2 Macabeos 3
3
Historia de Heliodoro
1Mentras na Cidade Santa se vivía en paz e se observaban con moito coidadiño as leis, grazas á piedade do Sumo Sacerdote Onías e á súa severidade contra o mal, 2Ata os reis honraban o lugar santo e facíanlle ricos e farturentos regalos. 3Así Seleuco, rei de Asia, sacaba das súas rendas para cubrir os gastos necesarios con que ofrecer sacrificios.
4Pero un tal Simón, da familia de Bilgah, nomeado inspector do templo, enfadouse co Sumo Sacerdote por mor da fiscalización do mercado da cidade. 5Simón, ó ver que non se podía impoñer a Onías, foi ver a Apolonio, fillo de Tarso, daquela gobernador da Celesiria, 6e díxolle que o tesouro de Xerusalén estaba cheíño de riquezas innumerables, que a suma dos fondos era incalculable e que o rei se podería apoderar deles pois sobraba moito dos gastos necesarios para os sacrificios.
7Entón Apolonio foi xunto ó rei e púxoo ó tanto das riquezas denunciadas. O rei escolleu a Heliodoro, ministro da Facenda, e mandouno coa orde de apoderarse das riquezas. 8Heliodoro púxose en camiño de contado e facía que ía visitando as cidades de Celesiria e de Fenicia, pero o que de verdade intentaba era cumprir as ordes do rei. 9O chegar a Xerusalén foi moi ben recibido polo Sumo Sacerdote da cidade; deulle conta a este do que lle comunicaran e da razón da súa viaxe, e preguntoulle se todos aqueles ditos eran certos.
10O Sumo Sacerdote explicoulle, en contra da opinión do desleigado Simón, que se trataba de fondos para as viúvas e os orfos, 11fóra dunha cantidade que pertencía a Hircano, fillo de Tobías, home de moi boa condición social; que a suma de todo o que había era de 400 talentos de prata e douscentos de ouro, 12e que de ningunha maneira se podía prexudicar ós que se fiaran da santidade do lugar e da inviolabilidade do templo venerado en todo o mundo.
13Pero Heliodoro contestoulle que, seguindo as ordes do rei, aquelas riquezas tiñan que pasar ó tesouro real. 14Sinalou un día e dispúxose a entrar para facer un reconto do tesouro.
Isto provocou unha grande inquedanza na cidade. 15Os sacerdotes estaban botados polo chan diante do altar coas vestiduras sacerdotais, pedíndolle ó Deus do ceo, instaurador das leis dos depósitos, para que gardase intactos os cartos da xente que alí os deixara. 16Non se podía ollar o rostro do Sumo Sacerdote sen que lle doera a un o corazón, ata tal punto a súa cara e cor cambiadas deixaban ver a angustia que levaba dentro; 17o medo que o invadiu e o tremer do seu corpo daban fe a quen o ollase da fonda mágoa do seu corazón. 18A xente saía en riolas das súas casas para participar nas rogativas públicas en favor do lugar santo a piques de ser aldraxado. 19As mulleres, cinguindo o peito con sacos, enchían as rúas; as mozas, que estaban recollidas nas casas, unhas corrían cara ás portas da cidade, outras cara ás murallas e outras debruzábanse nas ventás; 20todos rezaban erguendo as mans cara ó ceo.
21Daba pena ver toda aquela chea de xente angustiada botándose por terra, e a ansiedade do Sumo Sacerdote cheo de ansiedade.
22Mentres todos lle pedían ó Señor todopoderoso que gardase intactos os cartos da xente que alí os metera, 23Heliodoro comezou a levar a cabo o seu plano. 24Estaba xa coa súa escolta ó pé do tesouro, cando o Soberano dos espíritos e de todo poder se manifestou de forma extraordinaria, de xeito que todos os que se atreveron a entrar quedaron sen forzas e atordados, feridos polo poder de Deus. 25Aparecéuselles un cabalo enfeitado con moita riqueza e montado por un cabaleiro terrible; nunha arrincada violenta botouse contra Heliodoro coas patas dianteiras; o cabaleiro levaba posta unha armadura de ouro. 26Aparecéronselles tamén dous mozos fortes e varudos, vestidos magnificamente, que se colocaron un a cada lado de Heliodoro, e azoutándoo déronlle unha malleira grandísima. 27De súpeto Heliodoro caeu no chan envolto nunha negrura pecha, e tivérono que recoller e colocárono nunha liteira.
28Así quen había pouco entrara no tesouro con grande acompañamento e cunha forte escolta, saía agora levado por outros sen se poder valer, e cunha boa experiencia da soberanía de Deus. 29Mentres el, ferido pola forza de Deus, estaba alí deitado, mudo e sen moita esperanza de salvación, 30os xudeus loaban ó Señor porque manifestara a súa gloria no lugar santo, e o templo, pouco antes cheo de medo e de inquedanza, reloucaba agora de alegría e xúbilo pola aparición do Señor todopoderoso. 31Algúns dos compañeiros de Heliodoro foron de seguida pedirlle a Onías que invocase ó Altísimo para que lle dese a vida a aquel que estaba a morrer. 32O Sumo Sacerdote, temendo que o rei puidese sospeitar que os xudeus atentaran contra Heliodoro, ofreceu un sacrificio pola súa cura. 33No momento en que o Sumo Sacerdote ofrecía o sacrificio de expiación, aparecéronselle outra vez a Heliodoro os mesmos mozos, coa mesma vestimenta, e dixéronlle:
—"Xa lle podes dar grazas ó sumo sacerdote Onías, pois por el concédeche o Señor a vida. 34E xa que fuches castigado por Deus, anuncia a todo o mundo o seu grande poder".
En dicindo isto, desapareceron.
35Heliodoro, despois de ofrecer un sacrificio ó Señor e de facer grandes promesas a quen lle outorgara a vida, despediuse de Onías e volveuse coas súas tropas para onda o rei, 36e daba fe diante de todos dos milagres do Deus altísimo que vira cos seus mesmos ollos. 37E cando lle preguntou o rei quen sería o máis apropiado para mandalo a Xerusalén, contestoulle:
38—"Se tes algún inimigo ou alguén que conspire contra o teu reino, mándao alá, e ti has ver como volve ben castigado; iso si é que volve con vida, porque naquel sitio ten que haber unha forza divina. 39O que habita no ceo pousa os ollos naquel lugar para gardalo, e castiga coa morte ós que alí se achegan para facer mal".
40Esta foi a historia de Heliodoro e da conservación do tesouro.
Dereitos reservados: SEPT