2 Corintios 7
7
1Xa que tales promesas temos, meus amigos, limpémonos de toda inmundicia de corpo ou de espírito e completemos a santificación no temor de Deus.
Cariño de Paulo polos corintios
2Facédenos un sitio no voso corazón: a ninguén ofendemos, a ninguén defraudamos, a ninguén explotamos. 3Non o digo para vos censurar; xa vos dixen que ides tan dentro dos nosos corazóns que estamos xuntos para vivir e mais para morrer. 4Teño moita confianza en vós e estou orgulloso de vós. Estou moi animado e rebordo alegría no medio de todas as nosas tribulacións.
5Certo que tampouco ó chegar a Macedonia non tivemos acougo, senón ó contrario, tribulacións por todas partes: cara a fóra, loitas; e cara a dentro, temores. 6Pero Deus, que lles dá alento ós abatidos, consoloume coa chegada de Tito. 7Vaia, coa chegada e cos ánimos que traía de vós, contándome da vosa saúde, das vosas mágoas, da vosa ansia por min, o que me alegrou aínda máis.
8Por iso, a pesar de que vos contristei coa miña carta, non teño pena. Se o sentía ó ver que aquela carta vos contristou, aínda que foi momentaneamente, 9Agora alégrome, non de que vos contristásedes senón de que esa tristeza vos levase ó arrepentimento. A vosa foi unha tristeza segundo criterios de Deus, así que non perdestes nada por culpa nosa. 10Pois unha tristeza segundo criterios de Deus produce un arrepentimento para a salvación, sen volta atrás; mentres que a tristeza por motivos mundanos produce a morte. 11Velaí canta ansia provocou en vós o contristarvos segundo criterios de Deus e mesmo con que desculpas e con que indignación, con que temor, con que saudade, con que emulación, con que escarmento demostrastes de todos os modos posibles que non tiñades culpas no asunto. 12Así que, se vos escribín, non foi en realidade nin polo ofensor nin polo ofendido; só quería que manifestásedes diante de Deus o interese que tedes por nós. 13E isto foi o que nos consolou.
Ademais desta satisfacción, alegrámonos moito máis aínda ó ver a alegría de Tito, a quen tanto tranquilizastes. 14Se en algo presumín de vós, non quedei mal; do mesmo modo que vos dixemos sempre a verdade, así tamén as loanzas que de vós lle fixen a Tito saíron certas. 15E o agarimo que vos ten medra aínda máis, ó lembrar agora a obediencia de todos vós, e como o recibistes con sumo respecto. 16Alégrome de poder contar convosco para todo.
Currently Selected:
2 Corintios 7: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT