2 Reis 19
19
Embaixada a Isaías
1Cando o rei Ezequías o oíu, rachou as súas vestiduras e vestiuse de saco, e entrou no templo do Señor. 2Despois mandou a Eliaquim, mordomo do pazo, a Xébnah, o secretario, e ós sacerdotes e ós anciáns, todos vestidos de saco, onda o profeta Isaías, fillo de Amós. 3—"Isto di Ezequías: hoxe é un día de angustia, de castigo e de vergonza. Os nenos están para nacer e non hai forza para parilos. 4Quizais o Señor, o teu Deus, escoitou as palabras do copeiro maior, a quen o seu amo, o rei de Asiria, mandou para aldraxar o Deus vivo, e quizais o castigue o Señor, teu Deus, polas palabras que escoitou. Ti reza por este resto que queda aínda".
5Os servidores do rei Ezequías foron onda Isaías, 6e este mandoulles: —"Dicídelle ó voso amo que isto di o Señor: non te acovardes polas palabras que oíches, coas que os criados do rei de Asiria me aldraxaron. 7Eu vou pór nel un espírito, e cando lle chegue unha nova, volverase cara á súa terra, e alí fareino caer a fío de espada".
8O copeiro maior regresou e encontrouse co rei de Asiria combatendo contra Líbnah. Oíra xa que o rei se retirara de Láquix, 9despois de que lle chegara a nova de que Tirhácah, rei de Exipto, saíra á guerra en contra del.
10Senaquerib mandou de segunda mensaxeiros a Ezequías, para dicirlle ó rei de Xudá: —"Non te deixes enganar polo Deus en quen confías, pensando que Xerusalén non será entregada nas mans do rei de Asiria. 11Ti mesmo tes sabido como tratan os reis de Asiria a outras nacións e a cantas teñen exterminado. E íaste librar ti? 12Por acaso salvaron os seus deuses os países que destruíron os meus pais, Gozán, Harán, Résef e os fillos de Edén que estaban en Telasar? 13Onde está o rei de Hamat e o de Arpad, o de Sefarvaim, o de Hená e o de Avá?"
Oración de Ezequías
14Ezequías colleu as cartas que traían os mensaxeiros, e leunas. Despois subiu ó templo e estendeunas diante do Señor. 15Ezequías fixo entón esta oración ó Señor:
—"Señor, Deus de Israel, que sentas sobre os querubíns, soamente ti es Deus sobre todos os reinos da terra.
16Abaixa, Señor, os oídos e escoita,
abre, Señor, os ollos e mira.
Escoita a mensaxe que mandou Senaquerib
para aldraxar o Deus vivo.
17É certo, Señor, que os reis de Asiria
arrasaron as nacións e as súas terras,
18queimando e destruíndo os seus deuses,
porque non eran deuses,
senón feitura das mans dos homes, madeira e pedra.
19Agora, Señor, noso Deus,
sálvanos da súa man,
para que saiban os reinos do mundo
que soamente ti es Deus, Señor".
Profecía de Isaías
20Isaías, fillo de Amós, mandou dicir a Ezequías: —"Isto di o Señor, Deus de Israel: escoitei a oración que me fixeches, respecto de Senaquerib, rei de Asiria. 21Esta é a palabra que pronuncia o Señor en contra del:
Abáfate e rise de ti
a virxe, filla de Sión;
abanea a cabeza ás túas costas
a filla de Xerusalén.
22De quen blasfemas, a quen aldraxas,
contra quen ergues a voz
e levantas soberbiamente os teus ollos?
Contra o Santo de Israel!
23Por medio dos teus mensaxeiros
ofendes o Señor, dicindo:
Coa multitude dos meus carros
rubirei ó cume dos montes,
ás alturas do Líbano.
Tallarei os seus altos cedros
e os seus escollidos cipreses.
Chegarei ós seus remotos recunchos,
ata ó mesmo fondo do bosque.
24Eu escavarei e beberei
augas estranxeiras.
Secarei coa planta dos meus pés
todos os ríos de Exipto.
25É que non o oíches?
Desde lonxe xa o teño preparado;
desde tempos afastados téñoo decidido,
e agora vouno cumprir.
Por iso convertes ti en pardiñeiros
as súas cidades fortificadas.
26Os seus moradores atópanse sen forzas,
están todos amedrentados e confusos.
Volvéronse coma o alcacén do campo,
coma o verde do pradairo,
coma a herba das terrazas,
que agosta primeiro de crecer.
27Eu sei cando ti sentas e te ergues,
cando saes e cando entras
e cando te enrabechas contra min.
28Porque onda min chegou o teu noxo
e os teus aturuxos chegaron ós meus oídos,
poreiche unha argola no nariz
e un freo no fociño,
e fareite volver polo camiño
por onde viñeches para aquí.
29E a Ezequías: que isto che sirva de sinal:
Este ano comerás gran de rebusco
e, para o ano que vén, do que medre só.
Pero no ano terceiro sementaredes e segaredes,
plantaredes viñas e comeredes os seus froitos.
30O resto que queda de Xudá
botará raíces novas para abaixo
e dará froitos para arriba.
31Porque de Xerusalén sairá un resto
e do monte Sión sobreviventes.
O celo do Señor fará isto.
32Por iso, isto di o Señor do rei de Asiria:
Non entrará nesta cidade,
nin tirará contra ela unha frecha,
non se achegará onda ela co escudo
nin botará contra ela un terraplén, trincheira, foxos.
33Polo camiño por onde veu, dará a volta,
sen entrar nesta cidade.
Palabra do Señor.
34Eu defenderei esta cidade e salvareina,
pola honra do meu nome e o do meu servo David".
Desfeita de Senaquerib
35Aquela mesma noite saíu o anxo do Señor e feriu no campamento asirio a cento oitenta e cinco mil homes. A hora de erguerse á mañá, eran todos cadáveres. 36Senaquerib, rei de Asiria, levantou o campamento, deu a volta para Nínive e quedou alí. 37Un día que estaba axeonllado no templo de Nisroc, seu deus, Adramélec e Xaréser matárono coa espada, e liscaron para o país de Ararat. Sucedeulle no trono o seu fillo Esarhadón.
Currently Selected:
2 Reis 19: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT