YouVersion Logo
Search Icon

2 Reis 10

10
Reinado sanguento de Iehú
1En Samaría vivían setenta fillos de Acab. Iehú escribiu cartas e mandounas a Samaría, ós maxistrados da cidade, ós anciáns e ós mestres dos fillos de Acab. Nelas dicíalles: 2—"Cando vos chegue esta carta, xa que tedes convosco os fillos do voso señor, e tedes tamén os seus carros, os seus cabalos, unha cidade fortificada e armas, 3vede cal dos fillos do voso señor é o mellor e o máis xusto, sentádeo no trono do seu pai e dispoñédevos a loitar pola familia do voso señor". 4Eles, mortos de medo, dixeron: —"Se entre os dous reis non lle puideron facer fronte, como lla faremos nós?"
5Entón o mordomo do pazo, o gobernador da cidade, os anciáns e os mestres mandáronlle dicir a Iehú: —"Nós somos todos servos teus e faremos o que nos mandes. Non elixiremos ningún rei. Fai ti como che pareza".
6Iehú escribiulles outra carta, na que dicía: —"Se vós estades comigo e me obedecedes, vinde onda min a Iezrael, mañá destas horas, e traédeme as cabezas dos fillos do noso señor". Os setenta fillos do rei estaban cos grandes da cidade, que os criaban. 7En recibindo eles a carta, colleron ós fillos do rei, mataron ós setenta, puxeron en cestos as cabezas e mandáronllas a Iehú, a Iezrael.
8Entrou onda el o recadeiro e anuncioulle: —"Trouxeron as cabezas dos fillos do rei". E el ordenou: —"Poñédeas en dous montóns, ás portas da cidade, ata mañá pola mañá". 9Pola mañá saíu Iehú, e en pé diante de toda a xente, dixo: —"Vós sodes inocentes. Eu conspirei contra o meu señor e mateino. Pero a todos estes quen os matou? 10Vede como non cae polo chan ningunha das palabras que dixera o Señor contra a familia de Acab. O Señor cumpre o que dixo polo seu servo Elías".
11Iehú acabou tamén cos que quedaban da casa de Acab en Iezrael, os grandes, os parentes, os sacerdotes, sen deixar restos de ninguén. 12Despois colleu e foise a Samaría. Cando, polo camiño, chegaba a Bet—Équed—Haroim, 13Atopouse Iehú cos irmáns de Ocozías, rei de Xudá, e preguntoulles: —"Vós, quen sodes?" Respondéronlle eles: —"Somos irmáns de Ocozías e imos visitar os fillos do rei e os fillos da raíña". 14Iehú ordenou: —"Collédeos vivos". Colléronos vivos, e logo esganáronos onda a balsa de Bet—Équed. Eran corenta e dous homes, e non quedou sequera un.
15Iehú seguiu máis adiante e encontrouse con Ionadab, fillo de Recab, que viña ó seu encontro. Iehú saudouno e preguntoulle: —"Es ti sincero comigo, coma o son eu contigo?" Ionadab respondeulle: —"Son". —"Entón dáme a man". El deulle a man, e Iehú gurrou del para o seu carro. 16E díxolle: —"Vén comigo e verás o meu celo polo Señor". E levouno con el no seu carro. 17Iehú entrou en Samaría e matou os que quedaban alí da casa de Acab, ata acabar con toda a familia, como dixera o Señor por medio de Elías.
18Despois reuniu Iehú ó pobo todo e faloulles: —"Acab serviu un pouco a Baal; Iehú servirao moito máis. 19Convocade onda min a todos os profetas de Baal, os seus adoradores e os seus sacerdotes. Que non falte ningún, porque quero ofrecer a Baal un gran sacrificio. Aquel que falte non vivirá". Iehú procedía arteiramente, para ver de acabar dunha vez con todos os adoradores de Baal.
20Logo ordenou: —"Convocade asemblea santa en honor de Baal". E convocárona. 21Iehú mandou recado por todo Israel, e viñeron todos os devotos de Baal, sen fallar nin sequera un. Reuníronse todos no santuario de Baal, que se encheu de parede a parede. 22Iehú ordenoulle ó garda do vestiario: —"Tira vestiduras para os devotos de Baal". E el tirou vestiduras para todos.
23Niso entrou Iehú con Ionadab, fillo de Recab, no templo de Baal e díxolles ós seus adoradores: —"Asegurádevos de que non hai entre vós ningún servidor do Señor, senón só os devotos de Baal". 24Entón comezaron a ofrecer sacrificios e holocaustos.
Iehú apostara fóra oitenta homes, con esta encomenda: —"O que deixe zafarse un destes homes que poño nas vosas mans, pagará por el coa súa vida". 25Cando acabaron de ofrecer o holocausto, Iehú mandou ós gardas e ós oficiais: —"Entrade e matádeos. Que non fuxa ningún". Os gardas e os oficiais matáronos a fío de espada, e despois botáronos fóra. Entraron logo no camarín de Baal, 26retiraron del a estela e queimárona, 27destruíron o altar de Baal, derrubaron o templo e convertérono en esterqueira, ata hoxe.
28Deste xeito foi como acabou Iehú con Baal en Israel. 29Pero Iehú non se afastou dos pecados que Ieroboam, fillo de Nabat, fixera cometer a Israel, cos becerros de ouro de Betel e de Dan. 30O Señor comunicoulle: —"Xa que tiveches un bo comportamento, facendo o que é xusto ós meus ollos, e trataches como eu decidira á familia de Acab, os teus fillos sentarán no trono de Israel, ata a cuarta xeración".
31Pero Iehú non procurou seguir a lei do Señor, Deus de Israel, con todo o seu corazón. Non se afastou dos pecados que Ieroboam fixera cometer a Israel. 32Entón empezou o Señor a minguar o territorio de Israel. Hazael bateuno en todas as fronteiras, 33des—de o Xordán cara ó nacente, cos territorios de Galaad, de Gad, de Rubén e de Menaxés, e desde Aroer, que está onda o Arnón, ademais de Galaad e de Baxán.
34O resto da historia de Iehú, os seus feitos e as súas fazañas, non está todo escrito no Libro das Crónicas dos reis de Israel? 35Iehú adormeceu con seus pais, e enterrárono en Samaría. Sucedeulle no trono o seu fillo Ioacaz. 36Iehú reinara vinte e oito anos sobre Israel, en Samaría.

Currently Selected:

2 Reis 10: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in