2 Reis 13
13
Ioacaz de Israel
1No ano vinte e tres do reinado de Ioax, fillo de Ocozías, en Xudá, empezou a reinar sobre Israel, en Samaría, Ioacaz, fillo de Iehú. Reinou dezasete anos.
2Fixo o mal ós ollos do Señor. Repetiu os pecados que Ieroboam, fillo de Nabat, fixera cometer a Israel; non se arredou deles. 3O Señor anoxouse con Israel e entregouno nas mans de Hazael, rei de Aram, e de Benhadad, fillo de Hazael, por todo ese tempo.
4Ioacaz implorou entón ó Señor, e o Señor escoitouno, en vista do asoballamento en que tiña a Israel o rei de Aram. 5O Señor deulle a Israel un liberador, que o librou do xugo de Aram. Os israelitas viviron outra vez en paz coma antes nas súas tendas.
6Pero non se afastaron dos pecados que a familia de Ieroboam fixera cometer a Israel, senón que seguiron neles. Tamén seguiu en pé a imaxe de Axtarté en Samaría. 7Por iso non lle quedou a Ioacaz outro exército ca cincuenta xinetes, dez carros e dez mil soldados de a pé. O rei de Aram esnaquizoulle os outros: deixounos coma po das eiras.
8O resto da historia de Ioacaz, os seus feitos e as súas fazañas, non están escritos no Libro das Crónicas dos reis de Israel? 9Ioacaz adormeceu con seus pais, e enterrárono en Samaría. Sucedeulle no trono o seu fillo Ioax.
Ioax de Israel
10No ano trinta e sete do reinado de Ioax en Xudá, reinou sobre Israel, en Samaría, Ioax, fillo de Ioacaz. Reinou dezaseis anos. 11Fixo o mal ós ollos do Señor. Non se arredou dos pecados que Ieroboam, fillo de Nabat, fixera cometer a Israel. Caeu en todos eles.
12O resto da historia de Ioax, os seus feitos e as súas fazañas, e a loita con Amasías, rei de Xudá, non está todo escrito no Libro das Crónicas dos reis de Israel? 13Ioax adormeceu con seus pais, e sucedeulle no trono Ieroboam. Enterrárono en Samaría, cos reis de Israel.
Morte de Eliseo
14Eliseo enfermou da doenza da que ía morrer. Ioax, rei de Israel, foi visitalo e choraba por el, dicindo: —"Meu pai, meu pai, carro de Israel e o seu condutor!". 15Eliseo díxolle: —"Colle o teu arco e as túas frechas". E el colleunas. 16Eliseo díxolle: —"Empuña o arco coa man". E el empuñouno. Eliseo puxo as súas mans por riba das mans do rei, 17e díxolle: —"Abre a fiestra que dá cara ó oriente". El abriuna. Eliseo díxolle: —"Tira!" E el tirou. Eliseo dixo: —"Frecha de vitoria do Señor, frecha de vitoria contra Aram! Desbaratarás os arameos en Afec, ata exterminalos". 18Despois díxolle: —"Colle as frechas". E el colleunas. Díxolle: —"Fire con elas o chan". E o rei de Israel fíxoo tres veces, e parou. 19O home de Deus incomodouse con el e díxolle: —"Se o ferises cinco ou seis veces, derrotarías a Aram, ata acabar con el. Agora venceralo só tres veces".
20Eliseo morreu, e enterrárono. Naquel ano, bandas de moabitas facían batidas no país. 21E aconteceu que unhas xentes, que enterraban un morto, viron chegar unha desas bandas. Deitaron o morto no sartego de Eliseo e fuxiron. Cando o morto tocou cos ósos de Eliseo, reviviu e púxose en pé.
Desfeita dos arameos
22Hazael, rei de Aram, asoballara a Israel toda a vida de Ioacaz. 23Pero o Señor compadeceuse e tivo misericordia, e volveuse en favor deles, por mor do pacto que fixera con Abraham, Isaac e Xacob, e ata hoxe non consentiu en entregalos nin en botalos da súa presenza.
24Hazael, rei de Aram, morreu, e sucedeulle no trono o seu fillo Benhadad. 25Entón Ioax, fillo de Ioacaz, quitoulle das mans a Benhadad, fillo de Hazael, as cidades que el lle arrebatara a seu pai Ioacaz. Ioax venceuno por tres veces e quitoulle as cidades de Israel.
Currently Selected:
2 Reis 13: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT