2 Reis 22
22
Ioxías de Xudá
1Ioxías tiña oito anos cando empezou a reinar. Reinou trinta e un anos en Xerusalén. A súa nai chamábase Iedidah, filla de Adaías, de Boscat. 2Fixo o que é debido ós ollos do Señor, andou polo camiño de seu pai David, sen desviarse nin á dereita nin á esquerda.
3No ano dezaoito do seu reinado mandou Ioxías o secretario Xafán, fillo de Asalías, fillo de Mexulam, ó templo do Señor, con este encargo: 4—"Vai onda o sumo sacerdote Hilquías, que colla o diñeiro ingresado no templo do Señor, recollido da xente polos gardas da entrada, 5e que llelo entregue ós capataces encargados das obras do templo do Señor, para que estes paguen ós que traballan na reparación das avarías do edificio, 6carpinteiros, canteiros e albaneis, e para mercar a madeira e a pedra de cantería que requiran as obras. 7Que non se lles pidan contas do diñeiro que lles encomendan, pois son xente de fiar".
O libro da Lei
8O sumo sacerdote Hilquías díxolle ó secretario Xafán: —"Atopei o libro da Lei no templo do Señor". Hilquías entregoulle o libro a Xafán, e este leuno. 9O secretario Xafán foi onda o rei, para darlle conta do feito: —"Os teus servidores recolleron o diñeiro que había no templo e entregáronllelo ós capataces, encargados das obras do templo do Señor". 10E despois o secretario Xafán deulle a nova ó rei: —"O sacerdote Hilquías deume este libro". E Xafán leuno alí, diante do rei.
11Cando oíu o rei as palabras do libro da Lei, rachou as súas vestiduras 12e mandou ó sacerdote Hilquías, a Ahicam, fillo de Xafán, a Acbor, fillo de Miqueas, ó secretario Xafán e a Asaías, oficial do rei: 13—"Ide consultar o Señor, por min, polo pobo e por todo Xudá, sobre o contido deste libro que atoparon. Moi grande ten que ser a carraxe do Señor, acesa contra nós, porque os nosos pais non fixeron caso das palabras deste libro e non cumpriron o que está escrito nel".
14Foron o sacerdote Hilquías, Ahicam, Acbor, Xafán e Asaías onda a profetisa Huldah, muller de Xalum, garda do vestuario, fillo de Ticvah, fillo de Harhás. Vivía no segundo barrio de Xerusalén. Falaron con ela, 15e ela respondeulles: —"Isto di o Señor, Deus de Israel:
16Dicídelle a quen vos mandou onda min que isto di o Señor: vou traer sobre este lugar e sobre os seus moradores unha desgraza: todas esas maldicións que están no libro que leu o rei de Xudá. 17Visto que eles me abandonaron a min e queimaron incenso a outros deuses, provocándome coas obras das súas mans, a miña carraxe está ardendo contra este lugar, e non se apagará.
18E ó rei de Xudá, que vos mandou consultar o Señor, dicídelle: isto di o Señor, Deus de Israel: xa que, cando oíches ler o libro, 19se che conmoveu o corazón e te humillaches diante do Señor, e xa que cando oíches o que eu dixen contra este lugar e contra os seus moradores, que se verían todos convertidos en espanto e en maldición, ti rachaches as vestiduras e choraches diante de min, por iso tamén eu te escoito a ti. Palabra do Señor.
20Polo mesmo, cando eu te recolla con teus pais, levarante en paz ó teu sartego. Os teus ollos non terán que ver a desgraza que traerei contra este lugar". Os enviados deron volta e informaron ó rei.
Currently Selected:
2 Reis 22: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT