Skip to content

2 Macabeos 13

13
1No ano cento corenta e nove coñeceron os homes de Xudas que Antíoco Eupátor avanzaba cara a Xudá cun exército moi grande, 2e que tamén viña con el Lisias, preceptor seu e encargado do goberno; o exército que traían era de cento dez mil soldados gregos de a pé, cinco mil trescentos de a cabalo, vinte e dous elefantes e trescentos carros. 3Xuntóuselles tamén Menelao que con moita astucia animaba a Antíoco, e non porque quixese librar a súa patria, senón porque esperaba ser restituído no seu cargo.
4Pero o Rei de reis excitou a carraxe de Antíoco contra aquel criminal. Lisias fíxolle ver ó rei que Menelao fora o causante de todas as revoltas; entón Antíoco mandou que o levasen a Berea e que o axustizasen alí seguindo os costumes daquel pobo. 5Había alí unha torre duns cincuenta cóbados de alto, chea de remol, cun aparato viradoiro, que do lado que fose, sempre deitaba a un cara á cinsa; 6Alí botaban para que morrese ó que fixera un roubo sacrílego ou outros crimes igualmente graves. 7E así foi como acabou o desleigado aquel, Menelao, que nin sequera foi honrado cunha sepultura. 8Cousa xustísima que quen tantos delitos cometera contra o altar, que ten un lume e unhas cinsas santas, atopase na cinsa a súa morte.
9O rei seguiu avanzando cheo de sentimentos feroces e disposto a mostrarse máis duro cos xudeus ca seu pai. 10Xudas, ó sabelo, mandou que a súa xente pedise de día e de noite ó Señor para que, como fixera noutros momentos, tamén agora viñese axudar os que estaban en perigo de quedárense sen Lei, sen patria e sen templo, 11e para que non permitise que xentes blasfemas asoballasen o pobo, agora que este principiaba a alentar. 12Puxéronse todos a rezar xuntos, e pedíronlle ó Señor misericordioso con laios, xaxúns e axeonllándose durante tres días. Xudas animounos e mandoulles que estivesen dispostos. 13E, despois de consultar cos senadores, decidiu emprender a marcha e resolver a situación —sempre contando coa axuda de Deus— antes de que o rei invadise Xudá co seu exército e se apoderase da capital. 14Poñendo todo nas mans do Creador do mundo, deulle azos á tropa para que loitase con afouteza ata a morte polas leis, o templo, a cidade, a patria e as súas institucións. E foi acampar nos arredores de Modín. 15Deulles ós seus homes o contrasinal de "vitoria de Deus", e cun fatiño de mozos dos máis valentes atacou de noite a tenda do rei; matou case dous mil homes e tamén o elefante principal co que estaba enriba del. 16Logo encheron o campamento de pánico e confusión e largáronse vitoriosos. 17O alborexar xa todo estaba feito, grazas á axuda que o Señor lles concedera.
18O ver o rei o destemidos que eran os xudeus, intentou apoderarse das fortalezas valéndose de trampas. 19Achegouse a Betsur, un outeiro xudeu fortificado; atacouno, e foi rexeitado; volveu a atacar e vencérono. 20Xudas mandou provisións ós cercados. 21Rodoco, un soldado do exército xudeu, comunicoulle ó inimigo segredos da defensa; descubrírono, prendérono e axustizárono.
22O rei volveu a parlamentar cos de Betsur; fixeron as paces e retirouse. Logo foi atacar ós de Xudas, pero vencérono. 23Entre tanto soubo que Filipo, a quen deixara como encargado do reino, se revirara en Antioquía. Quedou abraiado. Pediulles a paz ós xudeus e xurou que aceptaría todas as peticións xustas; fixeron as paces e ofreceu un sacrificio, honrou o templo, gardoulle respecto ó lugar santo. 24Recibiu moi ben ó Macabeo e puxo a Hexemónides como gobernador do territorio que vai desde Tolemaida ata Guerar. 25Despois foise para Tolemaida; pero os habitantes desta cidade non viron ben os tratados, estaban indignados e queríanos anular. 26Lisias, entón, subiu á tribuna e esforzouse por defender a cousa; conseguiu devolverlles a calma, e regresou para Antioquía.
Esta é a historia da chegada e da marcha do rei.