2 Corintios 6
6
Os apertos do ministerio apostólico
1Coma colaboradores seus, exhortámosvos a non desaproveitar a graza de Deus.
2Pois di El:
no tempo oportuno, escoiteite; en día de salvación acudinche.
Pois agora é tempo oportuno, agora é día de salvación.
3Nunca damos motivo de escándalo en nada, para que o noso ofrecemento non se poida censurar. 4O contrario, acreditámonos decote coma servidores de Deus con tanto como sufrimos: tribulacións, adversidades, angustias, 5golpes, prisións, tumultos, angueiras, noites en vela, días sen comer; 6Actuando con limpeza, con siso, con paciencia, con bondade, coa guía do Espírito Santo; con amor sincero, 7coa mensaxe da verdade e a forza de Deus; empuñando na dereita e na esquerda as armas da honradez, 8tanto na honra coma na afronta, tanto na boa coma na mala sona. Pasamos por falsarios, e mais dicimos a verdade; 9pasamos por descoñecidos, e ben que se nos coñece; pasamos por moribundos, e mais ben vivos que estamos; pasamos por destinados ó castigo, e mais nunca non nos executaron; 10pasamos por xente triste, e ben alegres que estamos sempre; pasamos por pobres, e mais enriquecemos a moitos; pasamos por xente que non ten nada, e mais témolo todo.
11Falámosvos francamente, corintios; abrímosvos de todo o noso corazón. 12Non é dentro de nós onde estades apertados; é, máis ben, nas vosas entrañas. 13Pois correspondede vosoutros agora: xa que vos falo coma a fillos, sede sinceros tamén vós.
As relacións cos pagáns
14Nos vos xungades en parella desigual cos infieis. Que ten que ver a rectitude coa maldade? Ou é que poden andar xuntas luz e escuridade? 15Que sintonía pode haber entre Cristo e Beliar? Pode o crente ser parceiro do infiel? 16Que consenso pode haber entre o templo de Deus e mais os ídolos? Nós somos templo de Deus vivo; así o dixo Deus: hei vivir e camiñar con eles; serei o seu Deus e eles serán o meu pobo. 17Por iso di o Señor: saíde do medio desa xente, afastádevos, non toquedes o que é impuro, e eu acollereivos. 18Serei un pai para vós e vós seredes para min fillos e fillas, di o Señor que todo o sostén.
Currently Selected:
2 Corintios 6: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT