo lugar santo; 18certamente, se o pobo non estivese tan cheíño de pecados, Antíoco sería castigado con só dar o primeiro paso, e tería que renunciar ó seu atrevemento, como lle pasara a Heliodoro, cando fora enviado por Seleuco para inspeccionar o tesouro. 19Pero o Señor non escollera o pobo para o templo, senón o templo para o pobo; 20e por iso o mesmo lugar santo que participara nas desgrazas do pobo, participou despois tamén no seu esplendor; e o templo, esquecido mentres durou a carraxe do Todopoderoso, foi refeito con todo esplendor ó reconciliárense co Señor altísimo.
21Antíoco colleu uns mil oitocentos talentos de prata do templo, e marchou axiña para Antioquía, coidando —tanta era a súa fachenda!— que podería navegar pola terra e andar de pé polo mar. 22Deixou uns gobernadores que maltrataron ó pobo: en Xerusalén, a Filipo, natural de Frixia, home máis cruel aínda ca quen o mandou; 23en Garizim, a Andrónico, e xa para rematala, a Menelao, o peoriño de todos pola ruindade con que tratou ós seus concidadáns e polo odio que lles tiña ós xudeus.
24Amais diso, Antíoco mandou a Apolonio, xefe dos mercenarios de Misia, cun exército de vinte e dous mil soldados coa orde de matar a todos os homes e vender as mulleres e os nenos. 25Chegou a Xerusalén con aparencia de paz, e agardou a que chegase o día santo do sábado; entón, aproveitando o descanso do sábado, mandou que as súas tropas desfilasen, 26e matou a coiteladas a todos os que saíron ver o desfile; despois percorreu toda a cidade e asasinou a moitísima xente.
27Mentres, Xudas o Macabeo retirouse ó deserto con nove homes máis, e vivía con eles polos montes, coma se fosen feras, e comían herbas para non contaminarse.