Skip to content

2 Macabeos 2

2
1Dise nos documentos que o profeta Xeremías mandou ós deportados que collesen do lume devandito 2e, ó entregarlles a Lei, recomendoulles que non esquecesen os mandatos do Señor, nin se deixasen levar polos ídolos de ouro e prata tan ben enfeitados. 3E exhortounos con outros consellos semellantes para que non arredasen a Lei dos seus corazóns.
4Dise tamén neste escrito que o profeta, segundo unha revelación divina, mandou levar con el a tenda e mais a arca cando foi cara ó monte a onde subira Moisés para ver a herdanza de Deus. 5En chegando ó monte, Xeremías atopou unha cova, e meteu nela a tenda, a arca e mais o altar do incenso, e pechou a entrada. 6Algúns dos que o acompañaron foron alá despois para marcar o camiño, pero non puideron dar con el. 7Cando o soubo Xeremías, berroulles e díxolles:
—"Este sitio vai permanecer descoñecido ata que Deus teña piedade e redima ó seu pobo. 8Entón mostrará o Señor outra vez eses obxectos, e aparecerá a gloria do Señor e a nube, como aparecera no tempo de Moisés e tamén cando Salomón pediu que o templo fose santificado solemnemente".
9Tamén se dicía no devandito documento que Salomón, home moi sabio, ofreceu o sacrificio do remate e da dedicación do templo. 10O mesmo que Moisés rezou ó Señor e baixou lume do ceo que acabou coas vítimas, así tamén rezou Salomón e baixou lume do ceo que acabou co holocausto. 11Moisés dixo: —"Por non comeren a vítima ofrecida polo pecado, o lume acabou con ela". 12Tamén Salomón celebrou a festa durante oito días.
13Tamén se contan estas cousas nos escritos e memorias de Nehemías, e que este montou unha biblioteca na que estaban os libros dos reis, os escritos dos profetas e de David, e as cartas dos reis sobre doazóns. 14Tamén Xudas se fixo con todos os libros esparexidos por mor das guerras que tivemos que aguantar; agora están nas nosas mans, 15Así que, se tedes necesidade deles, mandade alguén que volos leve.
16E como estamos xa para celebrar a festa da Purificación, mandámosvos esta carta, para que neses días tamén vós fagades festa.
17Deus salvou a todo o seu pobo e deulles a todos a herdanza, o reino, o sacerdocio e o santuario, 18como o prometera na Lei; esperamos agora que teña axiña misericordia de nós e que nos xunte no lugar santo desde todas as nacións do mundo, pois El librounos xa de grandes desgrazas e purificou o santuario.
Prólogo
19A historia de Xudas o Macabeo e de seus irmáns, a purificación do gran templo, a dedicación do altar, 20As guerras contra Antíoco Epífanes e o seu fillo Eupátor, 21e as aparicións celestes en favor dos que loitaron xenerosamente polo xudaísmo, para que, aínda que eran poucos, puidesen reconquistar todo o país e poñer en fuga a toda unha chea de bárbaros, 22restaurar o templo de tanta sona en todo o mundo, liberar a cidade, restablecer as leis a piques xa de seren abolidas, grazas a que o Señor se compadeceu deles con grande misericordia, 23todas estas cousas foron escritas por Iasón de Cirene en cinco libros, e nós imos ver de resumilas nun só volume.
24En efecto, considerando a chea de números que hai e o traballoso que ten que resultar tanta materia xunta para quen se interesa polos feitos históricos, 25procuramos ofrecer entretemento espiritual ós amantes da lectura, dar facilidades ós estudosos que aprenden as cousas de memoria, e ser de utilidade a todos cantos lean este libro.
26Para os que emprendemos o traballo de facer este resumo, non foi cousa doada, ó contrario, custounos moitas suores e vixilias. 27Quen prepara un banquete co desexo de dar gusto ós outros, emprende un traballo difícil; pois así nós, para merecer a gratitude de moitos soportamos de boa gana este traballo. 28Deixando, pois, ó historiador a tarefa de contar as cousas con todo detalle, ímonos ater ás normas dun resumo. 29Podémonos comparar —coido eu— co arquitecto que levanta unha casa; el ten que planear o conxunto da construción, mentres que o decorador e o pintor soamente se coidan da ornamentación. 30O historiador pídeselle que pescude e indague os feitos con todo detalle e detemento; 31pero a quen fai un resumo permíteselle que sexa breve e non se lle esixe que conte os feitos con todo detalle.
32Comecemos, entón, a narración, pois abonda xa de prólogo, que é unha cousa sen sentido alongar a introdución dunha historia e logo ser breve contándoa.