2 Reis 2
2
Elías, arrebatado cara ó ceo
1Cando o Señor ía arrebatar a Elías nun remuíño cara ó ceo, Elías e Eliseo saíron de Guilgal. 2Elías díxolle a Eliseo: —"Queda aquí, porque o Señor mándame a min chegarme a Betel". Respondeulle Eliseo: —"Pola vida do Señor e pola túa vida, que non te deixarei". E foron os dous a Betel.
3Saíron os fillos dos profetas que había en Betel ó paso de Eliseo e dixéronlle: —"Sabías que o Señor vai arrebatar hoxe ó teu amo por enriba da túa cabeza?" Respondeu el: —"Xa o sei. Calade!"
4Elías díxolle a Eliseo: —"Queda aquí. O Señor manda que eu me chegue a Xericó". Respondeulle el: —"Pola vida do Señor e pola túa, que non te deixarei". E foron os dous a Xericó. 5Os fillos dos profetas de Xericó achegáronse a Eliseo e dixéronlle: —"Sabías que o Señor vai arrebatar hoxe ó teu amo por enriba da túa cabeza?" Respondeu el: —"Xa o sei. Calade!"
6Elías díxolle a Eliseo: —"Queda aquí. O Señor quere que eu me chegue ó Xordán". Respondeulle el: —"Pola vida do Señor e pola túa, que non te deixarei". E marcharon os dous.
7Cincuenta homes de entre os fillos dos profetas fóronos seguindo desde lonxe, e detivéronse en fronte deles, mentres eles os dous estaban parados na ribeira do Xordán. 8Elías colleu o seu manto e dobrouno, e bateu nas augas con el. As augas dividíronse, cara a un lado e cara ó outro, e pasaron os dous a pé enxoito.
9Despois de que pasaron, Elías díxolle a Eliseo: —"Pide o que queiras que faga por ti, antes de que sexa arrebatado do teu lado". Eliseo pediu: —"Que do teu espírito reciba eu dúas partes". 10Respondeulle Elías: —"Pides cousa difícil. Pero terala, se me ves cando eu sexa arrebatado de onda ti; se non, non a terás".
11Mentres ían andando e falando, un carro de lume, con cabalos de lume, separounos, e Elías subiu cara ó ceo nun remuíño. 12Eliseo ollaba e berraba: —"Meu pai, meu pai, carro e condutor de Israel!"
Cando deixou de velo, Eliseo colleu a súa túnica e rachouna en dúas. 13Despois ergueu do chan o manto que lle caera a Elías e foise con el á ribeira do Xordán. 14Agarrado o manto, bateu con el nas augas, dicindo: —"Onde está o Señor, Deus de Elías, onde?" O bater as augas co manto, as augas dividíronse, cara a un lado e cara ó outro, e Eliseo pasou.
15Os fillos dos profetas que había en Xericó vírono desde en fronte e comentaron: —"O espírito de Elías pousou en Eliseo". Entón saíronlle ó encontro, prostráronse diante del 16e dixéronlle: —"Aquí, entre os teus servos, hai cincuenta homes valentes. Deixa que vaian en busca do teu amo, quizais o espírito do Señor o levantou e o botou nun monte ou nun regato". Eliseo respondeulles: —"Que non vaian". 17Pero eles insistiron, ata que el se cansou e dixo: —"Pois que vaian". Mandaron cincuenta homes e buscárono por tres días; mais non o atoparon. 18Volveron onda Eliseo, que seguía en Xericó. E el díxolles: —"Non vos dixen que non fosedes?"
Milagres de Eliseo
19A xente da cidade díxolle a Eliseo: —"Como o noso señor pode ver, o emprazamento da cidade é bo, pero as augas son ruíns e a terra estéril". 20Díxolles el: —"Traédeme un prato novo e botade nel un pouco sal". E eles trouxéronllo. 21El foi onda a fonte e botou o sal nela, ó tempo que dicía: —"Isto di o Señor: eu purifico estas augas. Xa non sairá dela máis esterilidade nin máis morte". 22E as augas quedaron puras ata hoxe, conforme a palabra de Eliseo.
23De alí subiu Eliseo a Betel e, cando ía polo camiño, saíronlle os rapaces da cidade e moqueábanse del: —"Sube, calvo! Sube, calvo!" 24El volveuse para atrás, mirounos e maldiciunos no nome do Señor. Entón saíron dous osos da carballeira e esnaquizaron a corenta e dous de entre os rapaces. 25De alí foi Eliseo para o monte Carmelo, e desde alí volveu despois para Samaría.
Currently Selected:
2 Reis 2: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT