Skip to content

2 Macabeos 1

1
Cartas ós xudeus de Exipto
Primeira carta
1Os irmáns xudeus de Xerusalén e de Xudá saúdan ós irmáns de Exipto e deséxanlles paz e prosperidade.
2Que Deus vos encha das súas bendicións e que se acorde da alianza que fixo con Abraham, Isaac e Xacob, fieis servos seus. 3Que vos dea a todos un bo corazón para adoralo e cumprir os seus mandamentos animosamente e de boa gana. 4Que abra o voso corazón á súa Lei e ós seus preceptos, e que vos conceda a paz. 5Que escoite as vosas oracións, se reconcilie convosco e non vos abandone nos momentos de desgraza.
6Velaí a nosa oración por vós.
7Durante o reinado de Demetrio, no ano cento sesenta e nove, nós, os xudeus escribímosvos: —"Envoltos nas desgrazas e na persecución que estabamos sufrindo naqueles anos, cando Iasón e os seus partidarios traizoaron a causa da terra santa e do reino, 8incendiaron o pórtico do templo e verteron sangue inocente, nós acudimos ó Señor e El escoitounos. Ofrecémoslle un sacrificio e flor de fariña, acendemos as lámpadas e presentamos os pans".
9Polo tanto celebrade vós agora a festa das Tendas do mes de Kisleu.
Ano cento oitenta e oito.
Segunda carta
10Os habitantes de Xerusalén e de Xudá, o senado e Xudas saúdan e desexan prosperidade a Aristóbulo, preceptor do rei Tolomeo, da familia dos sacerdotes consagrados, e ós de Exipto.
11Dámoslle moitas grazas a Deus por ternos salvado de grandes perigos e por guiarnos na loita contra o rei, 12pois de certo foi El quen desfixo ós que fixeron a guerra contra a cidade santa. 13E así cando o seu xeneral, acompañado dun exército que parecía invencible, chegou a Persia, foi esnaquizado no templo de Nanea, grazas a unha trampa que lle armaron os sacerdotes de Nanea. 14Co motivo de casar coa deusa Nanea, Antíoco entrou no templo cos seus amigos para apoderarse das súas inmensas riquezas coma dote. 15Cando os sacerdotes de Nanea lle trouxeron e mostraron o tesouro, el entrou no recinto do santuario cuns cantos compañeiros; despois de que entrou Antíoco, pecharon o santuario, 16e, abrindo unha trampa no teito, mataron a cantazos ó xeneral e ós seus acompañantes. Despois esnaquizáronos, cortáronlles a cabeza e botáronllela ós que estaban fóra. 17Sexa sempre bendito o noso Deus que acabou cos impíos!
18Como imos celebrar a purificación do templo no día vinte e cinco do mes de casleu, pareceunos cousa obrigada comunicárvolo para que tamén vós celebredes a festa das Tendas e mais do lume que se atopou cando Nehemías ofreceu sacrificios despois de reconstruír o templo e mais o altar. 19Pois cando os nosos maiores foron deportados a Persia, os piadosos sacerdotes de entón colleron lume do altar e ás agachadas escondérono nunha cova que parecía un pozo seco; e tan ben o esconderon que ninguén deu co sitio. 20Moitos anos despois, cando Deus quixo, Nehemías, enviado polo rei de Persia, mandoulles buscar o lume ós fillos dos sacerdotes que o esconderan; pero, segundo dixeron eles, en vez de atopar lume o que atoparon foi un líquido moi mesto. Nehemías mandou que collesen dese líquido e que llo levasen. 21Cando as vítimas estaban xa preparadas derriba do altar, Nehemías mandoulles ós sacerdotes que botasen daquel líquido pola leña e polo que había sobre ela. 22Así o fixeron. E de alí a pouco saíu o sol que antes estaba encuberto polas nubes, e acendeuse unha labarada que deixou abraiado a todo o mundo. 23Mentres se ía consumindo o sacrificio, os sacerdotes e todos os presentes rezaban, Ionatán principiaba e os demais respondían con Nehemías. 24Esta era a oración:
—"Señor, Señor Deus, creador de todas as cousas, terrible e forte, xusto e agarimoso, único rei bondadoso, 25único benfeitor e único xusto; todopoderoso e eterno, que salvas a Israel de todo mal, que escolliches e santificaches a nosos pais: 26Acolle este sacrificio por todo o teu pobo Israel, garda e santifica a túa herdanza, 27xunta ós nosos emigrantes, dálles a liberdade ós que están vivindo coma escravos dos pagáns, protexe ós desherdados e asoballados, para que recoñezan os pagáns que ti es o noso Deus. 28Castiga ós opresores que nos aldraxan cheos de soberbia. 29Transplanta ó teu pobo para o teu lugar santo, como dixo Moisés".
30Os sacerdotes cantaban himnos.
31Cando xa se consumiu o sacrificio, Nehemías mandou botar o líquido que sobrara derriba doutras penas. 32Así o fixeron, e acendeuse un lume; pero apagouse de seguida diante do resplandor da luz do altar.
33Cando isto se soubo, e lle dixeron ó rei de Persia que no sitio en que os sacerdotes deportados esconderan o lume aparecera un líquido co que os compañeiros de Nehemías prenderan lume ó sacrificio, 34o rei, despois de comprobar o feito, mandou acoutar o sitio e declarouno sitio sagrado. 35Aquel día foi día de festa, e o rei recibiu e deu moitos regalos. 36Os compañeiros de Nehemías chamáronlle a aquel líquido néftar, que quere dicir purificación, pero moitos chámanlle nafta.