YouVersion Logo
Search Icon

2 Reis 12

12
Ioax de Xudá
1Ioax tiña sete anos cando empezou a reinar, 2no ano sétimo do reinado de Iehú, e reinou corenta anos en Xerusalén. A súa nai chamábase Sibia, e era de Beerxeba.
3Ioax fixo sempre o que é debido ós ollos do Señor, seguindo as instrucións do sacerdote Iehoiadá. 4Mais os altares dos outeiros non desapareceron, e a xente seguía ofrecendo neles sacrificios e incenso.
Reparación do templo
5Ioax faloulles ós sacerdotes: —"O diñeiro ofrendado ó templo do Señor, o diñeiro que traia cada persoa, o diñeiro pagado polo censo e o que cadaquén queira traer voluntariamente ó templo do Señor, 6que o recollan os sacerdotes, cada un polos seus axudantes, e eles encargaranse de reparar o templo do Señor, onde queira que atopen danos".
7No ano vinte e tres do reinado de Ioax, os sacerdotes non repararan aínda os danos do templo do Señor. 8O rei chamou entón ó sacerdote Iehoiadá e ós outros sacerdotes, e díxolles: —"Por que tedes os danos do templo aínda sen reparar? De agora en adiante, non colleredes o diñeiro da man dos vosos axudantes, senón que o entregaredes, para reparar os danos do templo do Señor". 9Os sacerdotes consentiron en non coller o diñeiro da xente e en non repararen eles os danos do templo.
10O sacerdote Iehoiadá colleu unha hucha, fíxolle na tapa un burato e colocouna ó pé do altar, pola dereita de quen entra no templo do Señor. 11Cando vían que na hucha había xa moito diñeiro, ía o secretario do rei co sumo sacerdote, recollían o diñeiro que había alí e contábano. 12Despois de contalo, dábanllelo ós capataces das obras do templo do Señor, e estes pagaban con el os carpinteiros e os obreiros todos que traballaban no templo do Señor, 13os albaneis e os canteiros. Con el mercaban madeira e pedra de cantería para reparar os danos do templo. Con el pagaban todos os gastos da súa conservación.
14Co diñeiro traído ó templo do Señor non se facían xerras de prata, nin coitelos, nin aspersorios, nin bucinas, nin obxecto ningún de ouro ou de prata, 15senón que se entregaban ós capataces das obras, e con el restauraban o templo do Señor. 16Non se pedían contas ós homes ós que se encomendaba o diñeiro para pagar os capataces, pois eran xente de fiar. 17O diñeiro dos sacrificios penitenciais e o dos sacrificios polo pecado non se entregaba para o templo: era para os sacerdotes.
Fin do reinado de Ioax
18Por aquel tempo Hazael, rei de Aram, atacou Gat e conquistouna. Despois deu a volta, para atacar Xerusalén. 19Ioax, rei de Xudá, botou man de todas as cousas sagradas ofrecidas polos seus devanceiros Ioxafat, Ioram e Ocozías, reis de Xerusalén, e das que el mesmo fixera, de todo o ouro que había nos tesouros do templo do Señor e do pazo real, e mandoulle todo a Hazael, rei de Aram. Este entón desistiu de subir contra Xerusalén.
20O resto da historia de Ioax, todo o que fixo, non está escrito no Libro das Crónicas dos reis de Xudá? 21Os seus cortesáns revoltáronse e conxuraron contra Ioax, e matárono en Betmiló, baixando cara a Sela. 22Matárono os seus servidores Iozacar, fillo de Ximat, e Iehozabad, fillo de Xomer. Enterrárono con seus pais, na cidade de David. Sucedeulle no trono o seu fillo Amasías.

Currently Selected:

2 Reis 12: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in