2 Reis 20
20
Doenza e cura de Ezequías
1Por aquel tempo Ezequías enfermou coma para morrer. O profeta Isaías, fillo de Amós, foi visitalo e anuncioulle: —"Prepara o testamento, porque vas morrer e non seguirás vivo". 2Ezequías virou a faciana cara á parede e pediulle ó Señor: 3—"Ai, Señor, tenme en conta que sempre andei con sinceridade e integridade diante de ti, e que fixen o que é debido ós teus ollos". E rompeu a chorar, desfeito en bágoas.
4Isaías non saíra aínda do patio principal, cando recibiu esta palabra do Señor: 5—"Volve onda Ezequías, xefe do meu pobo, e dille que isto di o Señor, Deus de seu pai David: escoitei a túa oración e vin as túas bágoas. Agora voute curar. A volta de tres días poderás subir ó templo do Señor. 6Os días da túa vida engadireilles quince anos. Librareite das mans do rei de Asiria, a ti e a esta cidade. Protexerei esta cidade, polo honor do meu nome e o do meu servo David".
7Entón mandou Isaías: —"Traede unha bica de figos. En canto a traian, que lla poñan na chaga, e sandará". 8Ezequías preguntoulle a Isaías: —"Cal será o sinal de que o Señor me sandará e de que á volta de tres días poderei subir ó templo do Señor?" 9E Isaías respondeulle: —"Este será para ti o sinal de que o Señor cumprirá a palabra que che deu: Queres que a sombra do reloxo adiante dez graos, ou que os atrase?" 10Ezequías respondeulle: —"É cousa fácil que a sombra avance dez graos. Non; quero que se atrase en dez graos". 11O profeta Isaías invocou entón ó Señor, que fixo que a sombra retrocedese dez graos dos que xa percorrera no reloxo de Acaz.
Embaixada de Merodak Baladán
12Daquela, o rei de Babilonia, Merodak Baladán, fillo de Baladán, ó ter noticia da doenza de Ezequías, mandoulle unha carta e un agasallo. 13Ezequías folgouse coa visita, e amosoulles a casa do tesouro: a prata, o ouro, os perfumes, os óleos escolleitos, a vaixela e todo o que había no tesouro. Non quedou cousa no pazo nin no reino que Ezequías non lles amosase.
14Entón presentouse o profeta Isaías ó rei Ezequías e preguntoulle: —"Que che dixeron eses homes e de onde veñen para verte?" Ezequías respondeulle: —"Veñen dun país de moi lonxe, de Babilonia". 15Preguntou o profeta: —"E que viron no teu pazo?" Ezequías respondeulle: —"Viron todo o que hai no meu pazo. Non quedou cousa no meu tesouro que non lles amosase".
16Isaías díxolle entón a Ezequías: —"Escoita a palabra do Señor: 17virá un día, en que será levado a Babilonia todo o que hai no teu pazo e todo o que ata hoxe atesouraron os teus pais. Nada quedará, di o Señor. 18E ós fillos que nacerán de ti, que ti xerarás, levaranos para servidores do pazo do rei de Babilonia".
19Ezequías dixo a Isaías: —"Está ben a palabra do Señor que me anuncias". Porque pensaba: —"O menos haberá paz e seguridade mentres eu viva".
20O resto da historia de Ezequías, as súas proezas e as obras que fixo, non está todo escrito no Libro das Crónicas dos reis de Xudá? 21Ezequías adormeceu con seus pais, e sucedeulle no trono o seu fillo Menaxés.
Currently Selected:
2 Reis 20: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT