2 Reis 18
18
Ezequías de Xudá
1Ezequías, fillo de Acaz, empezou a reinar en Xudá no ano terceiro do reinado de Oseas, fillo de Elah, en Israel. 2Tiña vinte e cinco anos cando subiu ó trono e reinou vinte e nove anos en Xerusalén. A súa nai chamábase Abí, filla de Zacarías.
3Fixo o que é debido ós ollos do Señor, seguindo o exemplo do seu pai David. 4Suprimiu os altares dos outeiros, rompeu as estelas, fanou as imaxes de Axtarté e quebrou a serpente de bronce que erguera Moisés, porque os israelitas seguían aínda nos seus días queimándolle incenso. Chamábanlle Nehuxtán.
5Ezequías puxo a súa esperanza no Señor, Deus de Israel. Non houbo outro coma el entre os reis que lle sucederon en Xudá, coma non o houbera entre os que lle precederan. 6Estivo apegado ó Señor e non se afastou del, cumprindo os preceptos que o Señor lle prescribira a Moisés.
7O Señor estivo con el e fixo prosperar todos os seus proxectos. Revirouse contra o rei de Asiria e deixou de pagarlle vasalaxe. 8Derrotou os filisteos ata Gaza e devastou o seu territorio, desde as torres de vixía ata as cidades fortificadas.
Lembranza da destrución de Samaría
9No ano cuarto do reinado de Ezequías, que era o sétimo do reinado de Oseas, fillo de Elah, en Israel, rubiu Xalmanasar, rei de Asiria, contra Samaría e cercouna. 10O cabo de tres anos, no ano sexto de Ezequías, que corresponde co noveno do reino de Oseas en Israel, conquistouna. 11O rei asirio desterrou os israelitas para Asiria e instalounos en Halah, onda o Habor, río de Gozán, e nas cidades de Media. 12Foi por non obedeceren eles ó Señor, o seu Deus, e por quebraren o seu pacto. Non lle fixeron caso nin cumpriron o que lles mandara Moisés, servo do Señor.
Invasión de Senaquerib e cerco de Xerusalén
13No ano catorce do reinado de Ezequías, rubiu Senaquerib, rei de Asiria, contra todas as cidades fortificadas de Xudá e conquistounas. 14Entón Ezequías, rei de Xudá, mandou a Láquix a dicirlle ó rei de Asiria: —"Recoñézome culpable. Retírate, e pagareiche o que me impoñas".
O rei de Asiria impúxolle a Ezequías, rei de Xudá, un pago de trescentos siclos de prata e de trinta de ouro. 15Ezequías entregoulle a prata toda que había no templo do Señor e no tesouro do pazo real. 16Naquela ocasión tivo Ezequías que arrincar as follas das portas do santuario de Señor e o ouro co que el mesmo recubrira os seus marcos, e darllo todo ó rei de Asiria.
17O rei de Asiria mandou desde Láquix o xefe do exército, o xefe dos seus servidores e o copeiro maior, cun forte destacamento, para que fosen a Xerusalén, onda o rei Ezequías. Cando chegaron a Xerusalén, detivéronse onda a canle da balsa de arriba, que queda no camiño do campo do Bataneiro. 18Chamaron polo rei, e saíronlles Eliaquim, fillo de Hilquías, mordomo do pazo, Xébnah, o secretario, e o cronista Ioah, fillo de Asaf.
19Díxolles o copeiro maior: —"Dicídelle a Ezequías: isto di o gran rei, o rei de Asiria: en que apoias a túa confianza? 20Pensas que as palabras dos beizos son estratexia e forza para a guerra? En que confías agora, para te repoñeres contra min? 21Ben seguro que estás confiando no apoio desa cana rota de Exipto. O que se apoia nela crávaselle na man e atrevésalla. Iso é o faraón, rei de Exipto, para os que fían nel.
22Pero se dicides: confiamos no Señor, noso Deus, non eran seus os outeiros e os altares que derrubou Ezequías, mandándolle a Xudá e a Xerusalén que adorasen soamente diante do altar de Xerusalén? 23Fai agora mesmo esta aposta co meu señor, o rei de Asiria: douche dous mil cabalos, se tes homes que os monten.
24Como poderías resistir a calquera dos máis pequenos entre os oficiais do meu señor, confiado en que Exipto che dea carros e xinetes? 25Pero, ademais, pensas que eu rubín a este lugar para arrasalo, sen contar co Señor? O Señor ordenoume: rube contra esa terra e arrásaa".
26Eliaquim, fillo de Hilquías, e Xébnah, fillo de Ioah, pedíronlle ó copeiro maior: —"Fálanos, por favor, en arameo, que o entendemos, mais non nos fales en xudeu, e que oia a xente que está por riba das murallas". 27A iso respondeulles o copeiro maior: —"Pensades que o meu señor me mandou dicir estas cousas soamente ó voso amo e a vós, e non tamén á xente que está sobre das murallas, que terá que comer convosco o seu propio esterco e beber os seus mexos?".
28E entón ergueuse o copeiro maior e berrou na lingua dos xudeus: —"Escoitade a palabra que vos di o gran rei, o rei de Asiria: 29non vos deixedes enganar por Ezequías, que non vos poderá librar das miñas mans. 30Que Ezequías non vos faga confiar no Señor, dicindo: de certo nos librará o Señor e non entregará esta cidade no poder do rei de Asiria. 31Non lle fagades caso a Ezequías. Isto é o que vos aconsella o rei de Asiria: facede as paces comigo e sometédevos a min, e cada un poderá comer da súa viña e da súa figueira e beber auga do seu pozo, 32Ata que veña eu para levarvos a un país coma o voso, terra de trigo e de mosto, terra de pan e de viño, terra de aceite e de mel. Viviredes e non morreredes. Non lle fagades caso a Ezequías, que vos engana, dicindo: o Señor hanos librar.
33Houbo algún, entre os deuses das nacións, que librase a súa terra do poder do rei de Asiria? 34Onde están os deuses de Hamat e de Arpad? Onde os de Sefarvaim, de Hená e de Avá? Librou alguén da miña man a Samaría? 35Cal de entre todos os deuses deses países librou da miña man a súa terra? E vai o Señor librar agora Xerusalén da miña man?"
36A xente calou e non lle respondeu unha palabra, pois o rei mandara que non lle respondesen. 37Eliaquim, fillo de Hilquías, mordomo do pazo, Xébnah, o secretario, e Ioah, fillo de Asaf, o cronista, presentáronse onda Ezequías coas vestiduras rachadas, e referíronlle todo o que dixera o copeiro maior.
Currently Selected:
2 Reis 18: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT