Skip to content

2 Macabeos 11

11
Desfeita de Lisias e paz cos xudeus
1Moi pouco tempo despois Lisias, titor, primeiro ministro e parente do rei, moi entristecido polo que pasara, 2xuntou cerca de oitenta mil homes e toda a cabalería e avanzou contra os xudeus, co plan de facer da cidade unha colonia grega, 3someter o templo a tributos, coma os santuarios estranxeiros, e poñer en venda todos os anos o sumo sacerdocio. 4Nin sequera se lle viña á cabeza pensar no poder de Deus, tan cegado estaba polos seus milleiros de soldados de a pé e de a cabalo e polos seus oitenta elefantes.
5O entrar en Xudá, achegouse a Betsur, fortaleza situada nun desfiladeiro que está a cinco leguas de Xerusalén, e cercouna. 6Cando se informaron os homes do Macabeo de que Lisias cercaba a fortaleza, xuntándose con todo o pobo pedíronlle ó Señor con moitos laios e bágoas que mandase un anxo bo para salvar a Israel. 7O mesmo Macabeo foi o primeiriño que colleu as armas, e arengou ós outros para que se expuxesen ó perigo coma el polo ben dos seus irmáns. Marcharon todos decididos, 8e, aínda cerca de Xerusalén, aparecéuselles un cabaleiro con vestidos brancos e armas de ouro, que se puxo á fronte do exército. 9Entón todos loaron ó Deus misericordioso, animáronse e estaban dispostos a arremeterlles xa non contra os homes, senón tamén contra as salvaxes feras e murallas de ferro.
10Avanzaban con orde, coa confianza posta naquel aliado do ceo, pois o Señor compadecérase deles. 11Botáronse coma leóns contra o inimigo, deixaron fóra de combate once mil de a pé e mil seiscentos de a cabalo, e fixeron fuxir os demais. 12A maioría dos que se salvaron quedaron feridos e desarmados. O mesmo Lisias librouse fuxindo vergoñento.
13Pero, como non era un home parvo, matinou moito na desfeita que sufrira, e decatouse de que os hebreos eran invencibles, pois loitaba en favor deles o Deus todopoderoso, e por iso mandou un mensaxeiro 14coa proposta de paz en condicións xustas, prometéndolles que convencería ó rei da necesidade de facerse amigo deles. 15O Macabeo, tendo en conta o ben de todos, aceptou a proposta de Lisias, e o rei concedeu todo canto o Macabeo lle pedira por escrito a Lisias en favor dos xudeus.
16A carta escrita por Lisias ós xudeus dicía así:
—"Lisias saúda ó pobo xudeu.
17Xoán e Abxalom, os vosos embaixadores, entregáronme o documento e pedíronme que confirmase canto contiña. 18Eu xa lle presentei ó rei todo o que lle tiña que presentar, e el concedeu o que lle parecía aceptable. 19Se seguides nesa boa disposición cara ó reino, de agora en diante hei facer por vos axudar. 20En canto ás miudezas xa lles mandei ós vosos mensaxeiros e ós meus que as traten convosco.
21Que teñades sorte. A vinte e catro do mes de Zeus Corintio, do ano cento corenta e oito".
22A carta do rei dicía o seguinte:
—"O rei Antíoco saúda ó seu irmán Lisias.
23Despois que meu pai se foi xuntar cos deuses, quixen que todos os súbditos do noso Imperio se dedicasen sen medo ningún ós seus negocios; 24e como teño oído que os xudeus non queren adoptar os costumes gregos, segundo desexaba meu pai, senón que prefiren conservar as súas tradicións e piden que se lles permita seguir coa súa lei, 25tendo en conta isto, e co desexo de que este pobo viva tranquilo, decidimos devolverlles o templo e que se gobernen seguindo os costumes dos seus antepasados. 26Así que mándalles embaixadores que fagan as paces con eles, para que, coñecendo o noso querer, poidan vivir contentos e atender ledamente os seus asuntos".
27A carta do rei ó pobo xudeu dicía así:
—"O rei Antíoco saúda ó Senado e ó pobo xudeu.
28Sería para min unha grande alegría saber que estades ben. Nós estamos ben.
29Menelao falounos de que queredes volver onda os vosos. 30Pois a cantos volvan antes do 30 de Xántico prometémoslles paz e seguridade. 31De agora en diante os xudeus poderán usar os seus alimentos e as súas leis coma antes, e ningún deles será molestado por infraccións cometidas noutros tempos. 32Amais diso envíovos tamén a Menelao para que vos dea confianza.
33Que teñades sorte. A quince de Xántico do ano cento corenta e oito".
34Tamén os romanos lles mandaron a seguinte carta:
—"Quinto Memmio e Tito Manio, legados de Roma, saúdan ó pobo xudeu.
35Estamos de acordo con todo o que vos concedeu Lisias, parente do rei. 36No referente ó que Lisias creu conveniente presentar ó rei, mandádenos a algúns de seguida con instrucións detalladas, para que llas presentemos ó rei como a vós vos interese, pois imos ir a Antioquía. 37Así que dádevos présa en mandarnos alguén para que coñezamos o voso parecer.
38Que teñades sorte. A quince de Xántico do ano cento corenta e oito".