2 Reis 4
4
O aceite da viúva
1A muller dun dos fillos dos profetas laiouse ante Eliseo: —"O meu home, teu servo, morreu, e ti sabes que el era unha persoa que respectaba ó Señor. Agora veu o acredor, para levarme de escravos os dous fillos".
2Eliseo preguntoulle: —"Que podo facer por ti? Dime que tes na túa casa". Respondeulle ela: —"A túa serva non ten na casa máis ca unha aceiteira de aceite". 3El díxolle: —"Sae fóra e pídelles olas emprestadas ás veciñas; non te quedes curta en traer olas baldeiras. 4Logo, entra na túa casa e pechádevos nela, ti e mais os teus fillos. Enches de aceite esas olas e vas apartando as que estean cheas".
5A muller foi e pechouse na casa, ela e os seus fillos. Eles acercábanlle as olas, e ela enchíaas de aceite. 6Cando xa estaban todas cheas, díxolle a un dos fillos: —"Dáme outra ola". El díxolle: —"Xa non queda ningunha". E o aceite parou de correr. 7Ela foillo contar ó home de Deus, e este díxolle: —"Vai e vende o aceite e págalle ó teu acredor. Ti e mais os teus fillos viviredes co resto".
O fillo da xunamita
8Un día que pasaba Eliseo por Xunam, unha muller rica porfioulle que quedase a xantar. Desde aquela, cada vez que pasaba por alí, detíñase a comer. 9A muller díxolle ó seu home: —"Escoita, eu sei que ese home de Deus, que pasa sempre por aquí, é un santo varón. 10Podiámoslle preparar arriba no faiado un cuarto pequeno, cunha cama, unha mesa, unha cadeira e un candeeiro, para que poida descansar, cando pase por onda nós".
11Un día que Eliseo pasaba por alí, retirouse ó cuarto e durmiu nel. 12Díxolle á Guehazí, o seu criado: —"Chama a esa xunamita". El chamouna, e ela presentouse diante del. 13Eliseo mandoulle dicir: —"Escoita, ti colliches por nós moitas canseiras. Que podo eu facer por ti? Se queres, recoméndote ó rei ou ó xefe do exército". Respondeu ela: —"Eu vivo coa miña xente". 14Pero Eliseo insistiu: —"Que se pode facer por ela?". 15Guehazí dixo: —"Unha cousa: ela non ten fillos, e o seu home é vello".
16Entón dixo Eliseo: —"Chama por ela". El chamouna, e ela presentouse onda a porta. Eliseo anuncioulle: —"O ano que vén, por estas datas, terás un fillo no colo". Ela dixo: —"Non, meu señor. Non enganes a túa serva, home de Deus". 17Pero a muller concibiu e pariu un fillo, no ano seguinte, naquelas datas, segundo lle dixera Eliseo.
18O neno medraba ben. Un día saíu en busca de seu pai, que andaba na seitura, 19e empezou a berrar cara a el: —"Ai, miña cabeza, ai, miña cabeza!". O pai díxolle a un criado: —"Lévallo á súa nai". 20E el colleuno e levoullo á nai.
O neno estivo no seu colo ata o mediodía, e nese instante morreu. 21Ela levouno arriba e deitouno no leito do home de Deus. Logo pechou a porta e saíu.
22Chamou polo seu home e díxolle: —"Mándame un criado cunha burra. Voume chegar de seguida onda o home de Deus, e logo volvo". 23El preguntoulle: —"Por que vas onda el hoxe, que non é lúa nova nin sábado?". Pero ela respondeulle: —"Queda con Deus".
24Fixo aparellar a burra e díxolle ó criado: —"Colle o ramal e camiña. Se eu non cho mando, non me fagas deter no camiño". 25E púxose a camiñar, para encontrarse co home de Deus, que estaba no monte Carmelo. Cando o home de Deus a viu vir desde lonxe, díxolle ó seu criado: —"Alí chega a xunamita. 26Vai agora mesmo correndo ó seu encontro e pregúntalle se están ben ela, o seu home e o seu neno". Ela respondeulle: —"Estamos ben". 27Pero, en chegando onda o home de Deus, na montaña, abrazouse ós seus pés. Guehazí foi para apartala, mais o home de Deus díxolle: —"Déixaa, pois a súa alma está amargada, e o Señor ocultoumo e non mo comunicou".
28Ela dixo: —"Pedinlle eu quizais un fillo ó meu señor? Non che dixen que non me enganases?". 29Eliseo dixo a Guehazí: —"Cínguete co meu cinto, colle na man o meu bastón e ponte en camiño. Se te atopas con alguén, non te pares a saudalo; se te saúda el, non lle respondas. Vai e pon o meu bastón sobre a cara do neno". 30Pero a nai do neno exclamou: —"Polo Deus vivo e pola túa vida, que non te deixarei". Entón Eliseo foi canda ela.
31Guehazí colleulles a dianteira e foi poñer o bastón sobre a cara do neno; mais este non falaba nin daba sinal de vida. Volveu onda Eliseo e díxolle: —"O neno non esperta". 32Eliseo entrou na casa e atopou o neno morto, deitado no seu leito. 33Pechou a porta por dentro, tralos dous, e rezoulle ó Señor. 34Logo subiu no leito e deitouse enriba do neno, estendido sobre el, a boca coa boca, os ollos cos ollos, e as mans coas mans. E o corpo do neno foi quecendo. 35Eliseo púxose entón a dar voltas pola casa, de acá para alá, e volta a subir no leito e tenderse enriba do neno. Así ata sete veces. Niso o neno espirrou e comezou a abrir os ollos.
36Eliseo chamou a Guehazí, para dicirlle: —"Chama a esa xunamita". El chamouna. Entrou ela onda Eliseo, e este díxolle: —"Anda, colle o teu neno". 37Ela entrou e botouse ós seus pés, prostrándose por terra. Despois colleu o fillo e saíu.
Outros milagres
38Eliseo volveu para Guilgal. No país pasábase fame. Os fillos dos profetas estaban con Eliseo, e este díxolle ó seu criado: "Pon no lume a ola grande e prepara un caldo para todos".
39Un deles saíu ó campo, pescudando unhas herbas. Atopou unha videira brava e colleu uns morotes, ata encher deles o manto. Volveu con eles, partiunos e botounos na ola do caldo sen saber o que eran. 40Botáronlles ós homes o xantar, e en canto estes probaron a comida, empezaron a berrar: —"A morte na ola, home de Deus!". E non puideron comer. 41Eliseo ordenoulles entón: —"Traédeme fariña". El botouna na ola e dixo: —"Sírvella á xente, e que coma". Na ola non había xa cousa danosa.
42Daquela chegou de Baal—Xalixah un home, que lle traía ó home de Deus o pan das primicias: vinte pans de cebada e trigo novo na alforxa. Eliseo díxolle: —"Dállos á xente, e que coman". 43O seu servidor preguntoulle: —"Que é isto para cen persoas?". A iso Eliseo respondeu: —"Dállos á xente, e que coman, pois isto di o Señor: comerán e sobrará". 44El serviullos á xente, que comeu; e aínda sobrou, conforme a palabra do Señor.
Currently Selected:
2 Reis 4: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT