2 Reis 5
5
Cura de Naamán
1Naamán, xefe do exército do rei de Aram, era un home de clase, mirado polo seu amo en moita estima, porque por el déralle o Señor vitorias a Aram. Pero este home valente era leproso.
2Nunha das súas batidas, os arameos levaran cativa do país de Israel unha rapaza nova, que quedou logo de criada onda a muller de Naamán. 3Díxolle á súa señora: —"Oxalá o meu señor fose onda o profeta que hai en Samaría. El si que o libraría da súa enfermidade".
4Naamán foille dicir ó seu soberano que isto e isto dixera a rapaza israelita. 5O rei de Aram aconsellouno: —"Vai alá. Eu dareiche unha carta para o rei de Israel". E Naamán púxose en camiño, levando consigo dez talentos de prata, seis mil siclos de ouro e dez mudas de vestir. 6Levaba tamén a carta para o rei de Israel, na que se dicía: —"En recibindo esta carta, verás que che mando o meu ministro Naamán, para que o sandes da lepra".
7Cando o rei de Israel leu esta carta, rachou as súas vestiduras exclamou: —"Seica son eu un deus, con poder de dar a morte ou a vida, para que ese me mande dicir que sande un home da lepra? Fixádevos ben e veredes que me está provocando". 8Cando o home de Deus, Eliseo, oíu que o rei de Israel rachara as súas vestiduras, mandoulle dicir: —"Por que rachas as vestiduras? Que veña onda min, e saberá que hai un profeta en Israel".
9Foi, pois, Naamán, cos seus cabalos e os seus carros, e parouse á entrada da casa de Eliseo. 10Eliseo mandoulle dicir, por medio dun mensaxeiro: —"Vai e lávate sete veces no Xordán, e o teu corpo quedará limpo". 11Naamán enfadouse, e marchábase, dicindo: —"Eu pensei que sairía el mesmo ó meu encontro, que se poría a invocar o nome do Señor, seu Deus, que pasaría logo a súa man sobre a parte doente e que con iso me libraría da miña enfermidade. 12Seica non valen máis os ríos de Damasco, o Abanah e o Parpar, ca todas as augas de Israel? Non podo bañarme neles, e así quedar limpo?" E con esas deu volta e íase alporizado.
13Entón chegáronse onda el os seus criados e dixéronlle: —"Señor, se o profeta che mandase algo difícil, non o farías? Canto máis se só che mandou: lávate e quedarás limpo".
14Baixou el entón ó Xordán e mergullouse na súa auga sete veces, segundo lle mandara o home de Deus. A súa carne tornouse entón coma a dun neno pequeno, e quedou limpo.
15Volveu Naamán con toda a súa compaña onda o home de Deus e presentóuselle, dicindo: —"Agora recoñezo que non hai deus en toda a terra, fóra do Deus de Israel. Acepta, pois, un regalo do teu servo". 16Respondeulle Eliseo: —"Polo Señor vivo a quen sirvo, que non aceptarei cousa ningunha". E por moito que lle insistiu para que aceptase, el negouse.
17Naamán dixo entón: —"Pois logo, permite que o teu servo leve unha carga desta terra, a que poidan cargar dúas mulas, pois o teu servo non ofrecerá holocaustos nin sacrificios a deus ningún, senón só ó Señor. 18E que o Señor me perdoe unha cousa. Cando o meu amo entre no templo de Rimón para adoralo, apoiado na miña man, e eu mesmo me prostre tamén no templo de Rimón, que o Señor perdoe ó teu servo este feito". 19A iso díxolle Eliseo: —"Vai en paz".
Naamán afastárase xa un longo treito, 20cando Guehazí, criado do home de Deus, Eliseo, se puxo a pensar: —"O meu amo foi mirado de máis con ese arameo, Naamán, non aceptando cousa ningunha de canto lle ofrecía. Polo Señor vivo! Vou correndo tras el, a ver se me dá algunha cousa".
21Guehazí botouse detrás de Naamán. O velo este correndo detrás del, tirouse do seu carro e saíulle ó encontro. E preguntoulle: —"Vai todo ben?" 22—"Ben. Pero o meu amo mandoume dicirche que acaban de chegar onda el dous mozos dos fillos dos profetas, da montaña de Efraím. Dáme para eles, por favor, un talento de prata e dúas mudas de vestir". 23Naamán respondeulle: —"Mellor que aceptes dous talentos". E insistiu, ata meterlle en dúas bolsas dous talentos de prata e dúas mudas, que llelos entregou a dous criados para que os levasen ante Guehazí. 24Cando eles chegaron ó outeiro, Guehazí colleuno todo e gardouno na súa casa. Logo despediu os homes, e estes fóronse.
25Despois foi Guehazí presentarse ó seu amo. Eliseo preguntoulle: —"De onde vés, Guehazí?" El respondeulle: —"O teu servo non foi a ningún lado". 26Eliseo díxolle: —"Non ía contigo o meu espírito, cando un home saltaba do seu carro ó teu encontro? Son horas de coller prata e vestidos e de adquirir oliveiras e viñas, rabaños e gando, servos e servas? 27A lepra de Naamán apegaráseche a ti e ós teus descendentes, para sempre". E Guehazí saíu co mal gafo de onda el, dun brancor coma de neve.
Currently Selected:
2 Reis 5: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT