Skip to content

2 Macabeos 15

15
Derrota de Nicanor
1Soubo Nicanor que Xudas e mais os seus andaban pola bisbarra de Samaría, e acordou atacalos sen correr risco no día do descanso. 2Os xudeus que o tiveran que acompañar pola forza dixéronlle: —"Non mates de maneira tan inhumana e bárbara; respecta o día santificado de xeito especial por Aquel que todo o ve". 3Pero aquel home, ruín sen comparanza, preguntou se no ceo había un Señor que mandara santificar o día do sábado. 4Eles respondéronlle: —"Hai un Señor que vive como soberano do ceo; El mandou santificar o día sétimo". 5Entón Nicanor dixo: —"Pois eu son o soberano da terra; e mando coller as armas e servir o rei". Mais non puido realizar aquel proxecto malvado.
6Mentres Nicanor, con fachenda, pensaba erixir un trofeo público pola vitoria sobre os homes de Xudas, 7o Macabeo esperaba cunha fe cega a axuda de parte do Señor, 8e exhortaba ós que estaban xunto del a que non temesen o ataque dos estranxeiros, e a que, lembrándose do amparo que noutrora lles viñera do Ceo, agardasen tamén agora a vitoria que lles había vir de parte do Todopoderoso. 9Alentábaos con citas da Lei e dos Profetas, recordáballes as batallas que xa superaran e así devolveulles a coraxe. 10Para avivar os ánimos fíxolles ver a ruindade dos estranxeiros e a violación dos xuramentos. 11Armounos a todos, máis ca coa seguridade dos escudos e das lanzas, con palabras alentadoras; e contoulles un soño digno de fe, unha visión que os alegrou a todos. O seu soño era este:
12Onías, que fora Sumo Sacerdote, home bo e honrado, distinguido pola súa amabilidade, polas súas boas maneiras, e polas súas palabras xustas e precisas, dado desde a súa nenez á práctica do ben, rezaba polo pobo xudeu cos brazos abertos. 13E aparecéuselle un home distinguido pola súa idade e mais a súa dignidade, rodeado dunha maxestade abraiante e magnífica. 14Onías falou e dixo: —"Velaquí o que lles quere ben ós seus irmáns, o que reza moito polo seu pobo e pola cidade santa, Xeremías, o profeta de Deus". 15Xeremías coa súa man dereita entregoulle a Xudas unha espada de ouro, e díxolle: 16—"Recibe, como regalo de Deus esta espada sagrada; con ela esnaquizarás os inimigos".
17Animados con estas fermosas palabras de Xudas, capaces de levar ó heroísmo e de fortalecer os corazóns dos mozos, acordaron non se gardar no refuxio, senón atacar valentemente e resolver a situación loitando con afouteza, pois a cidade, a relixión e mais o templo estaban en perigo. 18Para eles a preocupación polas súas mulleres, fillos, irmáns e demais parentes era cousa secundaria; o primeiro e máis importante era o templo sagrado. 19Os que quedaron na cidade tamén eles estaban angustiados coa preocupación pola loita en campo aberto. 20Todos agardaban o resultado que se ía producir. Os inimigos concentráronse e dispuxéronse para a loita; os elefantes estaban nos seus postos e a cabalería en orde polas alas. 21O Macabeo, ó ver o avance das tropas, a variedade do seu equipamento e a fereza dos elefantes, estendeu as mans cara ó ceo e deu en invocar o Señor que fai prodixios, pois ben sabía que a vitoria non depende das armas, senón da decisión daquel que lla dá a quen é merecente dela. 22Velaquí o rezo que fixo Xudas:
—"Ti, Señor, nos tempos de Ezequías, rei de Xudá, mandaches o teu anxo que matou cento oitenta e cinco mil homes do exército de Senaquerib; 23manda tamén agora, Soberano dos ceos, un anxo bo diante nosa que poña medo e arrepío. 24Que a forza do teu brazo desfaga ós que blasfemando viñeron atacar o teu pobo santo". E non dixo máis nada.
25A tropa de Nicanor avanzaba ó son das trompetas e dos cantos de guerra; 26os homes de Xudas principiaron a loita con rezos e pregarias. 27Loitaban coas mans, pero rezaban a Deus no seu corazón; deste xeito abateron trinta e cinco mil homes, ou máis. Moito se alegraron por aquela axuda manifesta do Señor. 28Cando xa volvían, cheos de gozo polo éxito, descubriron que Nicanor estaba morto no chan coa súa armadura. 29Entón no medio dos berros e do balbordo déronlle grazas a Deus na fala de seus pais. 30E o que loitara con todas as forzas do seu corpo e da súa alma polo ben dos seus concidadáns e que desde mozo se mantivera fiel ó seu pobo, mandou que a Nicanor lle cortasen a cabeza e o brazo dereito polo ombreiro, e que os levasen a Xerusalén.
31Tan axiña como chegou alá, convocou ó pobo e ós sacerdotes, púxose diante do altar e mandou vir ós da cidade. 32Amostróulles a cabeza do malvado Nicanor e o brazo que aquel blasfemo erguera insolente cara á santa morada do Todopoderoso; 33despois cortou a lingua do malvado Nicanor e mandou que llela deran en anacos ós paxaros e mais que pendurasen enfronte do templo o instrumento da súa tolería. 34Daquela todos ergueron os seus ollos cara ó Ceo e bendiciron ó Señor que se lles manifestara, dicindo: —"Benia o que conservou sen lixo o seu lugar santo".
35A cabeza de Nicanor quedou pendurada na cidadela, coma sinal claro e evidente para todos da axuda do Señor. 36E acordaron todos por unanimidade non deixar pasar aquel día sen darlle solemnidade, e celebrar o día trece do duodécimo mes, chamado en siríaco Adar, a véspera do día de Mardoqueo.
Epílogo
37Estes son os acontecementos relacionados con Nicanor. Como desde aquela a cidade quedou en poder dos hebreos, eu tamén vou poñer fin aquí mesmo ó meu traballo. 38Se quedou fermoso e ben redactado, ese era o meu desexo; se é deficiente e mediocre, eu fixen o que puiden. 39Do mesmo xeito que o viño só e a auga soa non fan ben, e cómpre mesturalos para acadar un gusto bo e agradable, así tamén a axeitada disposición dun relato é grata ós oídos dos que lean a obra. E con isto acabei.