2 Macabeos 12
12
Vitorias de Xudas sobre os pobos veciños
1Cando cerraron as negociacións, Lisias volveu onda o rei, e os xudeus dedicáronse ós traballos do campo. 2Pero os gobernadores locais Timoteo, Apolonio o de Gueneo, Xerome e Demofón, e tamén Nicanor o xefe dos chipriotas, non os deixaban vivir tranquilos e en paz. 3E os habitantes de Iafa cometeron un crime arrepiante. Invitaron ós xudeus que vivían entre eles a subir coas súas mulleres e cos seus fillos ás barcas que eles mesmos prepararan, sen mostrar ningunha inimizade 4e coma se se tratase dun desexo común de toda a cidade. Os xudeus aceptaron porque querían vivir en paz e non sospeitaban nada malo. Pero, cando estaban en alta mar, botáronos á auga; eran arredor de duascentas persoas. 5Cando Xudas coñeceu aquela crueldade contra os seus compatriotas, comunicoullo á súa xente, 6e, invocando a Deus, xuíz xusto, foise contra os asasinos dos seus irmáns. Queimoulles o porto de noite, púxolles lume ós barcos e matou ós que se refuxiaran alí. 7Como a cidade estaba pechada, retirouse, pero coa intención de volver outra vez e acabar con todos os habitantes de Iafa. 8O saber que os de Iamnia pensaban facer o mesmo cos xudeus que alí había, 9Atacounos por sorpresa de noite e púxolles lume ó porto e ós barcos, e tanto foi o clamor do incendio que se vía desde Xerusalén, que está a douscentos corenta estadios.
10A nove estadios de alí, cando ían contra Timoteo, saíronlle ó camiño cando menos cinco mil árabes con cincocentos de a cabalo. 11O combate foi moi duro, pero venceron os de Xudas, grazas á axuda de Deus. Os árabes derrotados pedíronlle a paz e prometíanlle entregarlles gando e axudalos de alí en diante. 12Xudas viu que certamente lle poderían ser útiles en moitas cousas, e fixo as paces con eles; e despois disto os árabes fóronse para as súas tendas.
13Atacou tamén unha cidade chamada Caspín, que estaba defendida con foxos e murallas e poboada por xente de todas as razas. 14Os de dentro, confiados nas fortes murallas e nos moitos víveres que tiñan, portáronse coma bocaláns cos homes de Xudas, aldraxábanos, e ata blasfemaban e botaban xuramentos. 15Os de Xudas, invocando ó máis grande soberano do mundo, que no tempo de Xosué derrubara Xericó sen arietes e sen máquinas de guerra, botáronse contra as murallas cheos de afouteza. 16Cando, porque Deus o quixo, conquistaron a cidade, fixeron unha matanza tan grande que unha lagoa que alí cerca había duns dous estadios de ancho parecía chea do sangue que nela entrara.
17Despois dunha marcha de 750 estadios, chegaron a Cáraca, onde viven os xudeus tobianos. 18Non atoparon a Timoteo por aquela bisbarra, porque ó non conseguir nada, marchara de alí, pero deixara no sitio unha gornición moi forte. 19Entón dous oficiais do Macabeo, Dositeo e Sosípatros foron alá e mataron a toda a gornición que Timoteo deixara alí, máis de dez mil homes.
20O Macabeo dividiu o seu exército en escuadróns, puxo á fronte deles a Dositeo e Sosípatros, e marchou contra Timoteo, que tiña un exército de cento vinte mil de a pé e dous mil cincocentos de a cabalo. 21Sabedor do avance de Xudas, Timoteo mandou as mulleres e os meniños e toda a bagaxe para un lugar chamado Carnaim, inexpugnable e de difícil entrada porque aquela bisbarra era moi accidentada. 22Aínda ben non apareceu o primeiro escuadrón de Xudas, o pánico apoderouse dos inimigos. Unha aparición de quen todo o ve meteulles tal medo no corpo que deron en fuxir, botándose por cadanseu lado, estorbándose e feríndose os uns ós outros.
23Xudas perseguiu con valentía a aqueles criminais e matou arredor duns trinta mil. 24O mesmo Timoteo caeu nas mans dos homes de Dositeo e de Sosípatros, e pedíalles que o deixasen libre, pois tiña no seu poder os pais e irmáns de moitos que o ían pasar mal se o mataban a el. 25Prometeu con toda clase de seguridade que os devolvería sans e salvos e soltárono porque querían salvar os irmáns.
26Despois Xudas asaltou Carnaim e o santuario de Atargates e matou a vinte e cinco mil homes. 27Logo desta derrota e matanza, marchou contra Efrón, cidade ben fortificada onde vivía Lisias cunha chea de xente de todas as razas. Defendían as murallas mozos membrudos postos en rea ó pé delas, que loitaban con valor, e dentro tiñan boa provisión de material e de máquinas de guerra. 28Pero os xudeus, invocando ó Omnipotente, que co seu poder esnaquiza a forza dos inimigos, apoderáronse da cidade e mataron a vinte e cinco mil dos seus habitantes.
29Partiron de alí e dirixíronse cara a Escitópolis, que dista de Xerusalén máis de seiscentos estadios. 30Pero como os xudeus daquel sitio deron fe de que os de Escitópolis foran bos con eles e que os acolleran con humanidade nos días difíciles, 31Xudas e os seus agradecéronllelo e pedíronlles que seguisen tratando ben á súa xente; despois volveron para Xerusalén porque xa estaba cerca a festa das Semanas.
32Despois da festa de Pentecoste os xudeus marcharon contra Gorxias, gobernador da Idumea. 33Gorxias saíu con tres mil de a pé e catrocentos de a cabalo. 34Empezaron o combate e caeron algúns xudeus. 35Un tal Dositeo, cabaleiro valente dos de Bacenor, agarrou a Gorxias polo manto e arrastrouno con forza, pois quería coller vivo a aquel malvado; pero un dos xinetes tracios botouse contra Dositeo e deslombouno, e así Gorxias puido fuxir cara a Marexah.
36Os soldados de Esdrías andaban moi cansos porque estiveran loitando moito tempo; entón Xudas pediulle ó Señor que fose o seu aliado e guía no combate. 37Entoou na súa propia lingua un canto de guerra e atacou por sorpresa ós de Gorxias que tiveron que fuxir. 38Xudas xuntou o exército e marchou cara á cidade de Adulam. No día sétimo purificáronse seguindo o costume e celebraron alí o sábado.
39O día seguinte os soldados de Xudas, como cumpría facer, foron recoller os cadáveres para depositalos cos seus parentes nos sepulcros da familia. 40E debaixo dos mantelos dos mortos atoparon amuletos dos ídolos de Iamnia, que lles están prohibidos ós xudeus pola Lei. Todos se decataron entón da razón daquelas mortes, 41e todos deron gloria ó Señor, Xuíz xusto, que descobre o escondido 42e rezaron para que se lles perdoase de todo o pecado cometido. O nobre Xudas exhortou á tropa para que non pecase, pois ben vían cos seus mesmos ollos as consecuencias do pecado nos que morreran. 43Despois fixo unha colecta, e as dúas mil dracmas de prata que recolleu mandounas a Xerusalén para que ofrecesen un sacrificio de expiación. Un feito digno e nobre para o que pensa na resurrección; 44pois se non crese na resurrección dos mortos, non sei a que viría rezar polos defuntos. 45Pero para o que pensa que ós que morren piadosamente lles está reservada unha recompensa magnífica, A cousa é piadosa e santa. Por iso mandou ofrecer un sacrificio de expiación polos mortos, para que se lles perdoasen os pecados.
Dereitos reservados: SEPT