YouVersion Logo
Search Icon

2 Reis 9

9
Iehú, rei de Israel
1O profeta Eliseo chamou a un dos fillos dos profetas e encargoulle: —"Cingue o cinto, colle este frasco de aceite e vai a Ramot de Galaad. 2Cando chegues alá, pescuda onde está Iehú, fillo de Ioxafat, fillo de Nimxí. Entras onda el, afástalo dos seus compañeiros e lévalo a un sitio reservado. 3Colles o frasco do aceite e vértesllo na cabeza, dicindo: isto di o Señor: únxote por rei de Israel. Logo abres a porta, e vaste, sen máis demora".
4O mozo profeta foi a Ramot de Galaad. 5Chegou e encontrou en xunta ós xefes do exército, e dixo: —"Teño unha palabra para ti, xefe". Iehú preguntou: —"Para quen de nós?" El respondeulle: —"Para ti, xeneral".
6Iehú levantouse e entrou na casa, e o profeta verteulle o aceite na cabeza, dicindo: —"Isto di o Señor, Deus de Israel: únxote por rei do pobo do Señor, de Israel. 7Desbaratarás a casa de Acab, teu señor, e eu vingarei en Iezabel o sangue dos meus servidores, os profetas, e o sangue de todos os servos do Señor. 8Perecerá toda a familia de Acab. Exterminareille a Acab en Israel todo varón, escravo ou libre. 9Farei coa familia de Acab o que fixen coa de Ieroboam, fillo de Nabat, e coa de Baxá, fillo de Ahías. 10E a Iezabel comerana os cans no agro de Iezrael, sen que ninguén lle dea terra". Dito iso, o profeta abriu a porta e marchou.
11Iehú saíu para xuntarse cos oficiais do seu soberano, que lle preguntaron: —"Vai todo ben? Que che quería ese tolo?" El respondeulles: —"Xa coñecedes o home e a súa canción". 12Pero eles insistiron: —"Mentira! Conta, conta!" Iehú entón confesoulles: —"Exactamente díxome así: isto di o Señor: únxote por rei de Israel". 13De seguida colleron eles cadanseu manto, botáronos ós seus pés, sobre as gradas, tocaron a trompeta e aclamaron: —"Iehú é rei!"
14Entón Iehú, fillo de Ioxafat, fillo de Nimxí, urdiu contra Ioram a súa conxura. Ioram estaba con todo Israel defendendo Ramot de Galaad contra Hazael, rei de Aram. 15O rei Ioram volvérase a Iezrael, para curarse das feridas que lle fixeran os arameos, na guerra con Hazael, rei de Aram.
Iehú propuxo: —"Se vos parece ben, que ninguén saia da cidade para levar a nova a Iezrael". 16E axiña, el montou no seu carro e foise a Iezrael, onde estaba Ioram doente e onde fora visitalo Ocozías, rei de Xudá.
17En Iezrael, o vixía que facía a garda na torre viu vir a tropa de Iehú, e berrou: —"Vexo vir unha tropa". Ioram ordenou: —"Colle e manda un xinete ó seu encontro, e que pregunte se hai boas novas". 18Saíu o xinete ó seu encontro e dixo: —"Isto di o rei: Hai boas novas?" Iehú respondeulle: —"Que che importan a ti as boas novas? Ponte detrás de min".
O vixía comunicou: —"O recadeiro chegou onda eles e non volve". 19Entón mandou outro xinete, que chegou xunto deles e dixo: —"Isto di o rei: Hai boas novas?" Respondeulle Iehú: —"Que che importan a ti as boas novas? Ponte aí detrás".
20A sentinela comunicou: —"Chegou onda eles e non volve. O que guía o carro faino coma Iehú, fillo de Nimxí, pois guía coma un tolo". 21Ioram ordenou entón: —"Enganchade!" Engancháronlle o carro e saíron Ioram, rei de Israel, e Ocozías, rei de Xudá, cada un no seu carro. Correron ó encontro de Iehú e tropezáronse no herdo de Nabot de Iezrael.
22Cando Ioram viu a Iehú, preguntoulle: —"Boas novas, Iehú?" Iehú respondeulle: —"Como queres que haxa boas novas, mentres duran as prostitucións de túa nai Iezabel e as súas feiticerías?" 23Ioram niso pegou a volta e escapou, ó tempo que lle berraba a Ocozías: —"Traizón, Ocozías!"
24Pero Iehú tensou o arco e acertoulle coa frecha a Ioram, no medio das costelas, de xeito que lle atravesou o corazón, e caeu morto no seu carro. 25Iehú díxolle entón ó seu axudante Bidcar: —"Cólleo e bótao no herdo de Nabot de Iezrael. Pois lembraraste de que, cando iamos xuntos ti e mais eu, montados detrás de seu pai Acab, o Señor pronunciou conta el esta sentencia: 26Non vin eu aquí onte o sangue de Nabot e o dos seus fillos? Palabra do Señor. Pois neste mesmo agro dareiche eu o teu merecido, Palabra do Señor. Cólleo, pois, e guíndao neste herdo, conforme a palabra do Señor".
27A vista disto, Ocozías, rei de Xudá, liscou polo camiño de Bet—Hagán. Pero Iehú foino perseguindo e berrando: —"A el tamén!" E ferírono no seu carro, na costa de Gur, cerca de Ibleam. El seguiu fuxindo cara a Meguido, onde morreu. 28Os seus servidores levárono no seu carro a Xerusalén e enterrárono na cidade de David, no túmulo de seus pais. 29Ocozías empezara a reinar en Xudá no ano once do reinado de Ioram, fillo de Acab.
30Iehú entrou en Iezrael. Iezabel, ó sabelo, enfeitou os ollos, peiteou os cabelos e debruzouse no corredor. 31Cando Iehú entraba pola porta, ela díxolle: —"Traes boas novas, Zimrí, asasino do teu señor?" 32El ergueu entón os ollos cara ó corredor, e preguntou: —"Quen está aí da miña parte, quen?" Apareceron dous ou tres eunucos, 33e el díxolles: —"Botádea embaixo". E eles guindárona. O seu sangue salferiu a parede e os cabalos, que a esmagaron.
34Iehú entrou, comeu e bebeu, e logo dixo: —"Facédevos cargo desa maldita e enterrádea; á fin, é filla de rei". 35Cando foron para enterrala, non atoparon dela máis cá caveira, os pés e as mans. 36Voltaron para dicirllo, e Iehú comentou: —"É o que o Señor tiña anunciado polo seu servo Elías o texbita, cando dixo: no agro de Iezrael comerán os cans a carne de Iezabel. 37O seu cadáver será coma esterco no agro, no herdo de Iezrael, de xeito que ninguén poderá dicir: esa é Iezabel".

Currently Selected:

2 Reis 9: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in