2 Reis 21
21
Menaxés de Xudá
1Menaxés tiña doce anos, cando empezou a reinar, e reinou cincuenta e dous anos en Xerusalén. A súa nai chamábase Hefsibah.
2Fixo o mal ós ollos do Señor, arremedando as cousas abominables das nacións que desbotara o Señor de diante dos israelitas. 3Reconstruíu os altares dos outeiros, que destruíra seu pai Ezequías. Edificou altares a Baal, ergueu outra estela, coma a que fixera Acab, rei de Israel; axeonllouse e deu culto ó exército do ceo.
4Construíu altares no templo do Señor, do que o Señor mesmo dixera: —"En Xerusalén porei eu o meu nome". 5Construíu tamén altares para todo o exército do ceo nos dous adros do templo do Señor. 6Pasou a seu fillo polo lume; deuse ós agoiros e á maxia, practicou a nigromancia e a adiviñanza; fixo o mal de moitas maneiras ós ollos do Señor, provocando o seu noxo.
7A imaxe que fixera a Axtarté púxoa no templo, do que o Señor dixera a David e ó seu fillo Salomón: —"Neste templo, en Xerusalén, cidade que eu escollín, entre todas as tribos de Israel, porei eu para sempre o meu nome. 8Non volverei a consentir que os israelitas vaguen fóra da terra que eu dei a seus pais, con tal que fagan o que eu lles mandei, e que cumpran a lei que o meu servo Moisés lles prescribiu". 9Pero eles non obedeceron. Menaxés encirrounos a facer cousas peores cós pobos que desbotara o Señor de diante dos israelitas.
10O Señor dixo entón polos seus servos, os profetas: 11—"Xa que Menaxés, rei de Xudá, fixo esas cousas tan abominables, portándose peor ca, antes del, os amorreos, e deu causa para que tamén Xudá pecase cos seus ídolos, 12por iso, isto di o Señor, Deus de Israel: vou traer sobre Xerusalén e sobre Xudá unha desgraza que, de grande, abouxará os oídos dos que a oian.
13Medirei Xerusalén co mesmo cordel co que medín primeiro Samaría, e coa chumbada que botei sobre a familia de Acab. Fregarei Xerusalén como se frega un prato, que despois de fregado se pon boca abaixo. 14Abandonarei o resto do meu herdo, e entregareinos nas mans dos seus inimigos, ós que servirán de presa e botín, 15xa que fixeron o mal ós meus ollos, e, desde o día en que tirei a seus pais de Exipto ata hoxe, non pararon de anoxarme".
16Ademais diso, Menaxés verteu moito sangue inocente, ata alagar con el Xerusalén dun cabo ó outro; e, por riba, os pecados que fixo cometer a Xudá, facendo o mal ós ollos do Señor.
17O resto da historia de Menaxés, todo o que fixo e os pecados que cometeu, non está todo escrito no Libro das Crónicas dos reis de Xudá? 18Menaxés adormeceu con seus pais, e enterrárano no xardín do seu pazo, o xardín de Uzá. Sucedeulle no trono o seu fillo Amón.
Amón de Xudá
19Amón tiña vinte e dous anos cando empezou a reinar. Reinou dous anos en Xerusalén. A súa nai chamábase Mexulémet, filla de Harus, de Iotbah.
20Fixo o mal ós ollos do Señor, como fixera seu pai Menaxés. 21Seguiu o camiño de seu pai; adorou e deu culto ós mesmos ídolos. 22Abandonou ó Señor, Deus de seus pais, e non seguiu os seus vieiros. 23Os cortesáns de Amón conspiraron contra el e matárono no seu pazo. 24Mais a xente do país matou a todos os que conxuraran contra o rei, e proclamaron sucesor ó seu fillo Ioxías.
25O resto da historia de Amón e os seus feitos non están escritos no Libro das Crónicas dos reis de Xudá? 26Enterrárono no seu túmulo, no xardín de Uzá. Sucedeulle no trono o seu fillo Ioxías.
Currently Selected:
2 Reis 21: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT