2 Corintios 11
11
Autodefensa de Paulo
1Ai, se me aturásedes un pouco de tolería! Aturádema, veña! 2É que sinto celos de vós, os celos de Deus, pois quíxenvos desposar cun único marido, presentándovos a Cristo coma unha virxe pura. 3Temo que, así como a serpe seduciu a Eva coa súa astucia, así tamén se trastornen os vosos criterios, arredándovos da sinceridade que lle debedes a Cristo. 4Porque se vos vai alguén anunciar outro Xesús diferente do que vos anunciamos nós, ou se recibides un espírito diferente do que recibistes, ou un evanxeo diferente do que aceptastes, vós aturádelo coma se nada.
5Pois eu non me considero menos do que eses super-apóstolos. 6Terei pouca elocuencia pero non pouca ciencia e téñovolo demostrado en todo e de moitos xeitos. 7Ou é que fixen mal en abaixarme para elevarvos a vós, anunciándovos de balde o Evanxeo de Deus? 8Para podervos servir a vós, tiven que despoxar outras igrexas, aceptando unha paga. 9E, mentres estiven entre vós, por moitos apuros que pasase, non fun carga para ninguén: os irmáns que viñeron de Macedonia subvencionaron as miñas necesidades; gardeime e gardareime de servos gravoso en nada. 10Pola verdade de Cristo que hai en min: dígovos que esta honra non ma vai quitar ninguén nas rexións de Acaia. 11Por que? Porque non vos quero? Ben o sabe Deus!
12O que veño facendo seguireino a facer, a fin de privar a eses do pretexto que buscan para se poderen gloriar de ser iguais ca nós. 13Os tales son falsos apóstolos, traballadores trampulleiros, disfrazados de apóstolos de Cristo. 14Pero non é estraño, porque o mesmo Satán se disfraza de anxo da luz; 15non é por demais que tamén os seus servidores se disfracen de servidores da xustiza. Pero a fin desa xente ha ser conforme as súas obras.
As súas tribulacións polo Evanxeo
16Repito: que ninguén coide que eu son un insensato. E, se non, se por insensato me tedes, deixade que tamén eu alardee un pouco. 17O que vou dicir, non o digo conforme o Señor, senón coma na tolería, no suposto da presunción. 18Xa que tantos se gaban de glorias humanas vou presumir eu tamén, 19que vós, tan sensatos, soportades con gusto ós insensatos. 20Soportades que vos escravicen, que vos devoren, que vos exploten, que vos traten con arrogancia, que vos dean labazadas. 21Con vergonza dígoo: somos, de certo, demasiado febles...
Pero no que outro se atreva e dígoo na tolería, eu tamén me atrevo. 22Que eles son hebreos? Eu tamén. Que son israelitas? Eu tamén. Que son eles da semente de Abraham? Eu tamén. 23Que son servidores de Cristo? Vou dicilo desvariando: pois eu sono máis ca eles.
Gáñolles en traballos, gáñolles en prisións; sen comparanza en malleiras e en perigos de morte. 24Cinco veces recibín dos xudeus as corenta azoutas menos unha; 25tres veces me flaxelaron, unha vez apedráronme; tres veces naufraguei, chegando a pasar unha noite e un día perdido no mar. 26En andainas frecuentes: con perigos de ríos, perigos de salteadores, perigos da parte dos da miña raza, perigos da parte dos xentís, perigos na cidade, perigos no despoboado, perigos no mar, perigos entre falsos irmáns. 27En traballos e canseiras, en abondas noites sen durmir, con fame e sede, a miúdo sen comer, con frío e sen roupa que vestir. 28E amais doutras cousas, a miña angueira de cada día: a preocupación por todas as igrexas. 29Quen esmorece, sen que esmoreza eu? Quen sofre escándalo, sen que eu me abrase?
30Se hai que presumir, presumirei da miña fraqueza. 31O Deus e Pai do noso Señor Xesús que é bendito polos séculos ben sabe que non minto.
32En Damasco o gobernador do rei Aretas tiña baixo vixilancia a cidade toda, para me prender; 33pero descolgáronme por unha fiestra da muralla, metido nun cesto e así fuxinlle das mans.
Currently Selected:
2 Corintios 11: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT