2 Reis 14
14
Amasías de Xudá
1No ano segundo do reinado de Ioax, fillo de Ioacaz, en Israel, empezou a reinar sobre Xudá Amasías, fillo de Ioax. 2Tiña vinte e cinco anos cando empezou a reinar e reinou vinte e nove anos en Xerusalén.
3Fixo o que é xusto ós ollos do Señor, pero non coma seu pai David. Portouse en todo coma seu pai Ioax. 4Mais os altares dos outeiros non desapareceron, e o pobo seguiu ofrecendo neles sacrificios e incenso.
5Cando o reino estaba ben firme nas súas mans, matou os ministros que mataran ó rei, seu pai. 6Pero os fillos deses ministros non os matou, conforme co que está escrito no Libro da Lei de Moisés, onde manda o Señor: —"Non morrerán os pais por culpa dos fillos, nin os fillos por culpa dos pais; cada un morrerá polo propio pecado".
7Amasías derrotou a Edom no Val do Sal, dez mil homes, e daquela conquistou Petra. Chamoulle Ioctael, nome que leva ata hoxe. 8Entón mandou Amasías unha embaixada a Ioax, fillo de Ioacaz, fillo de Iehú, rei de Israel, con esta mensaxe: —"Ven, que nos vexamos as caras!"
9Ioax, rei de Israel, respondeulle a Amasías, rei de Xudá: —"O espiñeiro de Líbano mandou dicir ó cedro de Líbano: dáme a túa filla por muller para o meu fillo; mais pasaron as feras do Líbano e esmagaron o espiñeiro. 10Porque venciches a Edom, estás moi enfonchado. Conténtate con esa gloria e queda na túa casa. Por que queres desencadear unha desgraza e caer nela, ti e Xudá contigo?".
11Pero Amasías non fixo caso. Entón Ioax, rei de Israel, subiu e víronse as caras, el e Amasías, rei de Xudá, en Betxémex de Xudá. 12Xudá foi vencida por Israel, e cada un fuxiu para a súa tenda. 13Ioax, rei de Israel, colleu preso en Betxémex a Amasías, fillo de Ioax, fillo de Ocozías, rei de Xudá, e levouno a Xerusalén. Alí abriu unha fenda de catrocentos cóbados na muralla, entre a porta de Efraím e a porta do Ángulo. 14Apreixou todo o ouro e a prata e todos os obxectos que había no templo do Señor e no pazo real, tomou uns poucos reféns e volveu para Samaría.
15O resto da historia de Ioax, os seus feitos e as súas fazañas, e a guerra que fixo contra Amasías, rei de Xudá, non está todo escrito no Libro das Crónicas dos reis de Israel? 16Ioax adormeceu con seus pais, e enterrárono en Samaría, cos reis de Israel. Sucedeulle no trono o seu fillo Ieroboam.
17Amasías, fillo de Ioax, rei de Xudá, sobreviviu quince anos a Ioax, fillo de Ioacaz, rei de Israel. 18O resto da historia de Amasías, non está escrito no Libro das Crónicas dos reis de Xudá?
19Contra el maquinaron en Xerusalén unha conxura, e el fuxiu cara a Láquix. Pero fórono perseguindo ata alí e alí matárono. 20Cargárono en cabalos e enterrárono en Xerusalén, na cidade de David, onda seus pais. 21Xudá enteiro fixouse en Azarías, cando tiña dezaseis anos, e aclamárono rei, no posto de seu pai Amasías. 22El reconstruíu Eilat e volveullo a Xudá, despois de que o rei adormeceu con seus pais.
Ieroboam de Israel
23No ano quince do reinado de Amasías, fillo de Ioax, en Xudá, empezou a reinar sobre Israel Ieroboam, fillo de Ioax. Reinou en Samaría corenta e un anos. 24Fixo o mal ós ollos do Señor. Non se arredou dos pecados que Ieroboam, fillo de Nabat, fixera cometer a Israel.
25Restableceu as fronteiras de Israel, desde a entrada de Hamat ata o mar de Arabah, conforme a palabra que o Señor, Deus de Israel, dixera polo seu servo o profeta Xonás, fillo de Amitai, de Gat—Héfer. 26Iso foi porque o Señor se fixara na pobreza e na aflicción de Israel, ó non lle quedar escravo nin libre, nin ninguén que o axudase. 27O Señor non decidira aínda borrar o nome de Israel de debaixo do sol; e salvouno por medio de Ieroboam, fillo de Ioax.
28O resto da historia de Ieroboam, os seus feitos e as súas proezas guerreiras, e mais o que fixo por recuperar Damasco e Hamat para Israel, non está todo escrito no Libro das Crónicas dos reis de Israel? 29Ieroboam adormeceu con seus pais, os reis de Israel, e sucedeulle no trono o seu fillo Zacarías.
Currently Selected:
2 Reis 14: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT