Skip to content

2 Macabeos 4

4
Persecución de Antíoco Epífanes. Onías, Iasón e Antíoco Epífanes
1O devandito Simón, o que denunciara o tesouro e traizoara a patria, falaba mal de Onías, dicindo que fora el quen maltratara a Heliodoro e quen lle fixera mal. 2Tiña o atrevemento de chamar inimigo do pobo ó benfeitor da cidade, ó defensor dos seus veciños, e ó afervoado partidario das leis. 3E chegou a tanto a xenreira que algúns dos de Simón ata cometeron asasinatos.
4Onías decatouse do risco que corrían con aquelas rivalidades e de que Apolonio, fillo de Menesteo, gobernador de Celesiria e de Fenicia, encirraba a ruindade de Simón. 5Foi falar co rei, non para acusar os seus veciños, senón coa boa intención de favorecer o interese de todos e cada un, 6pois dábase conta de que sen a intervención do rei sería imposible ter paz no país e que Simón parase de facer toladas.
7Cando morreu Seleuco, sucedeulle Antíoco, o chamado Epífanes; Iasón, o irmán de Onías, teimaba en acadar o sumo sacerdocio valéndose de artimañas. 8Así nunha audiencia prometeulle ó rei trescentos sesenta talentos de prata e oitenta doutras rendas; 9e a maiores diso prometía poñer cento cincuenta talentos se lle daba autorización para construír un ximnasio e un club para os mozos, e para que os habitantes de Xerusalén gozasen de cidadanía antioquena.
10O rei pareceulle ben, e Iasón tomou o mando, e o primeiriño que fixo foi introducir no pobo os xeitos de vida dos gregos; 11suprimiu os privilexios que os reis tiveran a ben conceder ós xudeus grazas a Xoán, pai de Eupólemo, que fora de embaixador a Roma para facer o tratado de amizade e alianza, e suprimiu tamén as institucións legais para introducir costumes alleos á Lei; 12e ata chegou a construír un ximnasio debaixiño mesmo da cidadela e xuntou alí ós mozos máis distinguidos.
13A tanto chegaron os costumes dos gregos e tanto se espallou a moda estranxeira, por culpa de Iasón, que máis ca sumo sacerdote era un desleigado, 14que os sacerdotes xa non se preocupaban dos servizos do culto; todo ó contrario, desprezaban o templo e desinteresábanse dos sacrificios e bulían axiña para participar nos xogos prohibidos da palestra e nas competicións de lanzamento de disco. 15Non tiñan ningunha estima polos propios valores, e coidaban que as glorias gregas eran o melloriño. 16Pero por isto mesmo sufriron unha gran desgraza: aqueles a quen se querían asemellar en todo seguindo os seus costumes, aqueles mesmos convertéronse nos seus inimigos e verdugos. 17Évos cousa moi seria violar polas boas as leis divinas, como se pode ver nos feitos que imos contar.
18Cando se celebraron en Tiro os xogos quinquenais na presenza do rei, 19o desleigado Iasón mandou uns legados antioquenos en representación de Xerusalén, con trescentas dracmas de prata para o sacrificio de Hércules. Pero os que as levaban chegaron ó acordo de que era mellor deixar eses cartos para outros gastos antes que empregalos nun sacrificio que non viña ó caso. 20E así foi como aquel diñeiro, que o doante entregara para o sacrificio de Hércules, foi destinado a construír trirremes pola decisión dos que o levaban.
21Apolonio, o de Menesteo, foi enviado a Exipto para asistir á coroación do rei Filométor; daquela Antíoco informouse de que este rei non estaba de acordo coa súa política, e deu en tomar medidas de seguridade, e por esta razón pasou por Iafa e chegou ata Xerusalén. 22Iasón e a cidade enteira recibírono por todo o alto con fachos e moitas aclamacións. Despois seguiu coas súas tropas cara a Fenicia.
Menelao, sumo sacerdote
23De alí a tres anos, Iasón mandou onda o rei a Menelao, o irmán do devandito Simón, para que lle levase os cartos e tratase con el algúns asuntos de urxencia. 24Pero Menelao, apoiado por boas recomendacións, deulle honores ó rei e fíxose pasar por todo un personaxe, e acadou para si mesmo o sumo sacerdocio, ofrecendo trescentos talentos de prata máis ca Iasón. 25E volveuse co nomeamento real, sen outros méritos para ser sumo sacerdote co asañamento dun opresor cruel e a xenreira dun animal adoecido. 26E así Iasón, que suplantara ó seu mesmo irmán, foi suplantado por outro, e tivo que fuxir para a terra dos amonitas. 27Pero Menelao, unha vez que tomou posesión do seu cargo, xa non se preocupou de pagar os cartos que lle prometera ó rei, 28e iso que llos reclamaba Sóstrates, o prefecto da cidadela, que levaba o asunto dos impostos. Así que o rei chamounos ós dous. 29Menelao deixou como suplente no cargo de sumo sacerdote a seu irmán Lisímaco, e Sóstrates deixou a Crates, o xefe dos chipriotas.
30Mentres, os habitantes de Tarso e de Malos subleváronse porque as súas cidades foran dadas como dote a Antioquida, unha concubina do rei. 31O rei foi alá de seguida para poñer as cousas en orde, e deixou encargado do goberno a Andrónico, un dos seus dignitarios.
32Menelao coidou que aquela era unha boa oportunidade, e roubou algúns obxectos de ouro do templo; deles deulle algúns a Andrónico e outros vendeunos en Tiro e nas cidades de arredor. 33Cando tivo noticias certas do caso, Onías, que se gardara nun sitio sagrado, en Dafne, cerca de Antioquía, reprendeuno. 34Entón Menelao, foi falar a soas con Andrónico e pediulle que matase a Onías. Daquela Andrónico foi ver a Onías; e con moitos enganos deulle a man e fixo xuramento, e convenceu a Onías, que non se acababa de fiar de todo, para que saíse fóra do sitio sagrado; pero, así que saíu, matouno sen respectar ningún dereito. 35Por esta razón tanto os xudeus coma outra xente doutros pobos enchéronse de indignación e non podían aturar aquela morte inxusta. 36Cando volveu o rei de Cilicia foron onda el os xudeus da cidade e os gregos que reprobaban aquela morte, e contáronlle o asasinato inxustificado de Onías. 37Antíoco, fondamente magoado e cheo de compaixón, chorou polo defunto lembrando a súa prudencia e a súa rectitude; 38tanta carraxe lle deu que de contado foi e arrincoulle a Andrónico a púrpura e rachoulle os vestidos; despois mandou que o paseasen por toda a cidade ata o sitio onde matara a Onías; e alí acabou co asasino. Deste xeito recibiu do Señor o castigo merecido.
39Lisímaco fixera moitos roubos sacrílegos en Xerusalén co consentimento de Menelao; xa desapareceran moitos obxectos de ouro cando se aireou o asunto; daquela o pobo sublevouse contra Lisímaco. 40Lisímaco decatouse de que o pobo andaba alporizado e cheo de carraxe, así que armou a uns tres mil homes e mandouno reprimir con violencia; o xefe de operacións era un tal Aurano, home xa de bastantes anos e de maior tolería. 41O ver o ataque de Lisímaco, uns con pedras, outros con estacas e algúns collendo presas de cinsa que alí había, a xente atacou ós de Lisímaco. 42Feriron a moitos, mataron a algúns, e a todos os demais os fixeron fuxir, e ó sacrílego matárono ó pé do tesouro.
43Por estes incidentes Menelao foi procesado, 44e cando o rei chegou a Tiro, tres homes enviados polo Senado presentáronlle o caso. 45Véndose xa perdido, Menelao prometeulle unha boa manchea de cartos a Tolomeo, o de Dorimeno, se convencía ó rei; 46e así foi, Tolomeo invitou ó rei a dar unha voltiña por un pórtico coma se fosen tomar o fresco, e fíxoo cambiar de parecer. 47Absolveu de todas as acusacións ó que era culpable de todo, e, en cambio, condenou a morte a uns coitados que serían declarados inocentes aínda que fosen xulgados nun tribunal bárbaro. 48Os que defenderan a cidade, o pobo e os vasos sagrados, sufriron de contado un castigo inxusto. 49Por esa razón, os de Tiro, en sinal de desacordo co crime cometido, pagaron os gastos do funeral. 50E Menelao, grazas á avaricia dos caciques, seguiu no poder; a súa ruindade ía a máis cada día e converteuse nun asañado perseguidor dos seus concidadáns.