Skip to content

2 Macabeos 14

14
Intrigas de Alcimo. Alianza e loitas con Nicanor
1De alí a tres anos, Xudas e os seus informáronse de que Demetrio, o fillo de Seleuco, desembarcara no porto de Trípoli cun exército poderoso e cunha escuadra, 2e de que se apoderara do país despois de matar a Antíoco e ó seu titor Lisias. 3Un tal Alcimo, que fora antes Sumo Sacerdote, pero que se contaminara voluntariamente nos tempos da revolta, decatándose de que para el xa non había posibilidade de ser rehabilitado nin de acceder ó altar santo, 4foi onda o rei Demetrio, aló polo ano cento cincuenta e un e ofreceulle unha coroa de ouro, unha palma, e, amais diso, os tradicionais ramos de oliveira do templo; naquel día non fixo máis nada. 5Pero aproveitou a ocasión de mostrar a súa astucia cando Demetrio o chamou ó consello. O ser preguntado sobre as disposicións e planos dos xudeus, 6respondeu:
—"Hai uns xudeus que se chaman asideos e que, baixo as ordes de Xudas, o Macabeo, fomentan guerras e revoltas e non deixan que o reino viva en paz. 7Por iso eu, desposuído da dignidade dos meus avós —estoume referindo ó sumo sacerdocio— vin aquí agora 8maiormente preocupado de verdade polos intereses do rei, e despois tamén pensando nos meus compatriotas, xa que pola irreflexión dos devanditos homes, toda a nosa xente está sufrindo moito. 9Infórmate ben, rei, de todo isto, e mira polo noso país e pola nosa xente desgraciada, de acordo cos sentimentos humanitarios que tes con todos. 10Mentres Xudas siga vivindo é imposible que haxa paz".
11Cando el acabou de dicir isto, os demais amigos que estaban a mal con Xudas de contado deron en avivar os ánimos de Demetrio. 12Este escolleu de seguida a Nicanor, xefe do escuadrón dos elefantes, nomeouno gobernador de Xudea e mandouno aló 13coa orde de matar a Xudas, de espallar as súas tropas e de rehabilitar a Alcimo como Sumo Sacerdote do templo aquel tan maxestoso. 14Os estranxeiros que en Xudea andaban escapados por mor de Xudas xuntáronselle en riolas a Nicanor, coidando que a desventura e a desgraza dos xudeus serían de proveito para eles.
15Cando os xudeus tiveron noticias da expedición de Nicanor e de que os estranxeiros se lle xuntaran, cubríronse de po e deron en suplicar a Aquel que estableceu ó seu pobo para sempre e que arreo coida da súa herdanza con feitos prodixiosos. 16Por orde do seu xefe saíron axiña daquel sitio e trabaron batalla con eles cerca de Dessau. 17Simón, o irmán de Xudas, atacou a Nicanor, pero, por mor da aparición inesperada de inimigos, sufriu unha pequena desfeita. 18Mais Nicanor, coñecedor da afouteza dos homes de Xudas e do valor con que loitaban pola patria, non quixo resolver a situación polo sangue. 19E por iso enviou a Posidonio, a Teodoto e mais a Matatías para concertar a paz. 20Despois dun longo estudio das propostas o xefe comunicoullas á tropa, e vendo que todos estaban de acordo determinaron de dar o visto e prace ó tratado. 21Puxeron un día para atoparse nun mesmo lugar os dous xefes. De cada lado adiantouse un carro e colocaron asentos. 22Xudas deixara apostados homes armados en sitios estratéxicos, dispostos a intervir no caso de que os inimigos actuaran de súpeto con falsidade. Pero o encontro foi sen novidade. 23Nicanor quedouse algún tempo en Xerusalén, sen facer nada que chamase a atención e despediu as multitudes que en riolas viñeran onda el. 24Tiña sempre a Xudas ó seu lado, pois chegara a collerlle afecto. 25Aconselloulle que casase e que tivese fillos. Xudas casou, viviu con tranquilidade e gozou da vida.
26Alcimo, ó ver as estreitas relacións que os unían, fíxose cunha copia dos acordos establecidos e presentouse onda Demetrio dicindo que Nicanor actuaba en contra dos intereses do estado, pois designara sucesor seu a Xudas, o perturbador do reino. 27O rei alporizado e enrabechado polas falsidades deste home de mal, escribiulle a Nicanor dicíndolle que non aprobaba o tratado e mandándolle que de contado lle remitise ó Macabeo encadeado a Antioquía.
28Cando Nicanor recibiu estas ordes moito se entristeceu, pois non quería anular o acordado, xa que Xudas nada malo fixera. 29Pero como non podía desobedecerlle ó rei, andaba á procura do momento a xeito para cumprir as ordes do rei valéndose dun engano. 30O Macabeo decatouse de que Nicanor o trataba dunha maneira máis dura e de que era máis frío nas súas relacións normais; e coidou que tal comportamento non era bo sinal. Xuntou a bastantes seguidores seus e escondeuse con eles de Nicanor. 31Cando este advertiu que fora burlado pola habilidade de Xudas, chegouse ó grandioso e santísimo templo na hora en que os sacerdotes ofrecían os sacrificios rituais, e esixiu que lle entregasen a aquel home. 32Eles aseguraron con xuramento que non sabían onde se atopaba; 33entón estendendo a man dereita cara ó templo dixo este xuramento:
—"Se non me entregades preso a Xudas, arrasarei este santuario, esnaquizarei o altar e construirei aquí mesmo un templo marabilloso a Diónisos".
34Despois de que dixo isto, marchou; os sacerdotes coas mans ergueitas cara ó ceo, deron en rezarlle ó que sempre loita en favor do noso pobo dicindo:
35—"Ti, Señor de todas as cousas, aínda que non andas necesitado de nada, tiveches a ben poñer no medio de nós o templo da túa morada. 36Agora, pois, Señor santo de toda santidade, garda para sempre sen lixo esta casa hai pouco purificada".
37Daquela, Razías, un dos anciáns de Xerusalén, foi denunciado a Nicanor. Era un home amante dos seus concidadáns, de moi boa fama, que polo seu bo corazón era chamado "pai dos xudeus"; 38denunciárono por culpa de que nos tempos anteriores á revolta fora acusado de xudaísmo e de que por el arriscara o corpo e a vida cunha teima admirable.
39Nicanor quería deixar ben claro a xenreira que lles tiña ós xudeus, e entón mandou máis de cincocentos soldados para prendelo, 40pois coidaba que co seu arresto lles causaba un bo prexuízo. 41Cando as tropas estaban xa a piques de apoderarse da torre e de forzar a porta do adro, con orde de poñerlles lume ás portas e queimalas, Razías cercado todo de arredor, botouse sobre a súa espada; 42quixo mellor morrer con honra que caer naquelas mans criminais e ser aldraxado dun xeito que non lle acaía á súa nobreza. 43Pero, ó non acertar o golpe por razón da precipitación do asalto, vendo que a tropa xa irrompía polas portas a dentro, botouse a correr con afouteza cara ás murallas e guindouse coma un valente sobre a multitude; 44A xente retirouse de seguida e el veu caer no oco aberto. 45Aínda vivo e co ánimo afoutado, ergueuse a pesar de que o sangue lle saía a cachóns e de que as feridas eran graves; botouse ás carreiras polo medio da tropa, subiu a un penedo fragoso, 46e alí, xa case sen sangue, arrincou os seus intestinos e colleunos coas dúas mans, lanzounos contra as tropas, e despois de rezar ó dono da vida e mais do espírito para que llos devolvese outra vez, finou.