2 Reis 25
25
A caída de Xudá e o desterro
1No ano noveno do reinado de Sedecías, o día dez do décimo mes, chegou Nabucodonosor, rei de Babilonia, con todo o seu exército contra Xerusalén. Acampou enfronte da cidade e construíu un muro de cerco ó arredor. 2A cidade estivo cercada ata o ano once do reinado de Sedecías. 3O día nove do cuarto mes, a fame apertaba moito na cidade e a xente non tiña de que comer.
4Entón abriuse unha fenda no muro da cidade, e os soldados fuxiron de noite, pola porta que está entre os dous muros, ó pé do xardín do rei, e fóronse polo camiño da estepa, mentres os caldeos cercaban a cidade. 5As forzas dos caldeos perseguiron o rei e atrapárono nas estepas de Xericó, mentres os seus soldados se espallaban por todos os lados.
6Atrapado o rei, leváronllo ó rei de Babilonia, a Riblah, e alí sentenciárono. 7Os fillos de Sedecías esganáronos diante del, e a Sedecías mesmo cegárono, puxéronlle cadeas de ferro e levárono a Babilonia.
8O día sete do quinto mes, dentro do ano dezaoito do reinado de Nabucodonosor en Babilonia, chegou a Xerusalén Nebuzardán, xefe da garda e servidor do rei de Babilonia, 9e púxolle lume ó templo do Señor e ó pazo real, e queimou igualmente os pazos todos de Xerusalén e as casas grandes da cidade. 10O exército caldeo, ás ordes do xefe da garda, derrubou a muralla que rodeaba Xerusalén.
11Nebuzardán, xefe da garda, desterrou o resto da xente que quedara na cidade, os que se pasaran xa ó rei de Babilonia e o resto da multitude. 12Da xente pobre do país deixou o xefe da garda uns poucos, para viñateiros e labregos.
13Os caldeos romperon as columnas de bronce, os baseamentos e o Mar de Bronce, que había no templo do Señor, e levaron o bronce para Babilonia. 14Colleron tamén os cinseiros, as pas, os coitelos, as copas e todos os obxectos de bronce que servían para o culto. 15O xefe da garda colleu tamén os braseiros e os aspersorios, o ouro co ouro e a prata coa prata.
16O peso do bronce das dúas columnas, do Mar de Bronce, dos baseamentos e dos obxectos todos que fixera Salomón para o templo do Señor, non se podía avaliar. 17Unha columna medía nove metros de altura, e enriba dela levaba un capitel de bronce, de metro e medio de alto e, por parte, os trenzados e as granadas, arredor dos capiteis, todo en bronce. E o mesmo a outra columna.
18O xefe da garda levou prisioneiro ó sumo sacerdote Saraías, a Sefanías, segundo sacerdote, e os tres gardas da entrada. 19Da cidade levou tamén preso un oficial, que era xefe do exército, cinco homes do servizo persoal do rei, que se atopaban na cidade, o secretario do xefe do exército, que recrutaba os soldados no pobo, e a sesenta persoas do pobo común, que se achaban tamén na cidade.
20Nebuzardán, xefe da garda, colleunos a todos presos e levounos a Riblah, diante do rei de Babilonia. 21O rei de Babilonia mandounos matar en Riblah, no país de Hamat. Xudá foi, dese xeito, levado á catividade, lonxe da súa terra.
Guedalías, gobernador de Xudá
22Guedalías, fillo de Ahicam, fillo de Xafán, foi nomeado gobernador da xente que quedara en Xudá, a que deixara alí Nabucodonosor, rei de Babilonia. 23Cando os xefes do exército e os seus homes oíron que o rei de Babilonia fixera gobernador a Guedalías, foron a Mispah, onda el. Eran Ismael, fillo de Netanías, Iohanán, fillo de Caréah, Seraías, fillo de Tanhúmet, de Netofah, e Iazanías, fillo de Macah, todos eles cos seus homes. 24Guedalías xuroulles, a eles e ós seus homes: —"Non teñades medo de sometervos ós caldeos. Vivide no país e obedecede ó rei de Babilonia. Iravos a todos ben".
25Mais sucedeu que, ós sete meses, chegou Ismael, fillo de Netanías, fillo de Elixamá, de sangue real, con dez homes, e feriu de morte a Guedalías, e tamén ós xudeus e ós caldeos que estaban en Mispah con el. 26A xente toda, os grandes e os pequenos, cos xefes dos soldados, colleron e, por medo dos caldeos, escaparon para Exipto.
Graza para Ioaquim
27O ano trinta e sete do desterro de Ioaquim, rei de Xudá, o día vinte e sete do mes doce, Evil Merodac, rei de Babilonia, no primeiro ano do seu reinado, concedeulle graza a Ioaquim, rei de Xudá, e tirouno da cadea. 28Faloulle benevolamente e puxo o seu trono por riba dos dos outros reis, que estaban con el en Babilonia. 29Mudoulle as roupas de preso e púxoo a comer á súa mesa, por todos os días da súa vida. 30O sustento de cada día quedoulle asegurado polo rei para mentres vivise.
Currently Selected:
2 Reis 25: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT