YouVersion Logo
Search Icon

2 Reis 7

7
Liberación de Samaría
1Eliseo dixo entón: —"Escoita a palabra do Señor: mañá, destas horas, unha fanega de flor de fariña conseguirase por un siclo, e por un siclo tamén dúas fanegas de orxo, ás portas de Samaría". 2O oficial que daba o seu brazo ó rei para apoio replicoulle ó home de Deus: —"Aínda que abrise Deus fiestras no ceo, pasaría tal cousa?". El respondeulle: —"Halo ver cos teus ollos, pero ti non o probarás".
3As portas de Samaría sentaban catro leprosos, que estaban con esta conversa: —"Que estamos facendo aquí, agardando a morte? 4Se decidimos entrar na cidade, coa fame que hai nela, morreremos alí; se quedamos aquí, morreremos tamén. Vamos agora mesmo ó campamento arameo. Se nos deixan con vida, viviremos; e se nos matan, matáronnos".
5O anoitecer decidíronse a entrar no campamento arameo e, cando chegaron cerca del, viron que alí non había ninguén. 6O Señor fixera resoar no campamento arameo estrondo de carros e cabalos e dun exército poderoso; e entón dixéronse uns ós outros: —"O rei de Israel contratou contra nós os reis hititas e os exipcios". 7E niso, ó anoitecer, saíron todos fuxindo, abandonando os seus cabalos e os seus carros e o campamento como estaba; e escaparon para salvaren as súas vidas.
8En chegando ó campamento, os leprosos aqueles entraron nunha tenda, onde puideron comer e beber e de onde levaron prata, ouro e roupas, que foron acochar. Despois entraron noutra tenda, colleron tamén o que había e fórono esconder. 9Entón falaron entre eles: —"O que estamos facendo non é xusto. Hoxe é un día de boas novas. Se calamos e esperamos que amañeza, caeremos en culpa. Vamos coa nova ó pazo do rei, agora mesmo".
10Foron á cidade, chamaron polos gardas da porta e informaron: —"Fomos ó campamento arameo e vimos que alí non había ninguén nin se oía voz de home; soamente cabalos e burros amarrados, e as tendas tal como as ergueran". 11Os gardas fixérono saber, e levaron a nova ata o pazo real.
12O rei ergueuse de noite e comentou cos seus ministros: —"Vouvos dicir o que argallan os arameos contra nós. Saben que estamos famentos, e saíron do campamento para esconderse na campía. Pensan que nós sairemos da cidade, e que poderán collernos vivos e entrar na cidade".
13Un dos ministros propuxo: —"Collamos cinco cabalos, dos que nos quedan aínda na cidade, pois ó cabo están perecendo coma as xentes de Israel, e mandémolos pescudar que é o que pasa". 14O rei mandou uns homes que collesen dous carros con cabalos e que fosen detrás do exército arameo; e ordenoulles: —"Ide e vede o que pasa". 15Eles fóronos seguindo ata o Xordán, e viron que todo o camiño estaba cheo de roupas e de obxectos que, na présa por escapar, ían guindando os arameos. Os mensaxeiros deron a volta e contáronllo ó rei. 16Entón saíu a xente toda saquear o campamento arameo.
A fanega de flor de fariña chegou a venderse por un siclo, e por un siclo tamén dúas fanegas de orxo, conforme a palabra do Señor. 17O rei encargara a garda da porta ó oficial que lle daba apoio co seu brazo, e a xente atropelouno onda a mesma porta, e morreu, segundo dixera o home de Deus, cando fora o rei falar con el. 18O home de Deus dixéralle ó rei: —"Mañá destas horas, ás portas de Samaría, dúas fanegas de orxo compraranse por un siclo, e por un siclo tamén unha fanega de flor de trigo". 19O que o oficial do rei lle respondera: —"Aínda se o Señor abrise fiestras no ceo, pasaría tal cousa?" O que Eliseo respondera: —"Halo ver cos teus ollos, pero ti non o probarás". 20Iso foi o que lle pasou. A xente atropelouno onda a mesma porta e morreu.

Currently Selected:

2 Reis 7: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in