2 Reis 11
11
Atalía de Xudá
1Cando Atalía, nai de Ocozías, viu que morrera seu fillo, decidiu exterminar a toda a familia real. 2Pero Ioxeba, filla do rei Ioram e irmá de Ocozías, colleu a Ioax, fillo de Ocozías, levouno ás escondidas de entre os fillos do rei que ían ser asasinados, e meteuno nun apousento coa súa ama. Escondíao para que non o matase Atalía. 3Estivo coa súa ama acochado seis anos, no templo do Señor, mentres Atalía reinaba no país.
4O sétimo ano, mandou buscar Iehoiadá ós xefes de centuria dos carios e da garda real e reuniunos no templo. Fixo con eles un pacto, pedíndolles xuramento no templo do Señor, e presentoulles o fillo do rei.
5Despois comunicoulles as súas disposicións: —"Isto é o que habedes facer: o terzo de vós que fai no sábado a garda do pazo real, 6o terzo que está de posto na porta das cortes dos cabalos e mais o terzo que está na porta de detrás da garda real, faredes a garda do templo en rolda. 7E os outros dous corpos de vós, todos os que saídes da garda do sábado, faredes a garda do rei no templo do Señor. 8Rodearedes o rei por todos os lados, todos coas armas na man. Se alguén tenta romper as ringleiras, matarédelo. Estade ó lado do rei, onde queira que vaia".
9Os xefes de centuria fixeron canto o sacerdote Iehoiadá lles ordenara. Cada un xuntou os seus homes, os que estaban de servizo no sábado e os que quedaban libres nel, e presentáronse ó sacerdote Iehoiadá. 10El entregoulles ós xefes das centurias as lanzas e os escudos do rei David, que se gardaban no templo do Señor. 11Os da garda apostáronse, cada un coa súa arma na man, desde o extremo dereito do templo ata o esquerdo, ó longo do altar e do santuario, arredor do rei. 12Entón Iehoiadá amosou ó fillo do rei, púxolle a coroa e o testemuño e unxiuno por rei. Niso todos bateron palmas e berraron: —"Viva o rei!"
13Cando Atalía oíu o algueirada da garda e do pobo, meteuse por entre a xente no templo do Señor. 14Ao ver o rei de pé sobre o estrado, segundo o costume, arroupado cos xefes e coa banda de música, e o pobo todo en festa e tocando as bucinas, Atalía rachou os seus vestidos e exclamou: —"Traizón, traizón!"
15O sacerdote Iehoiadá ordenou ós xefes de centuria que mandaban na tropa: —"Tirádea fóra do adro, e ós que a sigan matádeos a espada". O sacerdote non quería que a matasen dentro do templo. 16Levárona fóra a empurróns, pola porta das cortes dos cabalos, e alí matárona.
17Iehoiadá concluíu o pacto entre o Señor, o rei e mais o pobo, polo que este se obrigaba a facerse o pobo do Señor. 18Despois a xente foi correndo ó templo de Baal e derrubárono, romperon os altares e as imaxes, e diante do altar mataron a Matán, o sacerdote de Baal.
O sacerdote Iehoiadá puxo garda no templo do Señor, 19e logo, cos xefes de centuria, cos carios, coa garda e co pobo todo, baixaron o rei do templo do Señor e levárono ó pazo real. Entón Ioax sentouse no trono da realeza. 20O pobo fixo festa e a cidade quedou en calma. A Atalía matárana ó pé do pazo real.
Currently Selected:
2 Reis 11: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT