YouVersion Logo
Search Icon

2 Reis 6

6
O machado na auga
1Os fillos dos profetas dixéronlle a Eliseo: —"O sitio onde vivimos contigo énos estreito de máis. 2Déixanos ir onda o Xordán. Cada un collerá unha viga, e faremos alí un sitio para vivir". El respondeulles: —"Ide". 3Un de entre eles pediulle: —"Fainos este favor: ven ti tamén cos teus servos". El respondeulles: —"Irei". 4E Eliseo foise con eles.
Chegaron onda o Xordán e puxéronse a cortar madeira. 5Cando un deles cortaba a súa árbore, caeulle na auga a folla do machado, e empezou a berrar: —"Ai, meu señor, que era emprestada!". 6O home de Deus preguntoulle: —"Onde caeu?". E o outro indicoulle o sitio. Eliseo cortou unha rama e botouna alí, e o machado emerxeu. 7Díxolle: —"Agárrao". E o outro estendeu a man e agarrouno.
Eliseo cega o exército arameo
8O rei de Aram facíalle a guerra a Israel. Celebrou consello cos seus ministros e tomou esta decisión: —"Poremos o campamento naquel sitio". 9Entón o home de Deus mandoulle dicir ó rei de Israel: —"Gárdate de pasar por ese sitio, pois están para baixar alí os arameos". 10O rei de Israel mandou recoñecer o lugar que dixera o home de Deus, tomando as debidas precaucións. Iso mesmo pasou non unha nin dúas veces.
11O rei de Aram estaba inquedo por tal feito, e convocou os seus oficiais para dicirlles: —"Dirédesme quen de nós informa ó rei de Israel?". 12Un dos oficiais respondeulle: —"Non, rei, meu señor. É Eliseo, un profeta que hai en Israel, quen informa ó rei de Israel das palabras que ti dis mesmo na túa alcoba". 13O rei ordenou entón: —"Ide ver onde está, e mandarei prendelo". Dixéronlle: —"Está en Dotán". 14E el mandou alá unha forte compañía de soldados, con cabalos e carros. Chegaron alí de noite e cercaron a cidade.
15O criado do home de Deus ergueuse cedo e viu, ó saír, que o exército cercaba a cidade, con cabalos e carros. E díxolle ó home de Deus: —"Ai, meu señor, como faremos?". 16Respondeulle el: —"Non teñas medo, pois hai máis connosco ca con eles". 17Eliseo rezou: —"Señor, ábrelle os ollos para que vexa". E o Señor abriu os ollos do criado, e este viu o monte cuberto de cabalos e de carros de lume, que cercaban a Eliseo.
18Cando os arameos baixaban onda Eliseo, este pediulle ó Señor: —"Deixa cega a esta xente". E quedaron todos cegos, conforme pedira Eliseo. 19Este díxolles: —"Non é este o camiño nin é esta a cidade. Seguídeme, que eu vos levarei onda o home que buscades". E conduciunos a Samaría. 20Cando entraban en Samaría, Eliseo pediu: —"Señor, ábrelles os ollos a estes, e que vexan". O Señor abriulles os ollos, e decatáronse que estaban no medio de Samaría.
21O rei de Israel, ó velos, preguntoulle a Eliseo: —"Mátoos, meu pai?". 22El respondeulle: —"Non os mates. Ou matarías coa túa espada e co teu arco ós que ti non colliches prisioneiros? Sírvelles pan e auga, que coman e que beban, e que volvan onda o seu amo". 23O rei preparoulles un banquete e, despois que comeron e beberon, despediunos, e eles volveron onda o seu señor. As bandas arameas non volveron entrar no territorio de Israel.
O cerco de Samaría
24Transcorrido algún tempo, Benhadad, rei de Aram, reuniu os seus exércitos e foi pór cerco a Samaría. 25Daquela en Samaría pasábase moita fame. O cerco era tan estreito, que a cabeza dun burro se chegou a pagar a oitenta siclos de prata, e un cuarto de maquía de esterco de pomba a cinco siclos. 26Pasando o rei pola muralla, berroulle unha muller: —"Socórreme, rei, meu señor!". 27O rei respondeulle: —"Se non te socorre o Señor, con que poderei facelo eu? Con algo da artesa ou algo da adega?". 28E despois preguntoulle: —"Que é o que che pasa?". E ela respondeulle: —"Esta muller propúxome: trae o teu fillo e comámolo hoxe, e mañá comeremos o meu. 29Cocemos o meu fillo e comémolo, e cando, ó outro día, eu lle dixen: trae agora o teu fillo e comámolo, ela escondeuno".
30Cando o rei oíu o que dicía a muller, rachou as súas vestiduras. Como pasaba por riba da muralla, a xente puido ver que por dentro da roupa, ía vestido de saco. 31Daquela o rei xurou: —"Que Deus me castigue, se a cabeza de Eliseo, fillo de Xafat, queda hoxe enriba dos seus ombros".
32O tempo, Eliseo atopábase na súa casa, e os anciáns sentados con el. O rei mandou diante del un mensaxeiro. Pero, antes de que este chegase, Eliseo díxolles ós anciáns: —"Sabedes que ese fillo de asasino mandou alguén que me cortase a cabeza? Mirade, cando chegue o mensaxeiro, vós cerrádeslle a porta e empuxádelo con ela. Non se senten xa detrás del os pasos do seu amo?". 33Aínda estaba el falando con eles, cando chegou o rei e dixo: —"Esta desgraza mandouna o Señor. Que podemos aínda esperar del?".

Currently Selected:

2 Reis 6: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in