2 Reis 3
3
Ioram de Israel
1Ioram, fillo de Acab, empezou a reinar sobre Israel, en Samaría, no ano dezaoito do reinado de Ioxafat en Xudá. Reinou doce anos.
2Fixo o mal ós ollos do Señor, mais non tanto coma seu pai e súa nai, pois retirou a estela que erixira seu pai en honor de Baal. 3Persistiu nos pecados que Ieroboam, fillo de Nabat, fixera cometer a Israel, sen arredar nada deles.
Guerra contra Moab
4Mesa, rei de Moab, criaba moito gando, e pagáballe ó rei de Israel un tributo de cen mil cordeiros e a lá de cen mil carneiros. 5Pero, á morte de Acab, o rei de Moab revirouse contra o rei de Israel.
6Entón o rei Ioram saíu de Samaría e pasou revista a todo Israel. 7Despois mandoulle esta mensaxe a Ioxafat, rei de Xudá: —"O rei de Moab revirouse contra min. Queres vir ti comigo á guerra contra Moab?" El respondeulle: —"Irei. Conta comigo coma contigo, cos meus soldados coma cos teus, coa miña cabalería coma coa túa". 8E preguntou: —"Que camiño colleremos?" Respondeulle Ioram: —"O camiño de Edom".
9Os reis de Israel, de Xudá e de Edom puxéronse en movemento. Os sete días de camiño faltou a auga, tanto para o exército coma para os animais que o seguían. 10O rei de Israel exclamou: —"Ai, o Señor convocou estes tres reis para entregalos nas mans de Moab!"
11Entón preguntou Ioxafat: —"Non hai por aquí un profeta do Señor, para consultar por el ó Señor?" Un oficial do rei de Israel respondeulle: —"Está aquí Eliseo, fillo de Xafat, que vertía auga nas mans de Elías". 12A iso dixo Ioxafat: —"El ten palabra do Señor". E baixaron onda el o rei de Israel, Ioxafat e o rei de Edom.
13Entón dixo Eliseo ó rei de Israel: —"Que teño eu que ver contigo? Vai onda os profetas de teu pai e onda os profetas de túa nai". Pero o rei de Israel teimou: —"Non; pois o Señor convocou estes tres reis, para entregalos nas mans de Edom". 14Niso dixo Eliseo: —"Pola vida do Señor dos exércitos, a quen sirvo! Se non fose por Ioxafat, rei de Xudá, a ti non che faría caso ningún nin che miraría a cara. 15Agora traédeme un músico". E mentres o home tocaba a arpa, pousouse a man do Señor sobre Eliseo.
16Eliseo falou: —"Isto di o Señor: abride nese regato seco moitas canles. 17O Señor di: non veredes vento nin veredes choiva, pero ese regato seco encherase de auga, e poderedes beber vós, o voso gando e as vosas bestas de carga. 18Pero isto é pouco ós ollos do Señor. El entregará Moab nas vosas mans. 19Vós destruiredes as súas prazas fortes e as cidades fortificadas, tallaredes as árbores mellores, cegaredes as fontes e cubriredes de pedras os seus máis vizosos agros".
20Pola mañá, á hora da ofrenda, corría a auga da parte de Edom, alagando toda a bisbarra. 21Os moabitas, ó seren informados de que aqueles reis querían atacalos, chamaran a todos os homes rexos para a guerra e puxéranos nas fronteiras. 22O erguérense de mañá, cando o sol brillaba nas augas, os moabitas víanas alá, en fronte deles, rubias coma o sangue. 23E exclamaron: —"Isto é sangue! De seguro que os reis botaron man das súas espadas e matáronse uns ós outros. Agora, Moab, ós espolios!".
24Mais, chegados ó campamento de Israel, o exército israelita levantouse e derrotou ós moabitas, que fuxiron diante deles. Entraron no territorio de Moab e arrasárono. 25Estragaron as súas cidades, o bo terreo cubrírono de pedras, cada un tirou a súa; cegaron as fontes e tallaron as árbores mellores. De Quir—Haráxet quedaron soamente as pedras, despois de que a cercaron e a destruíron os arqueiros.
26Vendo que non podía soster a loita, o rei de Moab colleu consigo setecentos homes armados de espadas, para abrirse camiño cara ó reino de Edom; pero non puideron conseguilo. 27Entón colleu o seu fillo primoxénito, o que ía ser o sucesor, e sacrificouno enriba das murallas. Daquela houbo tan grande indignación contra os israelitas, que estes se foron de alí e volveron para a súa terra.
Currently Selected:
2 Reis 3: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT